Reserva biolóxica Bosque Nuboso Monteverde
A Reserva biolóxica Bosque Nuboso Monteverde é unha reserva privada situada en Costa Rica ao longo da serra de Tilarán, entre as provincias de Puntarenas e Alajuela.
O seu nome débese á cidade próxima de Monteverde e foi creada en 1972.[1] A reserva componse de máis de 10 500 hectáreas de selva tropical, e recibe uns 70 000 visitantes ao ano. Posúe 6 zonas ecolóxicas, o 90 % das cales son de bosque virxe.[2]
Os científicos e turistas desde entón atoparon na reserva unha moi alta biodiversidade, que consiste en máis de 2500 especies de plantas (incluídas centos de especies de orquídeas concentradas nun só lugar), 100 especies de mamíferos, 400 especies de aves, 120 especies de réptiles e anfibios, e miles de insectos.
Características
[editar | editar a fonte]A Reserva biolóxica de Monteverde abrangue unha área de conservación biolóxica que se localiza na Cordilleira de Tilarán, na Provincia de Puntarenas, Costa Rica. A reserva é de propiedade privada e ten unha extensión superior ás 10 000 ha, protexendo unha parte importante dos extensos bosques nubrados da cordilleera de Tilarán. Ademais forma un corredor biolóxico co Parque Nacional Volcán Arenal denominado "Complexo de bosque nuboso Arenal-Monteverde".
A zona é visitada anualmente por máis de 70 000 turistas que acoden principalmente a observar aves e a contemplar o bosque nubrado. Está situada a 5 km ao leste do centro de Santa Elena, no distrito de Monteverde (provincia de Puntarenas).
Reserva privada
[editar | editar a fonte]A área corresponde na súa totalidade a unha reserva privada, propiedade do Centro Científico Tropical (CCT), unha ONG científica e educativa costarriqueña sen fins de lucro, fundada en 1962. A Reserva como tal, foi establecida en 1972 e inmediatamente asumiu a súa administración o CCT.
Esta área silvestre creouse para protexer a flora, a fauna e os recursos hídricos, e para levar a cabo tanto estudos científicos coma programas de educación ambiental.
A Reserva Bosque Nuboso Monteverde abrangue oito zonas biolóxicas diferentes e cobre unha área dunhas 10 522 hectáreas.
É o fogar de máis de 2000 especies de plantas e árbores, 100 especies de mamíferos, máis de 400 especies de paxaros e arredor de 1200 especies de anfibios e réptiles. Algunhas especies salientables son o paxaro campá, xaguares, pumas, monos e sapos.
En canto á súa flora, é tamén hábitat de máis de 300 especies de orquídeas e 200 especies de fentos.
Historia
[editar | editar a fonte]Na década de 1960 os biólogos estudaron a zona e documentaron novas especies decatándose da súa grande riqueza. En 1968, o Dr. Joseph Tosi, que traballaba para o Centro Científico Tropical, unha fundación para a conservación tropical, acompañou ao Dr. Leslie Holdridge nunha viaxe a Monteverde. A visita formaba parte dun estudo da rexión norte de Costa Rica, solicitado pola Oficina Nacional de Planificación do goberno. Alí, reuniuse con Hubert Mendenhall, líder da comunidade cuáquera que habitaba na zona (os cuáqueros establecéranse alí anos antes procedentes dos Estados Unidos, fuxindo do seu posible recrutamento para a guerra de Corea). Ao final da súa visita, Holdridge e Tosi recomendaron aos cuáqueros que os bosques nativos foran preservados o máis posible para protexer as fontes de auga e utilizar os bosques como cortaventos.
Pasaron os anos, e en 1972 un xove estudante graduado, George Powell, visitou o Centro Científico Tropical en San José. Viviu en Monteverde mentres facía a súa tese de doutoramento sobre as aves da zona, e viu que a fauna e os hábitats eran ideais para fins de investigación. Sorprendido pola extraordinaria riqueza biolóxica dos bosques nubrados, e a presenza do raro endemismo do sapo dourado, e alarmados pola depredación causada polos cazadores e os ocupantes de terras, Powell recibiu a promesa da Guacimal Land Company de que se doarían 328 hectáreas de terra, se podía formar ou atopar unha asociación civil que o patrocinase ao facerse cargo da propiedade. George usou os seus fondos persoais para pagar a varios dos ocupantes ilegais, coa esperanza de establecer unha pequena reserva biolóxica na rexión.
