Renier Chalon
![]() Medalla dedicada a Renier Chalon emitida pola Sociedade Real de Numismática de Bélxica en 1880.[1] | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | Renier Hubert Ghislain Gaspard Chalon 4 de decembro de 1802 Mons, Hainaut, Bélxica. |
Morte | 23 de febreiro de 1889 (86 anos) Ixelles, Bruxelas-Capital, Bélxica. |
Cargos | |
Presidente da Sociedade Real de Numismática de Bélxica | |
Período | 1848 – 1887 |
Antecesor | Joachim Lelewel. |
Sucesor | Alphonse de Schodt. |
Presidente da Academia Arqueolóxica de Bélxica | |
Período | 1874 – |
Datos persoais | |
Outros nomes | Jean Nepomucene Auguste Pichauld, Conde de Fortsas. |
País de nacionalidade | ![]() |
Educación | Universidade Estatal de Lovaina. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática, arqueoloxía bibliofilia. |
Ocupación | fotógrafo, bibliófilo, numismático, arqueólogo ![]() |
Membro de | Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Academia Real de Arqueoloxía de Bélxica. Sociedade de Ciencias, Artes e Letras de Hainaut. Academia Real de Ciencias, Letras e Belas Artes de Bélxica. Sociedade de Historia de París e da Illa de Francia. |
Influencias | |
Familia | |
Cónxuxe | Victoire Charlotte Thérèse Sophie Taintenier (1825). ![]() |
Fillos | Sophie Chalon e Elise Chalon. ![]() |
Pais | Jacques Joachim Chalon ![]() ![]() |
Premios | |
Comendador da Orde de Leopoldo. Cabaleiro da Orde da Coroa de Carballo. Oficial das Palmas Académicas. | |
Lista
|
Renier Chalon, nado en Mons, provincia de Hainaut, o 4 de decembro de 1802 e finado en Ixelles, Bruxelas-Capital, o 23 de febreiro de 1889, foi un bibliófilo e numismático belga, que presidiu a Sociedade Real de Numismática de Bélxica de 1848 a 1887.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Renier Chalon naceu en 1802,[2] no seo dunha familia da alta burguesía de Mons,[3] o terceiro dos catro fillos de Catherine Hubertine Josephine Bellot (1766-1857) e do inspector de impostos Jacques Joachim Chalon (1767-1846).[4]
Cursou estudos de Dereito na Universidade Estatal de Lovaina, onde en 1824 acadou o título de Doutor en Dereito, cunha tese escrita en latín acerca das calidades e as condicións requiridas para a celebración do matrimonio civil.[3]
Carreira profesional e numismática
[editar | editar a fonte]Finalizados os seus estudos, Chalon emprendeu a carreira fiscal, e en 1827 foi nomeado recadador de impostos en Cuesmes, provincia de Hainaut. Posteriormente foi destinado a unha en oficina en Bruxelas, onde ocupou un cargo de responsabilidade ata a súa xubilación o 11 de decembro de 1867.[3]
Paralelamente ao seu labor profesional, Chalon viuse moi atraído polo coñecemento e a investigación en materia numismática e arqueolóxica, tendo en conta, ademais, as amplas posibilidades que ofrecía a vida cultural da capital. Foi en 1836 cando fixo a súa primeira publicación,[3] na prestixiosa Revue de la numismatique française, da man do seu director e fundador, Étienne Cartier. Foi o inicio dunha gran cantidade de estudos, entre os que destacan senllas monografías sobre a numismática dos condes de Hainaut e Namur.[5]
Baixo o título xeral de Curiosités numismatiques ou Singularités numismatiques, publicou ademais, entre 1860 e 1877, na Revue belge de numismatique et de sigillographie unha serie de 23 artigos que abrangue desde moedas medievais ata emisións modernas, medallas e fichas de todo tipo.[6] Tamén se introduciu nalgúns dos seus artigos na numismática do mundo musulmán, para o que chegou a aprender a lingua árabe.[7]
