Praza de Bolívar
A praza de Simón Bolívar é a praza principal da cidade de Bogotá e de Colombia. Está situada no centro da cidade, entre as carreiras Sétima e Oitava con rúas Décima e Once. Ó seu arredor atópanse algúns dos principais edificios da cidade: polo norte o Palacio de Xustiza, polo sur o Capitolio Nacional, polo leste a Catedral primada de Colombia, a Casa do Cabido Eclesiástico, a Capela do Sagrario e o Palacio Arcebispal e polo oeste o Palacio Liévano, sede da Alcaldía Maior de Bogotá, e polo suroeste o Colexio Maior de San Bartolomé (Bogotá) dos xesuítas. Foi proposta como Monumento Nacional de Colombia pola resolución 51 do 26 de outubro de 1994 e declarada como tal polo decreto 1802 do 19 de outubro de 1995.[1]
Un estudo da Universidade dos Andes sostén que a praza de Bolívar ten 13.903 metros cadrados (incluídas as rúas do seu arredor) e unha capacidade máxima de 98.458 persoas.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]O carácter da praza cambiou considerablemente dende os seus comezos, cando estaba rodeada de casas coloniais e era sede de mercado onde os campesiños traían a vender os seus produtos. Foi trazada polos primeiros colonizadores españois e posuía no centro dende a súa fundación unha columna en madeira que cumpría a función de rolo ou picota de castigos, a cal representaba o poder do rei de España.[3] A picota presidiu a praza até 1583, cando o oidor Alonso Pérez de Salazar solicitou a súa substitución por unha pequena fonte pública para abastecer de auga á cidade.[4] En 1681, cambiouse por outra fonte de maior perfección e ornato, a cal foi coñecida entre os seus habitantes como o "mono da pila" e que actualmente se atopa no Museo de Arte Colonial.[5] A única construción arredor da praza que se conserva dende a época colonial é a Capela do Sagrario.
Despois da independencia, comezou a denominarse Praza da Constitución, nome oficial dende 1821, aínda que algunhas referencias históricas indican que o nome de Praza Maior seguiu sendo de uso cotián entre os seus habitantes.[6]
O 20 de xullo de 1846, o Congreso da República dispuxo a localización no centro da praza dunha estatua de bronce do xeneral Simón Bolívar doada por José Ignacio París, quen encargou o seu deseño e fundición ó escultor xenovés Pietro Tenerani. Por esta disposición, a praza foi bautizada co nome do Libertador, acto protocolizado co Acordo municipal asinado o 20 de xullo de 1847 e o Acordo 7º do 18 de xuño de 1883 en conmemoración do centenario do seu nacemento.[7]
En 1861, suspendeuse o mercado e outras actividades na praza como as festas de touros. En 1880 instalouse un novo pedestal para a estatua de Simón Bolívar e virouse, cambiando a súa orientación orixinal na cal miraba cara ó leste (Catedral) para quedar mirando cara ó custado norte da praza (Palacio de Xustiza).[8] O ano seguinte, o ministro de instrución pública Ricardo Becerra mandou instalar un xardín de corte inglés arredor da estatua de Bolívar rodeada cunha reixa de ferro, a cal foi retirada en 1919.
En 1927 instaláronse catro pilas con fontes de auga e púxose un pedestal máis alto para a estatua de Bolívar no centro da praza. As obras concluíron o 19 de xullo de 1929.[9] As últimas reformas á praza realizáronse por conta da firma Martínez e Avendaño, seleccionada por un concurso público en 1959 para festexar o sesquicentenario do berro de independencia. As obras, deseño de Fernando Martínez, deron inicio o 25 de xaneiro de 1960. Como consecuencia diso, retiráronse os espazos para estacionamento de vehículos e as fontes, configurando o actual espazo da praza, principalmente dirixido a uso peonil. O deseño actual solucionou adicionalmente o problema do declive xeográfico co uso de planos alabeados que se inclinan sobre unha área plana triangular coa súa base nas escaleiras do Capitolio, xerando unha fronte aparentemente horizontal.[10] A inauguración da nova Praza de Bolívar realizouse o 16 de xullo de 1961 polo presidente Alberto Lleras Camargo.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Biblioteca Luis Ángel Arango, La Plaza de Bolívar Arquivado 13 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.
- ↑ "¿Cuánta gente cabe en la plaza de Bolívar? Se acaban los mitos". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2016. Consultado o 01 de outubro de 2018.
- ↑ Sinic, Plaza de Bolívar Arquivado 14 de xullo de 2014 en Wayback Machine.
- ↑ "De picota pública a fuente de agua". Alcaldía Mayor de Bogotá (en castelán). 6 de agosto de 20099. Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2014. Consultado o 21 de marzo de 2013.
- ↑ El mono de la pila, Bogotá.gov.co, último acceso el 20/07/2009.
- ↑ Mejía Pavoni, Germán Rodrigo (2000), Los años del cambio: Historia urbana de Bogotá 1820-1910, pp. 201
- ↑ Alcaldía Mayor de Bogotá, acordo 7 do 18 de xuño de 1883, Páxina oficial, último acceso o 20 de xullo de 2009.
- ↑ Escovar, Alberto, Mariño, Margarita, Peña, César (2004), Atlas histórico de Bogotá 1538-1910, Editorial Planeta, Bogotá, ISBN 958-42-0829-2.
- ↑ El Nuevo Tiempo, ano XXVIII, núm.458, sábado 20 de xullo de 1929, p.8.
- ↑ Instituto Colombiano de Cultura (1995). Monumentos Nacionales de Colombia: Siglo XX, pp. 120.
- ↑ Alcaldía Mayor de Bogotá (2008), Bogotá, un museo a cielo abierto, vol.1, p.17-21.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Praza de Bolívar ![]() |