Saltar ao contido

Proteína globular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estrutura tridimensional da hemoglobina, unha proteína globular tetrámera.

As proteínas globulares ou esferoproteínas son proteínas que se pregan adoptando unha forma máis ou menos esférica, o que lles dá unha estrutura complexa, e poden formar disolucións coloidais en auga. Constitúen un dos grandes tipos estruturais de proteínas, xunto coas proteínas fibrosas, que son practicamente insolubles.[1]

Non se deben confundir coas globinas, que son tamén proteínas globulares, pero dun tipo determinado, que teñen un pregamento de globina.[2] As globulinas son outras proteínas de nome parecido, tamén globulares, dun tipo determinado, entre as que salientan as globulinas do plasma sanguíneo.

Estrutura globular e solubilidade

[editar | editar a fonte]

O termo proteína globular é bastante antigo (data probablemente do século XIX) e converteuse nun termo un tanto arcaico dado os miles de proteínas coñecidas e a existencia dun vocabulario descritivo de motivos estruturais máis específico e descritivo. Pero segue usándose como un termo para facer descricións xerais. A natureza globular destas proteínas pode determinarse con técnicas relativamente sinxelas como ultracentrifugación ou por técnicas de dispersión dinámica da luz.

A súa forma esférica está inducida pola súa estrutura terciaria. Os grupos apolares (hidrofóbicos) agrúpanse no interior da molécula, mentres que os polares (hidrofílicos) dispóñense cara ao exterior, permitindo que se establezan atraccións dipolo-dipolo co disolvente, o que explica a solubilidade da molécula.[3]

Véxase tamén: Pregamento de proteínas.

Funcións

[editar | editar a fonte]

As proteínas globulares adoitan estar solubles no citosol ou nos líquidos fisiolóxicos ou formar parte de membranas, pero algunhas proteínas globulares poden formar estruturas filamentosas na célula; por exemplo, as tubulinas alfa e beta son proteínas globulares, pero ensámblanse orixinando un microtúbulo, que ten unha forma filamentosa e unha función estrutural.

A diferenza das proteínas fibrosas que só desempeñan funcións estruturais, as proteínas globulares tamén poden actuar como:

  • Encimas, que catalizan reaccións químicas metabólicas con gran especificidade.
  • Mensaxeiros, que transmiten mensaxes para regular os procesos biolóxicos, como fan as hormonas proteicas.
  • Transportadores doutras moléculas a través da membrana plasmática ou en disolución.
  • Almacenamento de aminoácidos.
  • Funcións reguladoras. Diversos factores proteicos regulan diversos procesos celulares.

Entre as proteínas globulares máis coñecidas temos a hemoglobina, un membro da familia das globulinas. Outras proteínas globulares son as inmunoglobulinas (IgA, IgD, IgE, IgG e IgM), e as alfa e beta globulinas. Os encimas son tipicamente globulares, igual que as proteínas implicadas na transdución de sinais na célula.

  1. Curso de Bioquímica. Universidade do País Vasco- Euskal Herriko Unibersitatea. Estrutura terciaria das proteínas.
  2. Globins Medical Subject Headings (MeSH) na Biblioteca Nacional de Medicina dos EUA.
  3. Travaglini-Allocatelli C; Ivarsson Y; Jemth P; Gianni S (Feb 2009). "Folding and stability of globular proteins and implications for function". Current Opinion in Structural Biology 19 (1): 3–7. doi:10.1016/j.sbi.2008.12.001.