Saltar ao contido

Protestantismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Protestantes»)

O protestantismo abrangue o conxunto das igrexas e comunidades cristiás xurdidas no século XVI en Europa Occidental, separadas da Igrexa católica a partir do labor reformador do ex-monxe agostiño Martiño Lutero, iniciador do luteranismo.

Orixe do termo

[editar | editar a fonte]

O termo protestantismo xorde da protesta, a testemuña público dun grupo de príncipes e cidades imperiais alemás que, na dieta de Speyer en 1529, formalmente obxectaron contra o Edicto de Worms que proscribía as ensinanzas luteranas dentro do Sacro Imperio Romano.

Variantes

[editar | editar a fonte]

Na Suíza de fala alemá, Ulrico Zuinglio, Ecolampadio e outros comezaron tamén un intento de reforma da Igrexa católica, de carácter máis profundo e enriquecido por unha teoloxía moito máis elaborada.

Xoán Calvino foi o dirixente máis destacado da Reforma protestante en Suíza. A Reforma que se iniciou case simultaneamente en Zúric (Cantón de fala alemá) e Xenebra (francófona) foi estendéndose grazas ao traballo de moitos pastores e reformadores da Igrexa por todos os países veciños. Ata chegou ata Escocia grazas ao esforzo misioneiro do reverendo escocés John Knox que se formou en Xenebra.

A Igrexa de Inglaterra non se deixou influír nun primeiro momento polo protestantismo, pero tras a súa ruptura coa Igrexa de Roma, comezou un paulatino e vacilante achegamento aos ideais reformados. Actualmente as igrexas da Comuñón Anglicana decláranse claramente reformadas.

Fóra dese protestantismo, que moitos estudosos denominan "maxistral", deuse outra vertente, que se distinguiu tanto do catolicismo romano como das igrexas protestantes de carácter nacional. Esta corrente recibe o nome de reforma radical. O historiador George Williams diferencia á súa vez as seguintes correntes dentro desta Reforma: espiritualistas, racionalistas e anabaptistas. Os anabaptistas rexeitaron a unión da igrexa cristiá co Estado e repudiaron o bautismo infantil, constituíndose en igrexas independentes ou segregadas. O maior achegue á modernidade descansaría na súa persistente promoción da separación entre a igrexa cristiá e o estado, a liberdade relixiosa persoal e o exercicio dun goberno plenamente democrático nas súas congregacións.

Así conviviron en toda Europa dous movementos protestantes diferenciados. O movemento reformado, liderado polas igrexas reformadas e luteranas, e o movemento radical que acabaría desenvolvéndose en grupos separatistas como os menonitas.

Ramificación do protestantismo ao longo dos séculos.

Doutrinas

[editar | editar a fonte]

O protestantismo ten como alicerce básico da súa fe a Biblia, entendida como Palabra de Deus descansando toda a súa teoloxía en tres principios xerais e dous particulares que son exclusivos da teoloxía reformada (Tradicionalmente enunciados en latín):

  • Sola Scriptura: A Biblia é a única máxima autoridade en temas de fe, moral e conciencia.
  • Sola Fide: A fe na obra expiatoria de Xesús Cristo é a única necesidade que ten o ser humano para salvar a súa alma eterna da condenación.
  • Solus Christus: Unicamente Cristo é quen nos dá a vida eterna. Non hai vida eterna sen El.

Diferenzas entre as igrexas protestantes e a Igrexa católica:

  • Non recoñece a autoridade do Sumo Pontífice, o papa, como vicario de Cristo na Terra nin a ningún dos patriarcas da Igrexa ortodoxa.
  • A Biblia é a fonte única de autoridade, Sola Scriptura, a tradición eclesiástica non ten ningunha validez se non está sustentada e xustificada na Biblia.
  • As decisións dos concilios non teñen autoridade se non se sustentan en doutrinas bíblicas.
  • Para salvarse non son necesarias as obras nin a caridade.
  • O servizo ou culto carece dunha orde litúrxica necesario.
  • O canon da Biblia para os protestantes é de 66 libros, xa que unicamente acéptanse como inspirados aqueles libros que son propios da Tanach hebrea (Antigo testamento para os cristiáns), é dicir que forman parte da Biblia xudía. Rexéitanse os libros do Antigo Testamento chamados deuterocanónicos por outras igrexas.

Nun principio os protestantes expresaron as súas posicións doutrinais por medio de Confesións de Fe, breves documentos apoloxéticos. As Confesións de Augsburgo expresaron a doutrina luterana. As confesións reformadas inclúen tamén a Confesión Escocesa (1560), A Segunda Confesión Helvética (1531) e a Confesión de Fe de Westminster (1647). Os Trinta e Nove Artigos de Relixión da Igrexa de Inglaterra tamén adoitan ser considerados reformados. A Declaración Teolóxica de Barmen, contra o réxime Nazi, e a Breve Declaración de Fe da Igrexa Presbiteriana nos Estados Unidos son exemplos de declaracións recentes.

