Saltar ao contido

Presidente de Burundi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Presidente da República de Burundi
Président de la République du Burundi


Duración7 anos, renovable unha vez
Creación28 de novembro de 1966
Primeiro titularMichel Micombero
Sitio webhttp://www.presidence.gov.bi/

O Presidente de Burundi, oficialmente Presidente da República (francés: Président de la République), é o xefe de Estado e xefe de goberno da República de Burundi. O presidente é tamén comandante en xefe da Forza de Defensa Nacional. O cargo de presidente foi estabelecido cando Michel Micombero declarou Burundi unha república o 28 de novembro de 1966.[1] A primeira constitución en especificar os poderes e os deberes do presidente foi a constitución de 1974 adoptada en 1976.[2] A constitución, escrita por Micombero, afirmou a posición de Micombero como o primeiro presidente de Burundi.[3] Os poderes do presidente actualmente derivan da Constitución de 2005 aplicada por mor dos Acordos de Arusha de 2000, despois da Guerra Civil de Burundi[2] O presidente actual é de xeito interino Pascal Nyabenda, tras a morte o 9 de xuño de 2020 do anterior presidente Pierre Nkurunziza.

O papel do presidente é representar a unidade nacional de Burundi e asegurar que as leis e as funcións do estado se crean e executan con conformidade á Constitución. O presidente goza dunha variedade de poderes segundo a constitución. O título V estabelece os poderes executivos concedidos ao presidente e o VI os poderes lexislativos. O presidente ten o poder de nomear comandantes militares, embaixadores, maxistrados, gobernadores provinciais e membros de varios consellos nacionais. O presidente tamén nomea todos os xuíces, incluíndo os do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional. O presidente pode organizar o goberno e pode pedir sesións parlamentarias baixo circunstancias extraordinarias. Alén de promulgar a lexislación, o presidente ten o poder de propor e emendar leis e pode vetar leis que o parlamento é incapaz de aprobar por maioría. O presidente tamén pode emendar a constitución. Representa a Burundi en asuntos internacionais asinando e ratificando os seus tratados. É o mando único en caso de guerra, mais necesita aprobación do parlamento e o Consello Nacional de Seguridade para comezar guerras. O presidente é o único cargo que pode autorizar accións militares. É tamén o único que pode conceder condecoracións civís e militares.

O mandato presidencial é de sete anos, e un presidente pode servir dous mandatos.[4] Con todo, Pierre Nkurunziza exerceu dende 2015 o seu terceiro mandato.[5] O presidente era asistido por dous vicepresidentes nomeados por el, pero o referendo constitucional de Burundi de 2018 reduciu o número de vicepresidentes a un.[6][7] O presidente recibe unha pensión despois do fin do seu servizo.[6]

En 1966, Michel Micombero axudou ao príncipe Ntare V de Burundi no golpe de Estado co que usurpou o trono de seu pai Mwambutsa IV.[1] Cando Ntare V nomeou a Micombero Primeiro Ministro de Burundi, Micombero deu outro golpe de Estado, derrocou a Ntare V e declarou a Burundi unha república e a el mesmo o seu presidente.[1][2] Micombero formalizou as súas funcións como presidente na súa constitución de 1974 formalmente adoptada en 1976. A constitución garantiu a presidencia de Micombero e estabeleceu un estado unipartidista liderado pola Unión para o Progreso Nacional (UPRONA).[3] Pero a inestabilidade política continuou en Burundi.[1] Despois do golpe de Estado de 1987, Pierre Buyoya apoderouse do posto de presidente e aplicou a Constitución de 1992. A nova constitución estableceu eleccións multipartidistas en Burundi.[2] A oposición ao cambio provocou a Guerra Civil de Burundi en 1993. En 1996, Buyoya regresou ao poder e buscou a reconciliación e unha transición á democracia.[8] En 2000, os Acordos de Arusha foron asinados polos tres bandos do conflito, e entre 2000 e 2005, Buyoya e Domitien Ndayizeye traballaron nas constitucións de 2001 e 2004 para levar Burundi á democracia. A constitución de 2005 é o produto final da transición.[2] Os poderes e os deberes da presidencia son consagrados dentro desta constitución, que non contempla un primeiro ministro.[6]

