Saltar ao contido

Real Casa da Moeda de Australia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Real Casa da Moeda de Australia
Royal Australian Mint


Edificio sede da
Real Casa da Moeda de Australia
TipoEstatal
Fundación22 de febreiro de 1965
MatrizMinisterio de Facenda. Goberno de Australia.
Localización Camberra
Territorio da Capital
Australia Australia.
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas e medallas.
Na rede
http://www.ramint.gov.au/
Twitter: RoyalAustMint Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A Real Casa da Moeda de Australia (en inglés: Royal Australian Mint) é unha fábrica de moeda establecida en Camberra, Australia, en 1965, dependente do Goberno australiano, encargada da cuñaxe das moedas de curso legal no país, do sistema do dólar australiano.[1]

A ceca ten a condición de Axencia de Servizo Público, xestionada polo Ministerio de Facenda australiano.[2]

Os billetes australianos imprímense na entidade pública Note Printing Australia, en Melbourne, dependente do Banco da Reserva de Australia.[3]

Con anterioridade á instalación desta ceca pública, as moedas australianas cuñábanse nas ramas da Royal Mint británica establecidas no país (Sydney Mint, Melbourne Mint e Perth Mint). Destas tres, a ceca de Perth é a única que mantén a súa actividade, xa non como rama da matriz londiniense senón dependente do Goberno de Australia Occidental, e encárgase da cuñaxe de moedas de investimento.[4][5]

Primeira serie de moedas cuñadas na Real Casa da Moeda de Australia (1966)

A idea de fundar esta casa de moeda xurdiu en 1959, cando se propuxo o traslado á capital do país, Camberra, da rama que a Royal Mint británica tiña en Melbourne. As obras comezaron en febreiro de 1963 e a súa inauguración oficial tivo lugar o 22 de febreiro de 1965, presidida polo Duque de Edimburgo, coincidindo co inicio da fabricación das moedas do novo sistema decimal do dólar australiano, postas en circulación o 14 de febreiro de 1966.[6][7] O establecemento da Real Casa da Moeda de Australia tivo un custo de cinco millóns de dólares para a construción do edificio e outros catro millóns para o seu equipamento.[7]

A nova ceca e a de Melbourne operaron simultaneamente en tanto que non se chegara a producir o volume suficiente das moedas do novo sistema para abastecer convenientemente o mercado. Tras ese período, en 1967 acabou por clausurarse a Melbourne Mint, e parte do persoal foi trasladado a Camberra para completar o cadro da nova casa de moeda. Con todo, ata principios da década de 1980 a Royal Austrtalian Mint non foi quen de asumir en solitario toda a produción de moeda circulante do país, e en varias ocasións, nas dúas décadas anteriores, recorreu á subcontratación de parte da produción á Casa da Moeda de Perth, á Royal Mint de Londres e á Real Casa da Moeda do Canadá.[8]

Instalacións e funcionamento

[editar | editar a fonte]
Reverso do medio dólar de 1966
Prensas de cuñaxe na Real Casa da Moeda de Australia
Un robot na ceca real australiana.

A Real Casa da Moeda de Australia consta de dous edificios, un que alberga a parte administrativa e outro destinado ás actividades de cuñaxe. O edificio administrativo abrangue os obradoiros de gravado, un laboratorio e as instalacións de pesaxe e medida de precisión.[7][9]

Entre 1984 e 1986 leváronse a cabo obras de reacondicionamento para atender a crecente demanda de moedas por parte dos coleccionistas. Nesas obras melloráronse tamén as instalacións para o acollemento dos visitantes, que no transcurso das súas visitas poden cuñar as súas propias moedas de curso legal nunhas prensas dispostas para o efecto.[10] Á parte das moedas de curso legal, a Real Casa da Moeda de Australia tamén produce medallas para uso tanto civil como militar, entre as que destacan as da Orde de Australia, establecida en 1975 pola raíña Isabal II.[11] Tamén se encargou de fabricar, en conxunto coa Casa da Moeda de Perth, as medallas entregadas aos deportistas para os Xogos Olímpicos de verán do ano 2000.[12] Outros dos seus produtos son as fichas e pseudomoedas para organizacións e establecementos comerciais como casinos, máquinas expendedoras, etc.[13]

Desde a súa apertura, a ceca australiana produciu arredor de quince mil millóns de moedas e ten a capacidade de cuñar ata dous millóns de pezas diariamente.[6] En novembro de 2001, a Real Casa da Moeda de Australia emitiu a primeira moeda do mundo cun dobre holograma, para conmemorar o centenario de federación australiana. Entre outras innovacións, a ceca tamén produce moedas bimetálicas e en cores.[14]