Nese momento, había poucos parques nacionais en Costa Rica, e o TSC tiña un programa para crear coutos privados de investigación e ensinanza da bioloxía, onde cada reserva representaría unha área ecolóxica diferente do país. Inmediatamente, o TSC interesouse na oferta de Powell e comezou o proceso que conduciu á adquisición das 328 hectáreas en abril de 1973. O custo da granxa foi un simbólico 1 colón (menos de 1 dólar estadounidense).
Xunto con Powell, a bióloga costarriqueña Adelaida Chaverri e o especialista en vida silvestre Christopher Vaughn promoveron a creación deste couto privado. De feito, Adelaida Chaverri converteuse, xunto co Dr. Joseph Tosi e outros membros do TSC, convertéronse en patrocinadores do que hoxe é o Bosque Nuboso de Monteverde. Eles proporcionan continuidade ao interese expresado por George Powell, cando obtivo a doazón da primeira parcela de terra para a Reserva.
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Flora
[editar | editar a fonte]As epífitas, que representan o 29% da flora con 878 especies, son a forma de vida máis rica entre as especies da flora en Monteverde. A rexión de Monteverde é tamén coñecida como o sitio co maior número de orquídeas no mundo. O número total de especies coñecidas supera as 500, e destas, 34 especies que foron descubertas na reserva son novas para a ciencia.
Fauna
[editar | editar a fonte]A herpetofauna da zona consta de 161 especies de anfibios e réptiles. Monteverde era oñecida mundialmente como o hábitat do sapo dourado (Incilius periglenes), unha especie que desapareceu en 1989.
91 (21%) das especies de aves de Monteverde son aves migratorias de longa distancia que se reproducen en Norteamérica e atravesan Monteverde durante a súa migración, ou pasan o inverno na zona. Tres destas especies, Elanoides forficatus, Legatus leucopahius e Vireo flavoviridis, reprodúcense en Monteverde e emigran a América do Sur durante a súa fase non reprodutiva.
O quetzal resplandecente (Pharomachrus mocinno) móvese en tempada de aniñación ata as elevacións máis baixas a ambos os lados da divisoria continental. O comezo da migración das aves campá (Procnias tricarunculata) é similar á do quetzal, mais a reprodución ocorre preto da divisoria continental, de marzo a xuño, e é seguida por un movemento post-reprodutivo de baixada pola vertente do Pacífico durante os meses de agosto e setembro.
A maioría das especies de aves en Monteverde son principalmente insectívoras, dado que as plantas da rexión ofrecen unha ampla variedade de froitas onde crecen moitos insectos. As epífitas son recursos importantes, tanto para fruxívoros coma para insectívoros en Monteverde. A escala mundial, os bosques nubrados de Monteverde son o fogar de dez especies de aves que se consideran en perigo de extinción pola organización Birdlife International en todo o mundo debido ao seu hábitat moi restrinxido.
Os mamíferos de Monteverde comprenden a representantes de América do Sur e do Norte como especies endémicas. A fauna de mamíferos da rexión inclúe 6 especies de marsupiais, 3 ratos almiscreiros, polo menos 58 morcegos, 3 primates, 7 edentados, 2 coellos, 3 especies de esquíos, 1 especie de rato espiñoso, polo menos 15 especies de ratas de rabo longo e ratos (familia Murídae), unha especie de porco espiño, unha especie de agutí, unha de pacca, dous cánidos, cinco mustélidos, catro especies de prociónidos, seis especies de felinos, dúas especies de porcos bravos, dúas especies de cervos e unha especie de tapir.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2014. Consultado o 21 de xuño de 2015.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2018. Consultado o 07 de agosto de 2018.