Poderes e Deberes

[editar | editar a fonte]

Poderes executivos

[editar | editar a fonte]

O presidente é tanto xefe de Estado como xefe de goberno.[6] O presidente debe representar a República de Burundi, asegurando a integridade da constitución, e executando as funcións do Estado e as súas leis. O presidente é asistido por dous vicepresidentes. O presidente comparte moitos poderes e deberes cos seus dous-vicepresidentes e pode delegar neles algúns poderes. Organiza o goberno con aprobación dos vicepresidentes, ten o poder de dirixir a orde do día do goberno e proporciona instrucións executivas para os dous vicepresidentes por decreto presidencial. Tamén nomea embaixadores e comandantes militares con aprobación do Senado. O presidente dita a orde do día dos embaixadores e pode convocalos. Nomea gobernadores provinciais coa aprobación dos dous vicepresidentes e a confirmación do Senado. O presidente ten o poder de declarar o estado de emerxencia tras a aprobación do goberno, a Asemblea Nacional, o Senado, o Consello Nacional de Seguridade e o Tribunal Constitucional.

O presidente serve como o comandante en xefe do exército. Ten o poder único de autorizar o uso do exército e de declarar e rematar guerras coa aprobación da Asemblea Nacional, o Senado e o Consello Nacional de Seguranza.[6]

O presidente ten o poder de conceder indultos coa aprobación dos dous vicepresidentes e o Consello Superior da Maxistratura.

O presidente concede condecoracións civís e militares e é a figura ante a que todos os membros do goberno son responsábeis.

Poderes lexislativos

[editar | editar a fonte]

O presidente ten o poder de propor e emendar leis relacionadas co dominio de lei coa aprobación do Tribunal Constitucional. O presidente promulga leis e valida leis de acordo coa constitución e o Tribunal Constitucional. O presidente ten o poder de organizar sesións especiais e pode reunir o goberno anual para discutir o orzamento de Burundi. Se o goberno é incapaz de estar de poñerse de acordo para aprobar un proxecto de lei, o presidente ten o poder para vetar o proxecto de lei ou pedir á Asemblea Nacional unha decisión final.[6]

Poderes xudiciais

[editar | editar a fonte]

O presidente debe asegurar a independencia da maxistratura. Tamén lidera o Consello Superior de Maxistratura e nomea os maxistrados coa aprobación do Senado. Ten o poder de nomear a todos os xuíces, incluíndo aqueles do Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional. O presidente necesita aprobación do Consello Superior de Maxistratura e do Senado para nomear xuíces do Tribunal Supremo e necesita a aprobación do Senado para nomear xuíces do Tribunal Constitucional.[6]

Asuntos de Defensa

[editar | editar a fonte]

O presidente ten o deber de informar á Asemblea Nacional e ao Senado se autoriza o uso do exército e ten que organizar unha sesión especial para este propósito se o goberno non está xa reunido. O presidente está explicitamente obrigado pola constitución a seguir a lei militar internacional. O presidente é o único que pode permitir soldados estranxeiros en Burundi.[6]

Asuntos do Consello

[editar | editar a fonte]

O presidente nomea os membros das comisións da verdade e de reconciliación, que o presidente tamén supervisa. Tamén nomea os membros do Consello Nacional de Seguridade, o Consello Económico e Social, e o Consello Nacional de Comunicación.[6]

Asuntos de Diplomacia

[editar | editar a fonte]

O presidente representa a Burundi internacionalmente. O presidente negocia, asina e ratifica os tratados de acordo coa constitución e o Tribunal Constitucional.[6]

Emendando a Constitución

[editar | editar a fonte]

O presidente ten o poder de emendar a constitución.[6]

Selección

[editar | editar a fonte]

O Primeiro Presidente despois da Transición

[editar | editar a fonte]

A constitución de 2005 distingue entre un primeiro presidente e os presidentes seguintes. O primeiro presidente é elixido por unha maioría de dous terzos da Asemblea Nacional e o Senado. Se o primeiro presidente se ausenta por calquera razón, outra persoa é elixida como primeiro presidente polo mesmo medio.