En 1841 foi un dos fundadores da Sociedade Real de Numismática de Bélxica, entidade da que foi o seu primeiro presidente electo (1848-1887), ao substituír o numismático polaco Joachim Lelewel, que ata entón exercera o cargo de presidente honorario.[5] En 1887 renunciou a ser reelixido presidente, aducindo a debilitación da súa vista e a súa idade avanzada, e o 5 de xullo dese ano foi nomeado presidente honorífico vitalicio. Tamén na súa honra, emitíronse varias medallas e fichas co seu busto e alusivas á súa traxectoria.[8]
En recoñecemento da súa erudición, a Academia Real de Letras, Ciencias e Belas Artes de Bélxica nomeouno membro correspondente o 6 de maio de 1851, e pasou a ser membro de número o 4 de maio de 1859 e director da Clase de Letras en 1874.[9] Igualmente, foi membro da Academia Arqueolóxica de Bélxica, entidade que presidiu a partir de xaneiro de 1874.[10][11]
Ademais da súa faceta académica, Chalon foi tamén un importante coleccionista numismático, fundamentalmente de moedas raras, ademais dunha serie moi nutrida de moedas de Namur e de Hainaut, que acabou doando ao Estado belga para que as custodiase e as conservase,[12] e foron destinadas ao Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica.[13]
Outro aspecto salientable de Chalon foi a súa faceta como bibliófilo. Ao longo da súa traxectoria compuxo unha importante biblioteca de máis de 2.400 volumes que foi vendida en diversas poxas públicas entre 1889 e 1890.[14] A súa afección aos libros levouno a fundar a Sociedade dos Bibliófilos de Mons, que presidiu desde 1839 ata a súa morte, e tamén foi membro doutras sociedades eruditas belgas deste sector, como a asociación de Bibliófilos Belgas, Flamengos e de Liexa.[15]
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/1/1f/Jules-Jean_Ferry_-_73f41df85e.jpg/300px-Jules-Jean_Ferry_-_73f41df85e.jpg)
En 1880, o ministro de Instrución Pública de Bélxica distinguiu a Chalon co título de Oficial das Palmas Académicas (Oficial de Instrución Pública). Xa na derradeira etapa da súa vida, foi tamén nomeado polo rei de Bélxica sucesivamente cabaleiro, oficial e, finalmente, comendador da Orde de Leopoldo.[12]
O 24 de abril de 1898, o consello municipal da cidade de Mons acordou a colocación dunha placa na fachada da casa de nacemento de Chalon, na rue des Clercs.[16] Igualmente na súa honra, en Ixelles foi denominada unha rúa co nome de Renier Chalon.[17][18]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Renier Chalon casou o 19 de outubro de 1825 con Victoire Charlotte Thérèse Sophie Taintenier (1806-1840), con quen tivo dúas fillas: Sophie Chalon (1826-1912) e Elise Chalon (1835-1922). [4]
Renier Chalon finou en Bruxelas o 23 de febreiro de 1889, aos 86 anos.[2][12]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Esta é unha escolma das monografías publicadas por Renier Chalon ao longo da súa traxectoria:[19]
- (1844). Recherches sur les éditions du Nouveau Testament de Mons. A. Vandale, Bruxelas.
- (1844). Nugae difficiles. Supplément aux Amusements philologiques de G. Peignot. A. van Dale, Bruxelas.
- (1844). La tour de Sainte-Waudru a Mons. A. van Dale, Bruxelas.
- (1848). Recherches sur les monnaies des Comtes de Hainaut. Devroye, Bruxelas.
- (1852). Recherches sur les monnaies des Comtes de Hainaut. Suppléments. Devroye, Bruxelas.
- (1853). Monnaies historiques de Flandre, frappées pendant la captivité de Gui de Dampierre. Devroye, Bruxelas.
- (1857). Fabrice de la Bassecourt, pasteur de l'église wallonne d'Amsterdam. Bruxelas.
