Saltar ao contido

Portal:Mozambique/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mozambique, oficialmente República de Mozambique, é un país da África Oriental, bañado polo Oceano Índico ao leste e que fai fronteira con Tanzania ao norte; Malawi e Zambia ao noroeste; Zimbabwe ao oeste e Eswatini e Suráfrica ao suroeste. A capital e maior cidade do país é Maputo, anteriormente chamada Lourenço Marques, durante o dominio portugués.

O territorio foi unha antiga provincia ultramarina portuguesa. Foi colonizado a partir do século XVI. Anteriormente existiran na rexión diversos reinos bantús, sendo o máis coñecido , o Imperio Monomotapa. Mozambique alcanzou a independencia o 25 de xuño de 1975, e estableceuse un réxime socialista de partido único. Entre 1976 e 1992, o país estivo azoutado por unha guerra civil que causou cerca de 900 mil mortos e feridos.

O país ten un enorme potencial agrícola, porén o seu aproveitamento está moi limitado pola proliferación de minas terrestres non desactivadas. As praias paradisíacas e zonas propícias para o mergullo nos seus máis de dous mil quilómetros de costa, así como os parques nacionais e reservas naturais no interior do país, foron aproveitados para o turismo. Mozambique é unha república presidencialista multipartidista dende 1994.

Mozambique conta con cerca de catro decenas de linguas nacionais, entre as cales o macua e o tsonga. O portugués, único idioma oficial, é empregado polo 40% dos mozambicanos, mais apenas o 6,5% o ten como lingua materna.

O país é membro da Organización das Nacións Unidas, da Unión Africana, da Commonwealth de Nacións, da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP), da Unión Latina, da Organización para a Cooperación Islámica, da Comunidade para o Desenvolvemento da África Austral e da Organización Internacional da Francofonía.