Elixibilidade

[editar | editar a fonte]

Para ser elixible para a presidencia, un candidato debe ser un votante válido segundo a lei electoral, ter a nacionalidade de Burundi, ter máis de 35 anos no momento das eleccións,, residir no territorio de Burundi cando a súa candidatura sexa presentada, desfrutar de todos os seus dereitos civís e políticos e subscribir a Constitución e a Carta da Unidade Nacional.[6][9]

O primeiro presidente non é elixible para as eleccións.

Proceso de elección

[editar | editar a fonte]

Os candidatos deben ou presentarse como independentes ou apoiados por partidos políticos específicos. A poboación de Burundi, baixo sufraxio universal, elixe o presidente por maioría absoluta en dúas roldas. Se non hai ningún candidato que gaña unha maioría absoluta na primeira rolda, entón celébrase unha segunda rolda cos dous candidatos máis votados na primeira.

As eleccións deben ser celebradas entre un e dous meses antes do fin do mandato presente.[6]

Despois das eleccións

[editar | editar a fonte]

Ao presidente non se lle permite ter outras ocupacións durante o mandato presidencial. Se un candidato ocupa outro cargo público, o seu mandato nese cargo remata inmediatamente tras a declaración dos resultados das eleccións. Se un candidato ocupa un posto no sector privado, impídeselle toda acción empresarial inmediatamente despois da declaración dos resultados das eleccións.[6]

Sucesión en caso de ausencia

[editar | editar a fonte]

Se o presidente é temporalmente incapaz de levar a cabo os seus deberes, entón o primeiro vicepresidente asume os deberes do presidente até que o presidente sexa outra vez capaz de realizar as súas funcións. Se nin o presidente nin o primeiro vicepresidente están presentes, entón o segundo vicepresidente asume os deberes do presidente.

Se o presidente morre, dimite, ou fica doutro xeito permanentemente incapaz de realizar as súas funcións, entón os deberes do presidente son levados a cabo polo presidente da Asemblea Nacional. Se o presidente da Asemblea Nacional non é capaz de actuar como presidente, entón os vicepresidentes, coa asistencia do resto do goberno, actúan conxuntamente como presidente. Unhas novas a presidente deben ser inmediatamente preparadas a non ser que unha emerxencia fose declarada polo Tribunal Constitucional.[6]

Cesamento

[editar | editar a fonte]

O presidente pode ser cesado se dous terzos da Asemblea Nacional e o Senado están de acordo na destitución. Os motivos para unha destitución inclúen "falta grave, abuso de poder, corrupción" e alta traizón. O presidente é cesado do cargo se o Tribunal Supremo de Xustiza condena o presidente por un delito.[6]

Lista de Presidentes de Burundi

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Dictionary of African Historical Biography" (en inglés). p. 274. Consultado o 15 de maio de 2019. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "The 2005 Constitution of Burundi" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de setembro de 2019. Consultado o 16 de xullo de 2019. 
  3. 3,0 3,1 "The Constitution of Burundi". Issue: A Journal of Opinion 5 (2): 24–28. Verán, 1975. JSTOR 1166783. doi:10.2307/1166783. 
  4. "Burundi Voters Back Constitution Extending Presidential Term" (en inglés). 18 de maio de 2018. ISSN 0362-4331. Consultado o 15 de maio de 2019. 
  5. "Burundi's president Pierre Nkurunziza wins third term in disputed election" (en inglés). 24 de xullo de 2015. Consultado o 15 de maio de 2019. 
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 6,10 6,11 6,12 6,13 6,14 6,15 "Constitución de Burundi" (PDF) (en inglés). 
  7. "Burundi backs new constitution extending presidential term limits" (en inglés). Consultado o 15 de maio de 2019. 
  8. "Burundi (1993 - 2006)" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de novembro de 2017. Consultado o 15 de maio de 2019. 
  9. "Lei de Cidadanía en Africa: Un estudio comparativo" (PDF) (en inglés). Consultado o 15 de maio de 2019. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]