O 11 de decembro de 2005 o organismo encargado das obras públicas de Australia emitiu un informe no que recomendaba a renovación do edificio e das instalacións da Real Casa da Moeda.[15] Prevíase tamén un plan para a robotización do proceso de produción.[16] O proxecto, cun custo de 41,2 millóns de dólares australianos, prevía o comezo das obras en outubro de 2006 e a súa conclusión en xuño de 2008, para o edificio de cuñaxe, e en abril de 2009, para o de administración. As obras finalizaron nos prazos previstos e o edificio foi reaberto ao público.[10]

En 2014, o Goberno australiano anunciou un estudo de viabilidade para a privatización da Real Casa da Moeda de Australia.[17]

Emisións para outros países

[editar | editar a fonte]
Moeda de Timor Leste cuñada na Real Casa da Moeda de Australia.[18]

A actividade da Real Casa da Moeda de Australia non se limita á moeda australiana, xa que os seus servizos son contratados por diversos estados asiáticos e de Oceanía para a produción das súas respectivas moedas nacionais, como é o caso de Papúa Nova Guinea, Tonga, Vanuatu, Samoa, as Illas Cook, Timor Leste e as Illas Salomón, entre outros.[18][19][20][21]

Colección Numismática Nacional

[editar | editar a fonte]

A Real Casa da Moeda de Australia é depositaria da Colección Numismática Nacional.[22][23][24]

  1. "Royal Australian Mint Arquivado 27 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". Australian Government.
  2. "Chart of 109 Agencies under the Financial Management and Accountability Act 1997". Department of Finance. Australian Government.
  3. Sitio web: Note Printing Australia.
  4. "Royal Mint Branches in Australia". Páxina 814. Official Year Book of the Commonwealth of Australia. Nº. 51. 1965.
  5. "History Arquivado 26 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.". The Perth Mint, Australia.
  6. 6,0 6,1 "About the Mint". Royal Australian Mint.
  7. 7,0 7,1 7,2 "Royal Australian Mint, Canberra". Páxina 814. Official Year Book of the Commonwealth of Australia. Nº. 51. 1965.
  8. "Five cents" e "Twenty Cents". Royal Australian Mint.
  9. Pearce, S. (2001).
  10. 10,0 10,1 "FAQ: I would like to visit the Mint. What can I expect to see?". Royal Australian Mint.
  11. "Order of Australia set, Companion - General Division, Male". National Library of Australia.
  12. "An official striking of Sydney 2000 Olympic Victory Medals by Minister Joe Hockey MP | The ultimate Olympic collectable that money can't buy". 6 de xullo de 2000. Royal Australian Mint.
  13. "Corporate Minting Arquivado 26 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Royal Australian Mint.
  14. "Mint Issue". Nº. 45. Novembro de 2001. Royal Australian Mint.
  15. "Proposed Refurbishment of The Royal Austraklian Mint, Canberra, Act". Parliament of Australia.
  16. "Australian company to modernise Mint with robots". 2 de abril de 2008. Royal Australian Mint.
  17. Hutchens, G. (2014). "Abbott government rules out privatisation of Australia Post". En The Sunday Morning Herald. 28 de maio.
  18. 18,0 18,1 "Circulating Coins - Other Countries"". En Royal Australian Mint Annual Report 2017/18. Royal Australian Mint. Páxina 11.
  19. "Royal Australian Mint helps Tonga, Vanuatu, and the Cook Islands produce new coins in historic move". En ABC. 4 de marzo de 2015.
  20. "Australia mints new circulating coins for Cook Islands, Tonga and Vanuatu". En Coins Weekly. 9 de abril de 2015.
  21. "Royal Australian Mint enters international waters". En Coins Weekly. 6 de xullo de 2011.
  22. "Coin Collection". Royal Australian Mint.
  23. "National Coin Collection Preservation". Royal Australian Mint.
  24. Sheedy, K. (2015). "Royal Australian Mint. National Coin Collection Arquivado 13 de xullo de 2020 en Wayback Machine.". Numismatic Collections. Páxinas 42-47.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Pearce, S. (2001). Making money, the story of the Royal Australian Mint. Nucolorvue Productions. ISBN 0-85858-155-8
  • Royal Australian Mint. (1977). The Royal Australian Mint, Canberra. Australian Government Publishing Service. ISBN 9780642023933

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]