Saltar ao contido

Reino de Serbia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Reino de Serbia (1882-1918)»)
Modelo:Xeografía políticaReino de Serbia

HimnoBože pravde Editar o valor en Wikidata

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 44°48′39″N 20°27′45″L / 44.8108, 20.4625
CapitalBelgrado Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua oficiallingua serbia Editar o valor en Wikidata
Relixióncristianismo ortodoxo Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie92.208 km² Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación1882 Editar o valor en Wikidata
Disolución1 de decembro de 1918 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porReino dos Serbios, Croatas e Eslovenos Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía constitucional Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoAsamblea Nacional do Reino de Serbia , Editar o valor en Wikidata
Membro de
MoedaDinar serbio Editar o valor en Wikidata

O Reino de Serbia foi un estado balcánico que creado a partir do Principado de Serbia o 23 de marzo de 1882. Despois de loitar contra o Imperio Otomán para lograr a súa su independencia, tamén tivo que loitar contra o Reino de Bulgaria.

O pequeno reino foi ocupado finalmente polas Potencias Centrais durante a primeira guerra mundial e, ao finalizar esta, uniuse ao Reino de Montenegro e ao Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios para formar o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos o 1 de decembro de 1918.

Comprendía territorios dos actuais estados de Serbia e a Macedonia do Norte.

Desde 1878 a política do Principado de Serbia dividírase en dúas correntes principais: a dos austrófilos e a dos rusófilos.[1]

O reino de Serbia tras o Congreso de Berlín de 1878.

Ambas as dúas tiñan influencias da política europea do momento e distinguíanse principalmente pola súa orientación en política exterior.[1] Estas correntes continuaron no seu estado sucesor, o reino de Serbia.

Os austrófilos admiraban a cultura europea occidental e sostiñan que o desenvolvemento de Serbia requiría un acercamento ao Imperio Austrohúngaro, que detería o avance ruso nos Balcáns.[1] Agrupábanse en torno ao Partido Progresista e o seu principal representante foi o rei Milan I de Serbia.[1]

Os rusófilos concentrábanse nos Partidos Radical e Liberal. Orixinariamente moi influídos por anarquistas e socialistas rusos e, teoricamente representantes dos intereses dos campesiños, os primeiros fóronse convertendo simplemente nun partido nacionalista e monárquico.[1]

Defensores do goberno constitucional, non dubidaron en aliarse con elementos reaccionarios en ocasións.[1] Compartían cos liberais a preferencia por Rusia como referente exterior e unha ideoloxía paneslava.[1] Os seus ideais de expansión requirían a axuda da gran potencia eslava, o Imperio ruso.[1]

Período austrófilo

[editar | editar a fonte]

O reinado de Milan

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Milan I de Serbia.
Política exterior
[editar | editar a fonte]

O período comezou coa desilusión nacional polos resultados do conflito de 1875-1878, que terminara coa ocupación austrohúngara de Bosnia e Hercegovina e a perda do apoio ruso, que defendera as ambicións búlgaras.[2]

O rei Milan I de Serbia, anterior príncipe. Aliñou ao su país coa veciña Austria-Hungría e debilitou á dinastía Obrenović polas súas disputas matrimoniais.

Tras o acordo comercial de 1881 con Austria-Hungría os dous países subscribiron unha convención secreta que converteu ao país practicamente nun protectorado austrohúngaro (28 de xuño de 1881 ).[3] O pacto tiña unha duración de 10 anos e foi renovado en 1889 antes da abdicación do rei Milan, aínda que en 1899 caducou.[3] Milan rubricouno convencido de que o futuro do seu país estaba unido ao do Imperio Austrohúngaro.[3] Tomada Bosnia polos austrohúngaros e con Rusia apoiando a Bulgaria, Serbia necesitaba o apoio dunha gran potencia para expandirse cara a Macedonia.[4] Unha das cláusulas do tratado con Austria obrigaba a Serbia a limitar a propaganda nacionalista en Bosnia e Hercegovina,[4] recentemente ocupada polo Imperio, co consentimento ruso.[3] A cambio, os austrohúngaros comprometíanse a axudar a Milan contra as actividades dos seus rivais, os Karadjordjević.[3] O Imperio tamén se prometía en axudar a Milan a coroarse como rei[4] e a non opoñerse á expansión de Serbia cara ao sur.[4][5] En contrapartida, Serbia debía someter os seus tratados con outras nacións ao consentimento austrohúngaro.[4][6] A alianza austro-serbia era a única alternativa para o país, que necesitaba o apoio dunha gran potencia nas súas relacións internacionais.[4]

O acordo foi xestionado practicamente polo rei e o goberno, ao coñecelo, dimitiu en protesta.[6][7] Oficialmente emendaríanse os artigos sobre a política exterior serbia, pero o soberano comprometeuse en segredo a mantelos.[4][6] En marzo de 1882 o Estado converteuse en reino.[4]

En 1882 a quebra dunha compañía francesa coa que o Estado asinara un gran contrato co beneplácito austrohúngaro produciu un grande escándalo.[7] Serbia comezou perdendo o equivalente aos seus ingresos anuais e a investigación sobre o contrato destapou a ampla corrupción nacional, que afectou ao propio monarca.[7] A pesar da axuda austrohúngara o desprestixio para o novo rei re os seus ministros foi enorme.[7]

A partir de 1883, co exilio de numerosos opositores ao rei en Bulgaria, a tensión con esta creceu.[8] En 1885, convencido da debilidade militar búlgara, Milan atacou o principado veciño, sendo completamente derrotado.[8] Só a intervención austrohúngara logrou evitar perdas ao país.[8]

Política interna
[editar | editar a fonte]

En Serbia, ao igual que na veciña Romanía, a pesar der seren formalmente monarquías constitucionais, o monarca tiña un gran poder político: nomeaba aos ministros.[2] Estes, á súa vez, podían influír nos resultados das eleccións que convocaban.[2] Milan, porén, non tiña o control do poder político.[2] Débil, folgazán, corrupto e insignificante,[2] tiña facilidade para crearse inimigos.[2] Non contaba coas calidades necesarias para reunir en torno a si ás distintas faccións políticas nin para converterse en caudillo do país, por entón débil e atrasado.[2]

Cedomilje Mijatović, destacado dirixente político dos Progresistas, un dos dous partidos máis achegados aos Obrenović, que foron perdendo respaldos paulatinamente fronte aos seus rivais Radicais a finais do século XIX e comezos do XX.

