Saltar ao contido

Rede xerativa adversativa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As redes xerativas adversativas (RXAs), tamén coñecidas como GANs polas súas siglas en inglés (Generative Adversarial Networks), son unha arquitectura de rede neural artificial introducida por Ian Goodfellow et al. en 2014. Estas redes constan de dúas sub-redes que compiten entre si: un xerador, que intenta crear datos falsificados (como imaxes, texto ou son) a partir dun ruído inicial, e un discriminador, que tenta distinguir entre os datos reais e os datos xerados artificialmente.

Imaxe do rostro dunha muller xerada de forma artificial cunha rede xerativa adversativa adestrada con imaxes de rostros de persoas.
Unha imaxe xerada por unha rede xerativa antagónica que parece enganosamente unha fotografía dunha persoa real. Esta imaxe foi xerada por unha GAN adestrada con imaxes de rostros de persoas.

Dado un conxunto de adestramento, as redes xerativas adversativas aprenden a xerar novos datos que comparten as mesmas características estatísticas que os datos do conxunto de adestramento. Por exemplo, unha GAN adestrada con fotografías de rostros de persoas aprende a crear novas imaxes que, á vista dun observador humano, poden chegar a ser indistinguibles das do conxunto de adestramento.