- (1860). Recherches sur les monnaies des Comtes de Namur. M. Hayez, Bruxelas.
- (1860). Curiosités numismatiques. Monnaies rares ou inédites. Devroye, Bruxelas.
- (1861). Les Seigneurs de Muno. Devroye, Bruxelas.
- (1862). Recherches sur la seigneurie des Hayons. Devroye, Bruxelas
- (1865). Un aureus inédit de Laelianvs (Lélien). Devroye, Bruxelas.
- (1867). Méreaux de Tournai. Gobbaerts, Bruxelas.
- (1868). Les seigneurs de Florennes, leurs sxeaux et leurs monnaies. Bruxelas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Negenendertigjarig bestaan van de Societe Royale de Numismatique de Belgique, ter ere van de voorzitter Renier Chalon. [[Rijksmuseum (Rijksmuseum.nl).
- ↑ 2,0 2,1 "CHALON Renier Hubert Ghislain dit R.-C. de Fortsas". Comité des travaux historiques et scientifiques (CTHS.fr).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Schodt, A. (1889). Páxina 1.
- ↑ 4,0 4,1 "Renier Ghislain Hubert Gaspard Chalon". Geneanet.org
- ↑ 5,0 5,1 Schodt, A. (1889). Páxina 2.
- ↑ Schodt, A. (1889). Páxina 5.
- ↑ Schodt, A. (1889). Páxina 10.
- ↑ Schodt, A. (1889). Páxina 12.
- ↑ Tourneur, V. (1956).
- ↑ Discours de M. Renier Chalon, président annuel de l'Académie. Académie d'archéologie de Belgique, Bruxelas. 1874.
- ↑ Schodt, A. (1889). Páxina 4.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 Schodt, A. (1889). Páxina 13.
- ↑ Lallemand, J. (1969). "Le Cabinet des Médailles". En Bibliothèque Royale. Mémorial 1559-1969. Páxinas 297-309. Bruxelas.
- ↑ Collection de Feu M. Renier Chalon. 2e partie: bibliothèque numismatique. Cortvrindt, Bruxelas. 1889.
- ↑ Catalogue des livres rares et curieux composant la bibliothèque de feu M. Renier Chalon. E. Deman, Bruxelas. 1890.
- ↑ De Witte, A. (1899). [Noticia da placa na casa de Renier Chalon]. En Revue belge de numismatique et de sigillographie. 55. Páxina 401.
- ↑ De Witte, A. (1904). "Une rue Renier Chalon" En Revue belge de numismatique et de sigillographie. 60. Páxinas 89-90.
- ↑ "Rue Renier Chalon. Ixelles". Inventaire du patrimoine architectural. Région de Bruselles-Capitale (monument.heritage.brussels).
- ↑ "Bibliographie". En Chestret de Haneffe (1900). Páxinas 70-80.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Schodt, A. (1889). Renier Chalon. Biographie numismatique. Gobbaerts, Bruxelas [separata do artigo homónimo en Revue belge de numismatique et de sigillographie. Vol. 45. 1889. Páxinas 452-564.]
- Callataÿ, F.; Sorgeloos, C. (eds.) (2008). Renier Chalon alias Fortsas. Un érudit malicieux au mitan du XIXe siècle. Musée royal de Mariemont. ISBN 2-930469-19-6
- Chestret de Haneffe (1900). "Notice sur Rennier Chalon, membre de l'Académie". En Annuaire de l'Académie royale des sciences, des lettres et des beaux-arts de Belgique. 66. Bruxelas. Páxinas 45-80.
- Tourneur, V. (1956). "Chalon (Renier-Hubert-Ghislain)". En Biographie nationale. T.29. Suplemento. Académie royale des sciences, des lettres et des beaux-arts de Belgique, Bruxelas. Páxinas 434-440.
Predecesor: Joachim Lelewel |
Presidente da Sociedade Real de Numismática de Bélxica 1848 - 1887 |
Sucesor: Alphonse de Schodt |