Durante o seu reinado, ademais do Partido Liberal, no goberno ao comezo do período, xurdiron outras dúas agrupacións políticas destacábeis: o Partido Progresista e o Partido Radical.[2] Os progresistas proviñan da ala esquerda do Partido Conservador. Partidarios de seguir o modelo da Europa occidental, consideraban a Rusia atrasada e primitiva.[2] Formado en xeral por persoas de cultura e cosmopolitas, defendían o habitual ideario liberal do século XIX: dereitos civís, incluíndo a liberdade de prensa e asociación, xustiza independente e gobernos locais.[2] O seu obxectivo era o das clases medias de Europa occidental.[2]

Os radicais tiñan unha orixe popular, de raíces marxistas, populistas e anarquistas.[2] Ao comezo situábanse ideoloxicamente moi á esquerda dos progresistas.[2] Defendían o sufraxio universal masculino, un goberno baseado no parlamento, impostos graduais e directos, dereitos civís e gobernos locais autónomos.[2] Opoñíanse en especial ao control policial das eleccións, que impedía a súa vitoria.[2] Aínda que inicialmente non se dirixía ao campesiñado, posteriormente si que intentou gañar o seu favor.[2]

Desde 1880, tras doce anos de gobernos liberais, a crise polas negociacións comerciais con Austria-Hungría deu paso a un novo goberno progresista.[7] Os progresistas controlaron a política serbia durante os seguintes 7 anos e asinaron un acordo co Imperio Austrohúngaro en abril de 1881.[7] O acordo foi favorábel para a agricultura serbia a cambio de permitir a entrada preferente de produtos industriais austrohúngaros, que non supoñían competencia aos serbios xa que estes non existían.[7] Austria-Hungría pasou a controlar o 77 % das importacións serbias e o 82 % das súas exportacións.[4]

Os gobernos progresistas, aínda que non democráticos,[9] comezaron a aprobar medidas modernizadoras, como as leis de liberdade de prensa, independencia do poder xudicial, obrigatoriedade da ensinanza primaria...[9] En 1883 estableceuse o servizo militar obrigatorio e fundouse o Banco Nacional.[9] Os antigos funcionarios, favorábeis aos liberais, deron paso aos partidarios dos progresistas.[9] Estes defendían os intereses da clase media, ignorando os da maioría campesiña do país.[9] En xeral, o seu período de goberno destacou polos continuos escándalos internos e os desastres en política internacional.[9]

En 1883 os progresistas perderon as eleccións ante os radicais, pero Milan negouse a encargarlles formar goberno e chamou aos conservadores, que tiveron que reprimir en novembro a revolta de Timok na que os radicais participaron e que levou ao exilio a algúns dos seus dirixentes.[9] En 1884 os progresistas regresaron ao goberno.[9]

A partir da década de 1880 os conflitos persoais da familia real afectaron continuamente á política nacional.[8] En 1887 a raíña e o herdeiro ao trono abandonaron o país.[8]

En 1888, incapaz de lograr unha vitoria electoral para os seus protexidos progresistas, Milan convocou unha Asemblea Constituínte que, en 1889, promulgou unha nova constitución máis democrática.[8] A continuación, en marzo de 1889, Milan abdicou e abandonou o país.[8]

O reinado de Alexandre

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Alexandre I de Serbia.
Política exterior

Despois do seu matrimonio en 1900 Alexandre tratou de acercarse a Rusia, que non lle concedeu, porén, un apoio incondicional.[10] O afastamento de Austria-Hungría, consecuencia dos seus intentos de congraciarse con Rusia, deu lugar a constantes roces.[10] Os rusos insistían en que o rei, reticente a iso, entregase o goberno aos radicais, que lles eran favorábeis.[11]

Alexandre I de Serbia, último monarca da dinastía Obrenović. O seu reinado caracterizouse polos reveses en política internacional e os seus escándalos persoais. Morreu asasinado en 1903.

O principal problema do momento era o futuro de Macedonia, que impediu o establecemento de relacións cordiais con Bulgaria e Montenegro, rivais no repartimento futuro da rexión.[10] Austria-Hungría manifestouse completamente oposta á expansión serbia en Macedonia e os rumores sobre avances serbios na rexión ou dunha posíbel anexión do Sandžak por Austria-Hungría deteriorou aínda máis as relacións en 1901-1902.[12] O Imperio utilizou repetidamente o seu control sobre as exportacións serbias para premer a Alexandre, que non logrou, a pesar dos seus intentos en 1902, mellorar as relacións entre as dúas nacións.[13] Rusia, favorábel ao acercamento de Bulgaria e Serbia, non logrou este obxectivo pola hostilidade mutua debido a Macedonia.[11]

As relacións co Imperio Otomán flutuaron, empeorando polos ataques albaneses á poboación serbia en Macedonia[13] e polas ansias territoriais serbias na rexión.

