Saltar ao contido

Camón americano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Porphyrio martinicus»)
Camón americano

adulto

xove
xove

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Gruiformes
Familia: Rallidae
Xénero: Porphyrio
Especie: Porphyrio martinica
(Linnaeus, 1766)
     Todo o ano     Reprodutores     Non reprodutores
     Todo o ano     Reprodutores     Non reprodutores

     Todo o ano     Reprodutores     Non reprodutores
Sinonimia
  • Fulica martinica Linnaeus, 1766
  • Porphyrula martinica
  • Porphyrio martinicus (lapsus)

O camón americano[2] (Porphyrio martinica) é un rálido do xénero Porphyrio. O seu adxectivo de especie, martinica, significa 'da (illa) Martinica'.[3]

Descrición

[editar | editar a fonte]

O camón americano é un rálido de mediano tamaño, que mide 26-37 cm de longo, ten unha envergadura alar de 50-61 cm e un peso de 141-305 g.[4][5] Os machos, cunha media de 257 g de peso, son lixeiramene maiores que as femias, que só chegan aos 215 g como media.[6] Un adulto ten plumaxe azul purpúreo que ao darlle ben a luz ten brillo verde ou turquesa. Os adultos tamén teñen un escudo azul claro na fronte, que conecta co bico vermello e amarelo. A escuridade ou a pouca luz poden atenuar as cores azul purpúreas do adulto e darlle unha aparencia escura ou amarronada, aínda que a cor do escudo frontal serve para diferencialos de especies similares como a Gallinula galeata. Os inmaturos son de cor marrón bronce, con plumas púrpuras no peito, e o bico e escudo frontal son de cor clara. As aves xoves son marróns claras cun tons de bronce verde nas ás e dorso, e cobertoiras brancas baixo a cola.[5]

Os camóns americanos teñen dedas longas que lles axudan a camiñar sobre a vexetación flotante, ao distribuíren o seu peso nunha superficie grande. Teñen unha disposicións das dedas anisodáctila que tamén faclita agararse aos talos das plantas. Os adultos teñen patas e pés amarelos intensos, os inmaturos teñen patas e pés marróns amarelados, e os xoves teñen patas e pés marróns. Cando voan, as patas quedan colgando. Adoitan voar só a curtas distancias.[5]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Estas aves atópanse nos estados do sur dos Estados Unidos durante a estación reprodutora. Son especies residentes no sur da Florida, o Golfo de México e a costa do Pacífico de México, partes de América Central e o Caribe. Durante a estación non reprodutora, atópanse máis no interior en partes de América Central. Poden tamén encontrarse en América do Sur durante a migración, e ás veces desvíanse e poden verse no Canadá. O hábitat da especie son as marismas de auga doce con densa vexetación.[7]

A especie ten o maior padrón de divagancia entre os rálidos, con rexistros de individuos que chegan tan ao oeste como California e as Illas Galápagos, e tan ao norte como Islandia e o Labrador, e polo sur poden chegar ata Terra do Fogo, e polo leste a Gran Bretaña, Portugal e Cabo Verde.[Cómpre referencia]

Esta especie foi rexistrada na Provincia do Cabo en Suráfrica vinteúnha veces. A maioría das aves eran xoves, así que é moi improbable que se estableza alí un terreo de reprodución.[8]

Comportamento e ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

O cortexo dos camóns americanos prodúcese estando de pé e poden realizalo os dous sexos. O cortexo ocorre cando os membros da parella estiveron separados e pasan un preto do outro. Entón realizan a exhibición principal ambos os sexos á vez. A exhibición consiste en que a ave está de pé nunha posición lixeiramente inclinada cara a adiante, co pescozo estirado. As ás póñenas nun ángulo case recto respecto ao corpo e inclinadas nos pulsos, de tal xeito que as primarias fan un ángulo cara a abaixo. Despois da principal exhibición, unha ou ambas as aves alardean e cortan o paso da outra coas ás medio baixadas, ou fan unha pronunciada inclinación a medida que se aproximan.[9]

O niño aboia na auga e sitúano entre densa vexetación ao longo das beiras dos lagos, ríos e liña costeira das marismas. Poñen entre cinco e dez ovos de cor beixe ou rosa claro con manchas marróns ou púrpuras. A parella monógama defende os niños e territorios, e as aves novas permanecen no territorio para axudar a coidar os seus irmáns.[10]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

O camón americano é un omnívoro que se alimenta no chan. Forman parte da súa dieta unha gran variedade de plantas e animais. Algúns dos alimentos que consome son sementes, follas e froitos de plantas terrestres e acuáticas, insectos, larvas de insectos, arañas, outros invertebrados,[11] ras, caracois, miñocas de terra e peixes.[7] Tamén depreda ovos e crías doutras aves,[12][13] como as Jacana.[11]

  1. BirdLife International (2016). "Porphyrio martinicus" 2016: e.T22692827A93371309. doi:10.2305/IUCN.UK.2016-3.RLTS.T22692827A93371309.en. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  3. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 242, 314. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  4. "Purple gallinule". torontozoo.com. Toronto Zoo. Arquivado dende o orixinal o 10 de xaneiro de 2017. Consultado o 19 de setembro de 2023. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "Purple Gallinule". allaboutbirds.org. 
  6. Dunning, John B. Jr., ed. (1992). CRC Handbook of Avian Body Masses. CRC Press. p. 94. ISBN 978-0-8493-4258-5. 
  7. 7,0 7,1 "Purple Gallinule". 
  8. Silbernagl, H. P (1982). "Seasonal and spatial distribution of the American purple gallinule in South Africa". Ostrich 53 (4): 236, 240. Bibcode:1982Ostri..53..236S. doi:10.1080/00306525.1982.9634581. 
  9. Meanley, Brooke (1963). "Pre-nesting activity of the purple gallinule near Savannah, Georgia". The Auk 80 (4): 545, 547. JSTOR 4082862. doi:10.2307/4082862. 
  10. McRae, Susan B. (2011). "Conspecific brood parasitism in the tropics: an experimental investigation of host responses in common moorhens and American purple gallinules". Ecology and Evolution 1 (3): 317, 329. Bibcode:2011EcoEv...1..317M. PMC 3287317. PMID 22393503. doi:10.1002/ece3.26. 
  11. 11,0 11,1 "Porphyrio martinicus (Purple Gallinule or Blue Waterfowl)" (PDF). The Online Guide to the Animals of Trinidad and Tobago. 
  12. Balasubramaniam, Shandiya; Guay, Patrick-Jean (2008). "Purple swamphens (Porphyrio porphyrio) attempting to prey upon black swan (Cygnus atratus) eggs and preying upon a cygnet on an urban lake in Melbourne, Australia". Wilson Journal of Ornithology 120 (3): 633, 635. doi:10.1676/07-150.1. 
  13. Beadel, H. L. (1964). "Purple gallinule robs nest of green heron". The Auk 63 (1): 87, 88. JSTOR 4079916. doi:10.2307/4079916. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Kaufman, Kenn; Lives of North American Birds. Houghton Mifflin Company, Nova York, NY (1996).

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]