Saltar ao contido

Recursividade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anuncio de cacao cunha imaxe recursiva. A muller mostra un paquete idéntico ó do propio anuncio, contendo así a outra muller que mostra outro paquete máis pequeno, de forma recursiva.
Imaxe recursiva formada por un triángulo. Cada triángulo está composto doutros máis pequenos, compostos á súa vez da mesma estrutura recursiva.

A recursividade, ou recursión, é a calidade pola cal un proceso repítese a si mesmo dun xeito autosemellante. O termo aplícase de xeito similar a diversas disciplinas, dende a lingüística á lóxica. A disciplina máis salientable na que se aplica a recursividade é en matemáticas e nas súas ciencias aplicadas, máis prominentemente nas ciencias da computación, na que se refiere a un método de definir funcións na cal a función a definir emprega a súa propia definición. Especificamente, defínense un número potencialmente infinitos de puntos para unha función utilizando unha expresión finita que pode referirse a outros puntos da función, sempre que ocorra dun xeito no que non poida suceder unha cadea infinita de referencias.

Definición formal

[editar | editar a fonte]

En matemáticas e ciencia da computación, unha serie ou clase de obxectos exhiben un comportamento recursivo se poden definirse coas seguintes dúas propiedades:

  1. Un caso base (ou varios) simple
  2. Un conxunto de regras que reducen tódolos outros casos a un caso base