Política interior

Tras a abdicación de Milan, que se considerou unha vitoria dos radicais, estes formaron goberno, aínda que non con programa campesiño, dos que obtiña o seu apoio, senón da clase media.[14] Novamente houbo un cambio nos funcionarios, que se encheu de simpatizantes dos radicais.[14]

En xuño de 1892 os radicais deron paso a un novo goberno liberal, que se serviu do exército e a policía para lograr unha maioría nas eleccións.[14] En abril de 1893, porén, Alexandre deu un golpe de Estado real instigado polo seu pai e apoiado polo Exército.[14] As eleccións que seguiron devolveron o goberno aos radicais.[14] En 1894 o monarca aboliu a constitución liberal de 1888 e restaurou a de 1869.[14] En toda a década foi capaz de controlar a política nacional enfrontando aos partidos, pero a súa vida privada minou a súa popularidade.[14]

Os partidos Progresista e Liberal foron perdendo apoios, mentres medraban os do Radical, en xeral oposto ao monarca.[1] Os intentos de reconciliación entre 1900 e 1902 terminaron fracasando, exixindo os radicais o control do goberno, ao que o rei replicou restaurando o goberno persoal.[1] O derradeiro ano do seu reinado Alexandre gobernou mediante favoritos e o rexeitamento ao monarca estendeuse, creando un clima de inestabilidade que debilitou ao país.[15]

A política nacional quedou ademais marcada pola vida persoal do rei e a dos seus proxenitores, que se converteu no díxome-díxome de Europa.[14] A relación e posterior matrimonio de Alexandre coa viúva Draga Mašin foron impopulares e os propios pais de Alexandre desaprobárono.[16] Desde a voda en 1900 o resto do reinado estivo centrado nos escándalos da familia real.[16]

As protestas de marzo de 1903, esmagadas polo réxime real, aceleraron unha conspiración contra o soberano que xurdira entre certos oficiais e políticos en 1901.[1] Sen un proxecto político claro máis alá da eliminación do rei,[15] os conspiradores levaron a cabo un golpe de Estado o 11 de xuño de 1903 que acabou cos soberanos e varios membros do goberno e da familia real.[15][16] Inmediatamente, e ante a imposibilidade de proclamar unha república, foi chamado ao trono o aspirante da dinastía rival dos Karadjordjević e volveuse ao réxime constitucional que Alexandre abolira.[15]

Período rusófilo

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Pedro I de Serbia.

Pedro I de Serbia regresou ao país pola súa popularidade e pola falta de alternativas para cubrir o posto:[16] Austria-Hungría e Rusia opoñíanse á República e a elección doutro candidato estranxeiro sería menos popular e máis complicada polo equilibrio das potencias.[15] O seu reinado, caracterizado en xeral polos gobernos constitucionais e parlamentarios e a extensión das liberdades,[17] non supuxo, porén, unha revolución, quedando o goberno e a estrutura social sen alterar máis alá dos cambios de persoal.[15] O Exército reorganizouse ao gusto dos conspiradores que lle entregaran o trono.[15]

Pedro I de Serbia, monarca da dinastía Karadjordjević.

Xurdiu un movemento obreiro e socialista, pero de escaso poder.[17] Pola dereita, os partidarios da dinastía derrocada en 1903 mantiveron a súa oposición, pero infrutuosamente. O republicanismo era tamén débil pola popularidade da ideoloxía nacionalista da monarquía. Precisamente unha das características deste período foi a intensificación do movemento irredentista e pro-iugoslavo que requiriu a independencia económica do país do Imperio Austrohúngaro, co que as relacións con este empeoraron notabelmente.

Política exterior

[editar | editar a fonte]

Co cambio de dinastía acentuouse o aliñamento do país con Rusia, o que o rei favorecía,[16][18] e a oposición á influencia e expansión austrohúngara e xermana na rexión.[18]

Illamento e crise

O comezo do reinado de Pedro foi de crise interna e externa.[15] O país estaba illado diplomaticamente polo asasinato de Alexandre I, aínda que paulatinamente o novo réxime foi sendo recoñecido polas diversas potencias, sendo Gran Bretaña a última en retomar as relacións diplomáticas, e só despois de que se retiraran os conspiradores máis sobresalientes.[15][16] Rusia, pola contra, celebrou o cambio de réxime, que lle era claramente favorábel, aínda que ao comezo non foi de forma moi aberta, para non incomodar ás demais potencias.[19]

No país as conspiracións dos partidarios dos Obrenović engadíronse ás sucesivas crises polos excesos dos conspiradores de 1903, que interferían nos asuntos de goberno e nos militares.[17] A pesar de desapareceren dos postos máis visíbeis por presión das potencias estranxeiras, os conspiradores de 1903 seguiron sendo unha forza política poderosa até 1917, cando a súa organización secreta, a Man Negra (fundada en 1911), foi desmantelada polo príncipe Alexandre.[17]

Tensión con Austria-Hungría

A intensificación do nacionalismo serbio e do iugoslavismo levou a conflitos coa veciña Austria-Hungría.[20] Houbo tensión pola permanente crise en Macedonia, na que Austria-Hungría apoiaba a búlgaros e albaneses fronte aos elementos serbios. Máis tarde tivo lugar a guerra comercial coñecida como "Guerra do Porco", debida ao intento do Imperio Austrohúngaro de recuperar o control político do país mediante o estrangulamento das exportacións serbias,[20] que controlaba case completamente, e que levou á busca de novos mercados para os produtos serbios, con notábel éxito. Serbia non logrou, porén, a independencia financeira: a Austria-Hungría simplemente substituína Francia como prestamista e financiadora do comercio e a industria serbia, en crecemento. Os efectos para o Imperio foron, porén, serios: pasou de controlar o 90 % do comercio serbio a unicamente o 30 % e creceu a hostilidade entre os dous países.

