Ponte de Sarandón
Ponte de Sarandón | ||||
---|---|---|---|---|
![]() | ||||
Tipo | ponte ![]() | |||
Localización | ||||
| ||||
Estado | España | |||
Comunidade autónoma | Galicia | |||
Provincia | Provincia da Coruña | |||
Concello | Vedra | |||
Parroquia | San Miguel de Sarandón ![]() | |||
Construción | ||||
Fundación | 1929 ![]() | |||
[ Wikidata ] |
A ponte de Sarandón é unha ponte que salva o río Ulla e une as parroquias de San Miguel de Sarandón (Vedra) e Ribeira (A Estrada) e ó mesmo tempo as provincias da Coruña e Pontevedra. Sobre ela pasa a estrada PO-7021.
Calcúlase que se levantou no século XII e sufriu varias inundacións que a destruíron case na súa totalidade. Estivo tempo sen repararse e en 1929 terminouse de construír unha nova sobre os vellos piares.
Historia
[editar | editar a fonte]Crese que no ano 1180 (século XII) existía unha ponte que contaba con seis arcos e unha capela dedicada a San Miguel. Dúas inundacións danaron considerablemente a ponte. A primeira no 1571 desfíxoa cando menos parcialmente e a segunda, no ano 1708 apenas deixou rastro dos cimentos. Esta subida do río tamén afectou varios quilómetros arriba á ponte da parroquia de Ponte Ulla. Durante anos empregáronse barcas para trasladar persoas e mercadorías polo río. Estas barcazas eran arrendadas por períodos de catro e seis anos e deron lugar ao nome de «barca de Sarandón». Finalmente no ano 1835 reconstruíuse a ponte de Ponte Ulla pero a de Sarandón tardaría case un século en levantarse de novo.[1]
No Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz publicado en 1849 menciónase o nome da barca de Sarandón:
[...] Los caminos vecinales y municipales, así como el que desde Santiago llega á la barca de Sarandón están mal cuidados: el correo se recibe de Santiago por baligero que lo conduce á Orense. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, tomo XV, Madrid 1849.
Non sería ata o 20 de outubro do ano 1913 cando se deixou constancia no pleno municipal do concello da Estrada a necesidade de mellorar a comunicación entre ambas provincias.
[...] poniendo en comunicación a los hoy aislados habitantes de las mismas [...] las ruinas del llamado de Sarandón, que la acción del tiempo destruyó conservándose aún los cimientosExtracto da acta do Pleno Municipal da Estrada o 20 de outubre de 1913.
Esta situación repetiuse nos plenos de 1915 e en 1917 acórdase «solicitar del Sr. Gobernador Civil la correspondiente declaración de utilidad pública, previa instrucción del expediente». O 22 de marzo de 1918 aprobase finalmente no pleno o proxecto para a reconstrución e en 1921 o enxeñeiro Manuel Espárrago Fernández realiza un informe onde explicaba a situación da ponte e a súa orixe romana. Aclaraba ademais que se destruíra parcialmente durante o enfrontamento de Pedro Madruga e o arcebispo de Santiago no contexto das guerras irmandiñas e que a principios do século XIX xa se atopaba derruído.
[...] conservándose tan solo y en muy buen estado las soleras de las pilas y estribos y parte de la avenida del lado de la Coruña.Extracto do informe de Manuel Espárrago, 1921.
No informe especifícase que «construirase sobre as pías que se conservan unha ponte nova de 8 tramos, de 10,80 metros cada un, de formigón armado, acadando unha lonxitude total de 96 metros». Faríase ademais un firme novo de canto rodado machucado e conectaríanse os camiños de ambos lados do río. O custo total das obras ascendían a 106.208,84 pesetas financiado o 54% o Estado e o resto o concello da Estrada. Estableceuse un prazo inicial de dous anos pero que non se cumpriu e a obra non se levou a cabo ata finais de 1926 tras varias queixas da Deputación Provincial. As obras iniciáronse pero alargáronse ata 1929 con cambios no proxecto inicial. Algúns veciños chamaron a atención aos enxeñeiros que a ponte era demasiado baixa xa que en épocas de choivas o río medraba ata a altura da plataforma. A pesar disto continuouse e cando se inaugurou houbo unha inundación aínda que non ocasionou danos. Tal era a subida do río que unha persoa podía alcanzar a auga dende a ponte a punta dun paraugas.[2][3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Correo de Galicia". El Correo Gallego. 2 de outubro de 1879. Consultado o 23 de xaneiro de 2025.
- ↑ Barreiro Molano, Olalla (2009). "Proxecto de reforma de dúas pontes sobre o río Ulla: Sarandón e Pontevea" (PDF). A ESTRADA miscelánea histórica e cultural (12): 195–199. ISSN 1139-921X. Consultado o 24-01-2025.
- ↑ Neira, Henrique; Anca, Juan Ángel. "Downstream a journey to dream of Trails by the rivers Ulla, Tambre and Xallas" (PDF) (en inglés): 34. ISBN 978-84-694-6708-4.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ponte de Sarandón ![]() |