O ensino relixioso fundamentouse en catecismos. O Catecismo de Heidelberg e o Maior e Menor de Westminster son instrumentos reformados para ensino de adultos e infantes nas Igrexas.

Algunhas das doutrinas da Igrexa católica medieval rexeitadas polo protestantismo ao non considerar que aparecen na Biblia son: o Purgatorio, a supremacía papal, as oracións polos mortos, a intercesión dos santos, a asunción de María e a súa virxindade perpetua, así mesmo a veneración destes últimos, tal como o resto dos homes, e porque contradicía ao primeiro mandamento "Non terás deuses alleos diante de min" (Ex. 20:3).

Nas igrexas de teoloxía reformada salientouse a doutrina bíblica exposta por Agostiño de Hipona da elección, que establece que a salvación é por pura graza (favor inmerecido) de Deus, sen obras. A autoridade das igrexas protestantes entendeuse como obediencia unicamente á Biblia, suxeita á interpretación persoal, e non como unha transmisión mecánica dos poderes dos apóstolos aos seus sucesores.

Dirixentes

[editar | editar a fonte]

Os dirixentes do movemento foron, entre outros, Ulrico Zuinglio, Xoán Calvino.

A Prerreforma (1366-1517)

[editar | editar a fonte]

Denominamos como "Período da Prerreforma" ao período vivido entre finais do século XIV, cando comezou a protesta wycliffita ou lollarda en Inglaterra, e principios do século XVI, cando comezou a Reforma protestante coas protestas luterana e zuingliana en Alemaña e Suíza respectivamente.

Ao longo de todo este tempo tanto o Movemento Lollardo ou Wycliffita, como o Movemento Husita e a protesta místico-evanxélica de Girolamo Savonarola sinalaron de xeito obxectivo e frontal o elevado nivel de apostada do cristianismo medieval, dentro dunha perspectiva bíblica e evanxélica.

Entre os principais prerreformadores están:

Xoán Wycliffe (1324-1384), Jan Hus (1369-1415), Girolamo Savonarola (1452-1498).

Causas da Reforma

[editar | editar a fonte]

O Renacemento científico e literario que coa súa mentalidade crítica levou ao individuo europeo á dúbida subxectiva ou obxectiva e ata a opinión subxectiva e obxectiva contra os ensinos e prácticas da Igrexa. Foi o proceso ou a confrontación Humanismo vs. Escolasticismo o que deu as primeiras mostras da fraxilidade da estrutura da teoloxía escolástica medieval. O Renacemento foi unha revalorización integral de todos os postulados preestablecidos do medievalismo. A carencia dun contido espiritual no ensino e a presenza da Igrexa. A forma, a cerimonia e o rito sacramental externo predomina sobre o espiritual, o interior (Integridade vs. Cerimonialismo e Dogma).

A urxente necesidade de despaganizar e deshelenizar a doutrina cristiá afectada polas paulatinas transculturizacións relixiosas e filosóficas grecorromanas e orientais que a pervertiran desde os séculos II e III, é dicir, desde o período da Igrexa Perseguida e ao longo dos períodos da Igrexa imperial e da Igrexa medieval.

A intervención da imprenta, novo elemento tecnolóxico divulgador tanto do contido crítico do pensamento humanista como da Biblia, da patrística e dos criterios ético-teolóxicos e espirituais dos reformadores. O libro convértese en elemento emancipador das conciencias. Os novos descubrimentos xeográficos e astronómicos (América, Oceanía, Cristovo Colón, Copérnico, Galileo, Keppler), puxeron en dúbida os dogmas escatolóxicos e estruturais da Igrexa. O crecemento ascendente da cidade e do seu elemento intelectual: A Universidade. Da universidade sairá a Reforma, centro primario e constante deste movemento revolucionario. O paganismo do maxisterio e da autoridade eclesiástica. A Igrexa achábase enriquecida materialmente, pero pobre espiritualmente. Isto xerou toda unha serie de resentimentos en países como Inglaterra e Alemaña onde a Igrexa posuía ata un terzo das terras.