A partir de entón rompéronse os lazos políticos, económicos e militares con Austria-Hungría e o país pasou a aliñarse claramente con Rusia, mentres compraba as súas armas a Francia.[20]

Os intentos de acordo con Montenegro e Bulgaria fracasaron, fundamentalmente pola rivalidade en Macedonia, na que os tres gobernos estaban interesados. Tanto Austria-Hungría como o Imperio Otomán trataron de avivar a rivalidade para evitar a formación dun bloque eslavo que lles fora hostil e prexudicial politicamente. Serbia, como os demais rivais, participou indirectamente nas loitas guerrilleiro-terroristas que se libraron en Macedonia, nas que Austria-Hungría sostivo aos albaneses. Os combates en Macedonia intensificáronse en 1906-1908 tras o fracaso dos intentos de acercamento entre Serbia e Bulgaria.[21] En 1905 Bulgaria e Serbia asinaran un acordo comercial que debía ser un primeiro paso para a unión aduaneira, pero a mellora das relacións durou pouco.[20][22] As relacións volveron á súa tensión anterior en 1907-1908, reducíndose o comercio serbio que utilizaba os portos búlgaros.[23]

O acordo entre Montenegro e Serbia tampouco frutificou, polas rivalidades territoriais entre os dous países, aínda que Serbia para entón se convertera no foco da axitación iugoslavista, desprazando a Montenegro.[24] O goberno de Montenegro sospeitaba que os intelectuais montenegrinos críticos co rei recibían apoio serbio.[21]

Bosnia e as guerras balcánicas

A anexión de Bosnia por Austria-Hungría en 1908 supuxo un duro golpe para Serbia, que viu definitivamente perdida a expansión na provincia otomá. Rusia, descontenta co resultado da crise e a expansión austrohúngara, fomentou a creación da Liga Balcánica e asinou un acordo con Italia en outubro de 1909 para coordinar a súa política nos Balcáns.[25]

Caricatura da época: as potencias tratando de calmar as tensións nos Balcáns. A progresiva decadencia do Imperio Otomán e as ambicións territoriais dos países veciños levaron ás Guerras Balcánicas, nas que Serbia duplicou o seu territorio.

En 1911 a Guerra italo-turca e a inestabilidade interna do Imperio Otomán animaron aos coligados a esperar unha pronta partición de Macedonia.[25] Os obxectivos dos aliados, porén, diferían, preferindo os búlgaros unha autonomía para o territorio, contando cunha futura anexión, mentres que Serbia era partidaria da partición da rexión.[25] O 13 de marzo de 1912 firmouse un acordo serbo-búlgaro que nas súas cláusulas secretas definía a partición de Macedonia.[26] A nova fronteira, porén, era extremadamente vaga, quedando grandes zonas de Macedonia sen asignar a ningún dos coligados, que se comprometían a acatar unha arbitraxe do tsar ruso.[26] As máximas aspiracións serbias comprendían un terzo da rexión, quedando o resto para repartir entre Bulgaria e Grecia.[26] A falta de claridade no trazado das fronteiras, porén, levou directamente ao enfrontamento dos aliados na Segunda guerra balcánica[26] tras a rápida derrota otomá na primeira.

Cambios territoriais tras as Guerras balcánicas. Macedonia foi repartida entre os vencedores.

A contención do avance austrohúngaro nos Balcáns, obxectivo ruso da Liga, quedou en segundo plano fronte aos desexos expansionistas dos coligados a custa do Imperio Otomán.[27] Demasiado débil para afrontar unha crise internacional nos Balcáns, Rusia pactou con Austria-Hungría unha declaración o 8 de outubro de 1912 advertindo aos membros da Liga da inutilidade dunha guerra na rexión, en balde.[27] O mesmo día Montenegro comezou as hostilidades de acordo ao plan trazado e comezou a Primeira guerra balcánica.[27]

As tropas serbias acudiron en axuda dos búlgaros que asediaban Edirne mentres que, á vez, avanzaban máis alá da liña acordada con Bulgaria en Macedonia, tomando Ohrid, Bitola e Prilep.[28] Serbia pretendía ademais lograr unha saída ao Adriático para evitar o cerco austrohúngaro, e avanzou cara Durrës (de maioría albanesa)[28] e Shkodër, xunto con tropas montenegrinas.[28] A comezos de 1913 as potencias impuxeron o fin das hostilidades e a decisión austrohúngara e italiana de evitar a expansión serbia no Adriático asegurou a formación dunha Albania independente.[28] Serbia reclamou compensacións en Macedonia, que foron rexeitadas por Bulgaria, que defendía a división orixinal de territorios.[29] Serbia logrou o apoio do goberno grego, que desexaba a expulsión de Bulgaria das proximidades de Salónica, e dos rusos, desencantados coa actitude de Bulgaria, que se inclinaba á guerra.[29] O 29 de xuño de 1913 Bulgaria atacou os seus antigos aliados, convencida da súa superioridade militar, sendo derrotada a finais de xullo.[30]

Polo Tratado de Bucarest do 10 de agosto de 1913 Serbia practicamente duplicou o seu territorio, obtendo territorios macedonios previamente asignados a Bulgaria.[30] Coa división do Sandžak de Novi Pazar con Montenegro obtivo unha fronteira común con este país.[30]

A primeira guerra mundial

O asasinato do herdeiro ao trono austrohúngaro e a súa esposa en Saraxevo por nacionalistas serbo-bosníacos coa connivencia de elementos serbios e o posterior ultimato austrohúngaro a Serbia levou ao país á guerra, que se converteu pronto nunha confrontación mundial. O goberno serbio aceptara case todas as exixencias austrohúngaras, pero isto non bastou para evitar o enfrontamento.[31] O 28 de xuño de 1914 Belgrado foi bombardeado desde a outra beira do Sava e o Danubio.[31]

Países belixerantes a finais de 1914.

