Saltar ao contido

Pterelao

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía grega, Pterelao era fillo de Tafio [1] e neto de Poseidón e Hipótoe (polo tanto, descendente de Perseo, avó de Hipótoe). Segundo outras tradicións, era fillo de Poseidón e Hipótoe, e Tafio sería fillo seu. O seu avó Poseidón concedéralle o don da inmortalidade, sempre que conservara unha guedella de pelo de ouro que puxo na súa cabeleira; segundo Pseudo-Apolodoro, toda a súa cabeleira era de ouro [2].

Un día, os fillos de Pterelao presentáronse ante Electrión, rei de Micenas para reclamar o reino, do que se consideraban herdeiros por liña do seu bisavó, Méstor, irmán de Electrión. Este negouse e entón aqueles decidiron roubar os rabaños do rei. Os fillos de Electrión [3] saíron en defensa do gando e, no enfrontamento cos agresores, matáronse uns ós outros, sobrevivindo tan só Licimnio e Everes (este, un dos sete fillos de Pterelao).

"Cando Electrión reinaba sobre Micenas, presentáronse en compañía dalgúns tafios os fillos de Pterelao e reclamaron o reino de Méstor, o seu avó materno, e ó non facerlles caso Electrión, quitáronlle as súas vacas, e cando os fillos de Electrión acudiron no seu auxilio, déronse morte uns ós outros tras desafiarse".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 4, 6)

Electrión ordenou vingar a morte dos seus fillos e foi Anfitrión, sobriño e xenro seu, quen organizou a expedición contra Tafos, a patria de Pterelao [4].

Pero o oráculo augurara que Tafos nunca sería conquistada mentres vivise Pterelao. O problema foi que a filla deste, Cometo, namorouse de Anfitrión e, para demostrarlle o seu amor, cortoulle a guedella de ouro ó pai, provocando así a súa morte, a caída da cidade e a súa propia ruína, pois Anfitrion matouna por parricida [5].

"Mentres viviu Pterelao, [Anfitrión] non puido tomar Tafos, pero cando a filla de Pterelao, Cometo, namorada de Anfitrión, arrincou da cabeza do pai a cabeleira dourada, Pterelao morreu e Anfitrión logrou someter todas as illas; logo Anfitrión matou a Cometo e navegou rumbo a Atenas co botín".
(Pseudo-Apolodoro II, 4, 7)

Parte do botín capturado por Anfitrión a Pterelao foi un amplo escudo de bronce, sobre o que dormían Heracles e o seu irmán Ificles, aínda meniños, no episodio no que o primeiro mata sen maior esforzo ás dúas serpes que Hera enviou para acabar con el [6].

  1. Tafio fundou a cidade de Tafos e chamou ós seus habitantes, teléboas.
  2. Biblioteca mitológica II, 4, 5.
  3. Tiña nove fillos lexítimos, máis Alcmena e un fillo bastardo, Licimnio.
  4. A lenda conta que Alcmena fixera a promesa de casar con quen vingase a morte dos seus irmáns, ou ben que, aínda que xa fora entregada a Anfitrión, xurara non xacer con el ata que os seus irmáns fosen vingados.
  5. O mito lembra o de Niso, rei de Mégara, a quen a súa filla Escila cortoulle o guecho de pelo vermello que o facía invencible, por amor a Minos, rei de Creta.
  6. Graves, px. 493. Nesta ocasión, Hera actuaba movida polos celos contra Heracles, como fillo bastardo de Zeus.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]