O fortalecemento das monarquías mediante os enunciados do absolutismo monárquico. Este fortalecemento das monarquías nacionais europeas creou de xeito consecuente unha palpable fricción entre os dous poderes. A decadencia dos postulados dogmáticos da reforma eclesiástico-cluniacense, e máis concretamente dos papas Gregorio VII, Inocencio III e Bonifacio VIII sobre o poder supremo do papado. A corrupción da máxima cúpula do sistema xerárquico medieval desde principios do século XIV cos cismas de Avignon e de Occidente deron lugar ao xurdimento de exposicións teolóxicas como as de Xoán de Tauler, de Guillerme de Occam e de Marcelo de Padua dun transfundo antipapal. Xorde a tese conciliarista. O crecente fervor nacionalista europeo que levou a mirar con desconfianza e repudio o tiránico dominio eclesiástico-papal sobre as diferentes nacións do vello continente. Moitos monarcas viron na Reforma un modo de afianzar o estado nacional e o seu poder monárquico ou imperial. No norte de Europa houbo casos de países como Suíza ou Suecia onde a Reforma foi un dos instrumentos máis eficaces da loita independentista contra os países católicos que os dominaban. A rápida decadencia do escolasticismo e o rexurdimento da teoloxía agostiña cuns caracteres renovadores. Volve con maior vigor a lectura e o estudo da teoloxía de santo Agostiño en detrimento notable da teoloxía tomista. A reiterada resistencia papal á realización dun concilio que reformase á Igrexa. Como xa o contemplamos, a historia móstranos a realización de cinco concilios, a maioría deles realizados coa aberta resistencia e oposición do mitrado romano.

Programa reformador

[editar | editar a fonte]

Os reformadores non se consideraban rebeldes nin herexes, senón fieis cristiáns que aspiraban a regresar ás doutrinas apostólicas e a renovar a igrexa cristiá na práctica e doutrina. Xa que logo, fixeron esforzos ecuménicos e unitivos desde o principio, antes de que as fronteiras doutrinais se alargasen.

Os principais reformadores eran persoas de vasta cultura, tanto teolóxica como humanista: Xoán Calvino estudou na Sorbona e o seu pai traballaba cun bispo, Lutero era monxe e profesor universitario de Biblia; Zuinglio era sacerdote e humanista. De acordo co programa dos humanistas, buscaron nas fontes da antigüidade cristiá as bases para unha renovación. Releron as Sacras Escrituras; ao reler aos pais da Igrexa, (especialmente a santo Agostiño), descubriron unha visión da fe e unha doutrina máis bíblica e cristocéntrica.

Difusión

[editar | editar a fonte]

O protestantismo estendeuse principalmente entre as clases urbanas e a nobreza, que podían ler e tiñan sede de entender mellor a fe. Dunhas oitenta cidades imperiais libres, sesenta e cinco adoptaron a Reforma Protestante ou tolerárona. Tamén houbo movementos revolucionarios entre os campesiños, que entenderon que a doutrina de Lutero os liberaba da servidume; o reformador rexeitou tal interpretación e estes foron sometidos violentamente.

A diseminación das ideas protestantes foi facilitada pola invención da imprenta, que fixo posible difundir unha ampla literatura apoloxética, bíblica e devocional e fomentou a edición de novas traducións da Biblia en linguas vernáculas. Estas revisións do texto fixeron patente a débil base dalgunhas doutrinas medievais. A nova forma de fundamentar a autoridade, xunto co rexeitamento da formulación escolástica agora substituída por linguaxe bíblica, facía difícil aos teólogos católicos romanos rebatela. No Concilio de Trento, os bispos católicos partidarios de Roma optarían por limitar o acceso laico ás escrituras, establecendo que a Vulgata Latina era a única Biblia autorizada e redactando un índice de libros prohibidos.

Como resultado do apoio dos gobernos nacionais e locais, a Reforma Protestante logrou éxito en amplas áreas de Europa. Fíxose predominante no norte de Alemaña e en Escandinavia, na súa forma luterana. En Escocia prosperou a Igrexa presbiteriana. Tamén as igrexas reformadas frutificaron nos Países Baixos, nas cidades suízas e no oriente de Hungría. Foron rescatadas para a Roma papal Francia, Polonia, Bohemia, Bélxica, Hungría e amplas rexións de Alemaña (sobre todo no sur e o oeste). Porén, co desenvolvemento dos imperios europeos, particularmente o británico, o protestantismo continuou a súa expansión. Os séculos XIX e XX presenciaron un forte labor misioneiro que deu alcance mundial ao movemento. Hoxe en día, cálculos estimativos sinalan que máis de 600 millóns de persoas profesarían algunha das diversas formas do protestantismo moderno.

Con todo, ao promulgarse a Reforma Católica ou contrarreforma, iniciouse un programa expansivo do catolicismo en Europa. Iniciouse entón unha desestruturación do protestantismo europeo ao illar en núcleos pequenos os centros da Reforma como consecuencia da expansión dos xesuítas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]