Serbia contaba con 4,5 millóns de habitantes fronte aos 50 millóns de Austria-Hungría e se esperaba unha rápida derrota a mans desta.[31] Serbia mobilizou a 350.000 homes pero non puido impedir o paso a través do Sava e o Drina das tropas austrohúngaras.[32] A mediados de agosto, porén, nunha batalla de catro días, o exército serbio venceu, forzando a evacuación austrohúngara.[32] Serbia atacou territorio austrohúngaro pero, en decembro, perdeu Belgrado.[32] O exército serbio sufría escaseza de material e abastecementos.[32] A mediados de decembro, porén, unha nova pero custosa vitoria serbia no río Kolubara permitiu a expulsión dos austrohúngaros e a recuperación da capital.[32] Serbia perdeu, porén, 100.000 homes na batalla.[32] Unha grande epidemia de tifo, ademais, estendeuse polo país, afectando a civís e militares e debilitando a defensa.[32] Contra o verán de 1915 Serbia perdera outros 150.000 homes.[32]

Retirada serbia a través de Kosovo no inverno de 1915.
Nikola Pašić, primeiro ministro serbio, no exilio, asinou a Declaración cos representantes do Comité Iugoslavo, aparcando temporalmente as súas diferenzas.

Á vez que se desenvolvían os combates, as partes buscaban novos aliados.[32] Os Imperios Centrais lograron a alianza do Imperio Otomán en novembro de 1914, debilitando a posición serbia.[32] Serbia, co goberno de Nikola Pašić, buscaba obter Bosnia e unha saída ao Adriático, mantendo unha postura máis panserbia que iugoslavista.[33] Rusia, principal valedor do país, tampouco favorecía a unión de territorios eslavos.[33] Os políticos eslavos exiliados en Austria-Hungría que se agruparan no Comité Iugoslavo non contaban co apoio de Pašić.[33] Italia, pola súa parte, reclamaba cesións territoriais prexudiciais para os plans dos eslavos austrohúngaros e para os de Serbia, pero era vista cada vez máis necesaria como aliada ante a delicada situación militar da Entente na primavera de 1915.[33] A firma do Tratado de Londres na primavera de 1915 fixo que Italia entrase na guerra, sen os resultados esperados, e que se complicase a posición dos serbios e dos eslavos austrohúngaros: mentres estes suavizaban a súa postura fronte a Pašić considerando a Serbia como imprescindible para frear as ambicións italianas,[34] o primeiro ministro serbio tratou secretamente de obter a concesión de territorios ambicionados sen informar aos seus supostos aliados do Comité.[35] Pašić e o seu goberno oscilaron durante a contenda entre unha expansión menor, que incluíse os territorios poboados por habitantes de "idioma serbio" (o dialecto stokaviano do serbocroata), e a unión dos eslavos do sur (a excepción dos búlgaros), con preeminencia serbia, que iría desempeñar na fundación do novo Estado un papel equivalente ao do Piemonte para o Italia).[36] Parte do Comité defendía, polo contrario, unha estrutura federal entre croatas , serbios e eslovenos.[37] En temas militares como a inclusión de prisioneiros de guerra eslavo-austro-húngaros sucedéronse os roces entre ambas as posturas.[38]

División serbia en Corfú tras a evacuación de comenzos de 1916 da costa albanesa.

Tras resistir o embate austrohúngaro en 1914, a entrada en guerra de Bulgaria o 15 de outubro de 1915 do lado dos Imperios Centrais fixo que a fronte serbia se afundise.[39] Ao longo de outubro e novembro as cidades serbias foron caendo en mans dos seus inimigos unha tras outra.[39] En decembro, con practicamente todo o país en mans dos exércitos inimigos, o exército serbio comezou unha longa e moi dura retirada de dous meses a través de Albania cara á costa, onde os superviventes foron trasladados con axuda franco-italiana á illa de Corfú.[39] En xaneiro de 1916 Montenegro e Albania foron ocupados polos austrohúngaros.[39]

Serbia en 1918.

En 1916 o exército serbio evacuado, xunto con unidades rusas provenientes de Francia e italianas, desembarcou en Salónica, pero a ofensiva foi un fracaso, sendo os Aliados derrotados en dúas ocasións en agosto e quedando parte de Grecia ocupada por búlgaros e alemáns.[39] A pesar do posterior desembarco de tropas británicas e francesas e de diversas batallas a finais de 1916 e na primavera de 1917 a fronte apenas cambiou.[40]

A Revolución de Febreiro en Rusia tras a ocupación de Serbia polo inimigo debilitou a postura de Pašić, que tivo que mostrarse máis conciliador.[41] O resultado do acercamento entre o goberno serbio e o Comité foi a Declaración de Corfú de 20 de xullo de 1917 na que ambas as partes proclamaban a súa intención de formar un novo estado iugoslavo.[41] A ambigüidade de certas pasaxes da declaración, que se interpretaron de maneiras diversas, deron máis adiante lugar a conflitos entre as diversas posturas que diferían no modelo de Estado.[42]

A situación só cambiou cando, por un lado, as principais potencias Aliadas acordaron abandonar o mantemento da unidade territorial do Imperio Austrohúngaro ante o fracaso das negociacións de paz co emperador Carlos de Austria na primavera de 1918 e, por outro, a ofensiva na fronte de Salónica, baixo mando francés, logrou romper as liñas xermano-búlgaras no río Vardar a mediados de setembro de 1918.[40] Poucos días despois Bulgaria rendíase, asinando un armisticio o 30 de setembro de 1918 .[40]

