Saltar ao contido

Pushball

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido de pushball entre policías e bombeiros de Nova York, 1939.

O pushball é un xogo disputado por dous equipos de 11 xogadores cada un, cuxo obxectivo consiste en meter unha pelota de grandes dimensións a través dunha portería.

Características

[editar | editar a fonte]

Xógase habitualmente nun campo duns 130 metros de lonxitude e uns 45 de ancho, cunha pelota de 1'80 metros de diámetro e 23 kg de peso. En ocasións, téñense utilizado bólas moito máis pesadas.[1] Os bandos adoitan estar compostos por once xogadores, con cinco dianteiros, dous laterais esquerdos, dous laterais dereitos e dous porteiros. As porterías consisten en dous postes verticais de 5'5 metros de alto e 6 de ancho separados cun traveseiro a 2 metros do chan. O partido consta de dous períodos cun descanso no medio. Empurrar o balón por debaixo da barra vale cinco puntos, pasalo ou lanzalo por riba da barra vale oito. Se a bóla traspasa a liña de fondo pero por fóra da portería, súmanse dous puntos.

Un partido de pushball en Volendam, Países Baixos, en 1927.

O xogo foi inventado por M.G. Crane en Newton, Massachusetts, en 1891, e foi retomado na Universidade de Harvard ao ano seguinte, pero nunca alcanzou demasiada popularidade. É practicado de xeito habitual no Macalester College dende 1914, participando nel tanto estudantes como profesores. Os estudantes da Universidade de Emory xogaron ao pushball desde 1923 ata 1955 antes de que o xogo foi retirado debido á súa natureza cada vez máis dura.[2]

No Reino Unido as regras son algo diferentes ás que se usan nos Estados Unidos. O primeiro partido disputado no país celebrouse no Crystal Palace en 1902 por equipos de oito. En Galicia, o Deportivo da Coruña contou cunha sección de pushball nos seus primeiros anos de vida.

Pódese atopar unha descrición das regras no libro de Spalding Push Ball: History and Description of the Game, with the Official Playing Rules, publicado en 1903 pola Biblioteca Atlética de Spalding.

  1. Giaimo, Cara (9 de decembro de 2016). "The Best Sport of the Early 1900s Involved Pushing Around an Elephant-Sized Ball" (en inglés). Consultado o 7 de xaneiro de 2025. 
  2. ""Scoreless but not goreless"" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 7 de decembro de 2013. Consultado o 7 de xaneiro de 2025. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]