O exército de Salónica, con divisións serbias, avanzou cara ao país, recuperando rapidamente posicións ante o repregamento dos restos das forzas dos Imperios Centrais e alcanzando Belgrado o 1 de novembro de 1918 .[43]

Política interna

Nada máis chegar ao país, Pedro prometeu respectar a constitución.[18] Restaurouse o goberno constitucional e parlamentario.[44] Aínda que o rei respectou o poder político, os gobernos do período non foron tan respectuosos coa legalidade, abusando en ocasións do seu poder e intimidando á oposición política.[44] Un factor de inestabilidade permanente, aínda que de poder flutuante, foron os conspiradores de 1903, que interferiron en ocasións nos labores de goberno e, especialmente, en asuntos militares, sobre todo até 1907.[45] Os partidos tan pronto deploraban o seu poder como utilizaban a súa influencia ao seu favor.[45]

Os gabinetes do reinado de Pedro estiveron controlados na súa maioría polas dúas ramas do Partido Radical, o Radical propiamente dito, e o Partido Radical Independente, separados desde 1901.[20][44] As posturas en política internacional dos principais partidos era a mesma, e en política interior as súas diferenzas tamén eran escasas.[44]

Os principais partidos eran, con moito, os dous Radicais.[44] A liberdade política permitiu, porén, o xurdimento doutras formacións, como o Partido Socialdemócrata.[44]

Os primeiros gobernos do reinado concentráronse en mellorar a situación económica e en lograr o restablecemento das relacións diplomáticas, moi danadas coa maioría dos países polo golpe de 1903.[46] Austria-Hungría, hostil ao cambio de 1903, controlaba catro quintas partes do comercio serbio.[46]

Un dos acontecementos de política interna máis relevantes do período foi a separación definitiva dos dous sectores do Partido Radical o 31 de outubro de 1904 .[47] A partir de entón ambos os partidos, o Radical e o Radical Independente, pugnaron por facerse co goberno, aínda que o primeiro logrou a partir de 1906 a preeminencia até o final da primeira guerra mundial.[20][47] Durante as graves crises como a anexión austrohúngara de Bosnia en 1908 ou a guerra mundial forxáronse gobernos de coalición.[47]

Até a crise de 1908 radicais e radicais independentes disputaron principalmente sobre dous asuntos: a capacidade dun partido minoritario de convocar eleccións incluso con permiso real e a conveniencia de que a oposición utilizase tácticas dilatorias no parlamento.[48] A partir de 1908 as sucesivas crises internacionais fixeron que estes asuntos pasasen a un segundo plano.[48]

O novo Estado iugoslavo, cos territorios que o integraron. O Reino de Serbia disolveuse no novo Estado a finais de 1918.

Formación de Iugoslavia

[editar | editar a fonte]

Tras a derrota dos Imperios Centrais no outono de 1918 o Consello Nacional reunido en Zagreb, tras proclamarse independente do Imperio Austrohúngaro, tratou de manter a independencia do novo e efémero Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios.[49]

O avance do exército italiano sobre zonas que aquel consideraba propias e a súa incapacidade para formar unhas forzas armadas independentes fixeron necesaria a petición de tropas a Serbia.[50][51]

Tras a votación do Consello en novembro enviouse unha delegación a Belgrado para a formación do novo Estado eslavo.[52] O 1 de decembro de 1918 , en presenza do rexente Alexandre, proclamouse a creación do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, que reunía territorios serbios, montenegrinos e austrohúngaros, desaparecendo á vez o Reino de Serbia independente.[53]

Economía e sociedade

[editar | editar a fonte]

Estrutura social e económica

[editar | editar a fonte]

Coa derrota dos Estados serbios no século XIV e a súa inclusión no Imperio Otomán a antiga nobreza extinguiuse ou emigrou.[54] Os pobos, porén, sobreviviron como unidades administrativas, responsábeis da recadación de impostos para o goberno do Sultán.[54] O territorio converteuse nunha zona de campesiños, que foron os que levaron a cabo a primeira revolta contra o goberno de Istambul a comezos do século XIX que máis tarde conduciría á independencia.[54]

A conquista turca tivo profundas e duradeiras consecuencias para os serbios e todos os eslavos balcánicos. Os vencedores non só eliminaron a súa organización política, senón que transformaron as relacións sociais e económicas e provocaron considerábeis movementos de poboación. Como os restantes cristiáns do Imperio, os serbios convertéronse en reaia, súbditos propiedade do Sultán, que dispoñía libremente das súas vidas e facendas. Grandes extensións de terreo foron entregadas en feudo (timar) [55] a soldados otománs que, a cambio do servizo de armas, recibían os beneficios da explotación da terra e do traballo dos campesiños a ela adscritos.

O sistema social sufriu cambios importantes. Aínda que no mundo rural se mantivo o modelo de comunidades campesiñas gobernadas patriarcalmente por xuíces que respondían ante o paxá otomán, a vida urbana sufriu un importante retroceso en toda Serbia. Desapareceu a vella aristocracia feudal, e o patriarcado grego de Constantinopla recuperou a súa privilexiada posición entre a cristiandade eslava ortodoxa, en prexuízo do clero do desaparecido patriarcado nacional serbio (e tamén do búlgaro).[56]

Isto trouxo consigo un considerábel retroceso da vida cultural das comunidades eslavas, que perderon practicamente a tradición literaria na súa propia lingua. Porén, o proceso de islamización foi mínimo e circunscribiuse ao asentamento de campesiños anatolios nalgunhas zonas de Tracia e Macedonia e á conversión ao islam de gran parte da poboación de Albania e de parte da de Bosnia.[57]

O que si tivo unha gran transcendencia foron os desprazamentos de poboación provocados pola conquista e despois polas reiteradas sublevacións contra o dominio otomán. Durante os séculos XIV e XV foron moitos os cristiáns, fundamentalmente católicos romanos de Bosnia e Eslavonia, que buscaron refuxio en Croacia, Hungría, a República de Ragusa e as posesións venecianas en Dalmacia. Tamén os serbios coñeceron grandes migracións. No norte, miles deles cruzaron o Danubio fuxindo da conquista turca establecéndose na rexión húngara de Voivodina (hoxe provincia "autónoma" de Serbia), poboada por romaneses e maxiares, e nas zonas orientais de Eslavonia, entre Osijek e Belgrado, onde a poboación serbia chegaría a ser maioritaria (isto orixinaría un dos conflitos contemporáneos entre Serbia e Croacia).

As prolongadas guerras entre austríacos e turcos provocaron novas migracións en masa cara aos territorios dos Habsburgo, como a encabezada, contra 1690, polo patriarca Arsenij Čarnojević, ou a que seguiu ao fracasado levantamento proaustríaco de 1787. O resultado destes movementos foi unha relativa ruptura do equilibrio étnico na área danubiana que daría lugar, xa no século XX, a non poucos conflitos entre serbios, húngaros e croatas.

As poboacións eran pequenas e os habitantes urbanos escasos.[54] Os pobos foron abatendo os bosques e ampliando o terreo cultivado, pero non apareceron grandes latifundios a diferenza doutras rexións.[54] Por outra parte non se levou a cabo unha concentración de capitais, quedando o país formado por pequenos propietarios agrícolas, bos soldados que vían como un interese propio en defender as súas terras durante as guerras do Estado.[54]

Evolución nas últimas décadas do século XIX

[editar | editar a fonte]
Campesiños serbios nunha aldea. A gran maioría da poboación serbia era rural e vivía en localidades de escasa poboación.

O acordo comercial de 24 de abril de 1881 acentuou a dependencia económica serbia de Austria-Hungría. O obxectivo do goberno que asinou o acordo foi garantir o acceso dos produtos serbios ao mercado austrohúngaro con aranceis baixos.[58] Os austrohúngaros, en efecto, aplicaron un tipo rebaixado aos produtos serbios a cambio dun trato de nación máis favorecida.[58] Austria-Hungría intentou orientar a economía serbia cara a produción agraria e de materias primas, evitando o crecemento da industria lixeira.[59] A cambio, os principais produtos agrarios serbios (porcos, bois, ameixas pasas, marmelada de ameixa) recibiron un trato de favor fiscal no Imperio.[59] O gran, tamén unha exportación relevante para Serbia, recibiu uns aranceis favorables.[59] Asinouse tamén un acordo veterinario que na práctica permitía ao Imperio paralizar a importación de gando porcino por risco de epidemia, dereito que os austrohúngaros utilizaron como medida de presión política.[59] O pacto limitaba ademais os produtos que o goberno serbio podía someter a monopolio estatal e os impostos sobre os produtos importados.[3]

En 1886 os serbios foron os primeiros en incumprir o acordo de xeito notable pero, por motivos políticos, os austrohúngaros non reaccionaron.[3]

O 28 de xuño de 1892 austrohúngaros e serbios asinaron un novo tratado comercial, similar ao de 1881.[60] O novo goberno radical tratou en van de librarse do control económico austrohúngaro.[60]

Xa en 1902, porén, os serbios trataron de reducir a súa dependencia comercial de Austria-Hungría, asinando un tratado comercial co Imperio Otomán e aplicando medidas que favorecían as exportacións a maiores distancias.[61] O cambio de réxime en 1903 acelerou esta tendencia.[61] O primeiro goberno de Pedro I propuxo un plan de reorganización total do comercio serbio, buscando novos mercados.[61]

A "Guerra do Porco" supuxo un cambio notábel na economía serbia, diversificándose por necesidade os destinatarios das exportacións que anteriormente Austria-Hungría controlaba case totalmente.[62] Creceu ademais notabelmente a industria local para cubrir a demanda de produtos que anteriormente subministraba a industria austrohúngara.[62] Creceu o comercio cos países veciños, antes insignificante, e con outras potencias europeas.[62] As crises económicas derivadas do enfrontamento con Austria-Hungría ("Guerra do Poco" e máis tarde a Crise Bosnia de 1908) recaeron, porén, no campesiñado,[63] que veu temporalmente reducidas as posibilidades de vender os seus produtos no estranxeiro e houbo de aceptar a redución dos seus ingresos para abaratar os produtos, para exportar a maiores distancias.[62] A total falta de crédito agrícola dificultou aínda máis a situación dos campesiños.[62]

A industrialización do país levou á formación dunha certa clase obreira e da maior diferenciación entre campo e cidade. No campo o crecemento do número de campesiños sen terra por un lado, e dos campesiños acomodados por outra, fixo crecer a tensión social.[64] O proceso, porén, foi lento e en 1910 o país contaba unicamente con 16.000 obreiros repartidos en 470 pequenas fábricas.[65]

O proceso de industrialización tamén se viu complicado pola economía, atronadoramente agraria, como a dos países veciños, e o carácter extremadamente primitivo da agricultura.[66] Desde a década de 1880, coa chegada do gran estadounidense e australiano, o gran serbio, como o das demais nacións da rexión, deixou de ser competitivo, causando unha crise entre a poboación campesiña, que crecía en número.[66] Dos 1,7 millóns de habitantes en 1878 o país pasara aos 2,9 en 1910.[66] A falta de mellora nos métodos de produción levou ao aumento do terreo cultivado, desaparecendo os grandes bosques serbios.[67] Contra 1914 a situación era crítica, e xa se esgotara a terra a repartir.[67] A falta de crédito agrícola facía tamén imposíbel a mellora da produción dos pequenos campesiños, que traballaban leiras cada vez menores.[68]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Vucinich (2006), páx. 231.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 Jelavich (1977), páx. 185
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Vucinich (2006), páx. 172
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 Jelavich (1977), páx. 187.
  5. Vucinich (2006), p. 73
  6. 6,0 6,1 6,2 Vucinich (2006), p. 173
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Jelavich (1977), páx. 186
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 Jelavich (1977), páx. 189
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 Jelavich (1977), páx. 188
  10. 10,0 10,1 10,2 Vucinich (2006), páx. 24
  11. 11,0 11,1 Vucinich (2006), páx. 35
  12. Vucinich (2006), páx. 31
  13. 13,0 13,1 Vucinich (2006), páx. 32
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 14,6 14,7 Jelavich (1977), páx. 190
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 15,6 15,7 15,8 Vucinich (2006), páx. 232
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 16,5 Jelavich (1977), páx. 191
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Vucinich (2006), páx. 233
  18. 18,0 18,1 18,2 Vucinich (2006), páx. 65
  19. Vucinich (2006), páx. 82
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 20,5 Jelavich (1977), páx. 192
  21. 21,0 21,1 Vucinich (2006), páx. 113.
  22. Vucinich (2006), páx. 148
  23. Vucinich (2006), páx. 155.
  24. Vucinich (2006), páx. 234.
  25. 25,0 25,1 25,2 Jelavich (1977), páx. 216
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 Jelavich (1977), páx. 217
  27. 27,0 27,1 27,2 Jelavich (1977), páx. 218
  28. 28,0 28,1 28,2 28,3 Jelavich (1977), páx. 219
  29. 29,0 29,1 Jelavich (1977), páx. 220
  30. 30,0 30,1 30,2 Jelavich (1977), páx. 221
  31. 31,0 31,1 31,2 Jelavich (1977), páx. 284
  32. 32,00 32,01 32,02 32,03 32,04 32,05 32,06 32,07 32,08 32,09 Jelavich (1977), páx. 285
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 Jelavich (1977), páx. 287
  34. Banac (1988), páx. 119
  35. Banac (1988), páx. 120
  36. Banac (1988), páx. 116
  37. Banac (1988), páx. 118
  38. Banac (1988), páx. 121
  39. 39,0 39,1 39,2 39,3 39,4 Magocsi (2002), páx. 123
  40. 40,0 40,1 40,2 Magocsi (2002), páx. 124
  41. 41,0 41,1 Banac (1988), páx. 123
  42. Banac (1988), p. 124
  43. Krizman (1970), páx. 67
  44. 44,0 44,1 44,2 44,3 44,4 44,5 Vucinich (2006), páx. 67
  45. 45,0 45,1 Vucinich (2006), páx. 102
  46. 46,0 46,1 Vucinich (2006), páx. 85
  47. 47,0 47,1 47,2 Vucinich (2006), páx. 91
  48. 48,0 48,1 Vucinich (2006), páx. 94
  49. Banac (1988), páx. 128
  50. Banac (1988), páx. 129
  51. Banac (1988), páx. 131
  52. Banac (1988), páx. 136
  53. Banac (1988), páx. 138
  54. 54,0 54,1 54,2 54,3 54,4 54,5 Mirkovic (1936), páx. 396
  55. Nicoara Beldiceanu (1980): Le timar dans l'État ottoman (XIVe-XVe siècles) (en francés) Consultada o 16/112/2011.
  56. Halil Inalcik & Donald Quataert (1994): An economic and social history of the Ottoman empire: 1300-1914. Cambridge: Cambridge University Press.
  57. Brockett, L. P. Bogomils of Bulgaria and Bosnia. The Early Protestants of the East. (en inglés) Consultada o 16/12/2011.
  58. 58,0 58,1 Vucinich (2006), páx. 170
  59. 59,0 59,1 59,2 59,3 Vucinich (2006), páx. 171
  60. 60,0 60,1 Vucinich (2006), páx. 174.
  61. 61,0 61,1 61,2 Vucinich (2006), páx. 178.
  62. 62,0 62,1 62,2 62,3 62,4 Vucinich (2006), páx. 235.
  63. Jelavich (1977), páx. 200.
  64. Vucinich (2006), páx. 236.
  65. Jelavich (1977), páx. 199.
  66. 66,0 66,1 66,2 Jelavich (1977), páx. 201.
  67. 67,0 67,1 Jelavich (1977), páx. 202.
  68. Jelavich (1977), páx. 203.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Banac, Ivo (1998): The National Question in Yugoslavia: Origins, History, Politics. Cornell University Press. ISBN 978-0-8014-9493-2
  • Jelavich, Barbara & Jelavich, Charles (1997): The Establishment of the Balkan National States, 1804-1920. University of Washington Press. ISBN 0-295-95444-2
  • Krizman, Bogdan (1970): "The Belgrade Armistice of 13 November 1918" in The Slavonic and East European Review, 48, 110, páxs. 67-87.
  • Magocsi, Paul Roberts (2002): Historical Atlas of Central Europe. University of Washington Press. ISBN 978-0-295-98146-8
  • Mirkovic, Mijo (1936): "The Land Question in Jugoslavia" in Slavonic and East European Review, 14, 41, páxs. 389–402.
  • Strachan, Hew (2001): The First World War. Volume 1: To Arms. Oxford University Press. ISBN 0-19-926191-1
  • Vucinich, Wayne S. (2006): Serbia Between East and West. The Events of 1903-1908. ACLS History E-Book Project. ISBN 978-1-59740-242-2

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]