Saltar ao contido

Revolución neolítica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Na imaxe, un campo de millo convive cun xerador eólico, mostra doutra revolución tecnolóxica
A zona denominada Crecente Fértil, orixe da Revolución Neolítica inicial e posteriormente, das primeiras civilizacións históricas

Denomínase revolución neolítica á primeira transformación radical da forma de vida da humanidade, que pasa de ser nómade a sedentaria e de economía depredadora (caza, pesca e recolección) a produtora (agricultura e gandaría). O termo débese a Vere Gordon Childe (1936).

Este proceso tivo lugar hai máis de 9000 anos (VIII milenio a. C.) como resposta á crise climática que se produce no comezo do Holoceno, trala última glaciación. En primeiro lugar afecta á zona coñecida como crecente fértil do Medio Oriente, unha ampla zona que comprende dende o nordés de África (Val do Nilo, en Exipto) até o oeste de Asia (zona de Mesopotamia entre os ríos Tigris e Éufrates). Algo máis tarde producíronse mudanzas semellantes na India (ríos Indo e Ganxes) e no Extremo Oriente (ríos Huang Ho e Yangtzé na China). A difusión polo resto do Vello Mundo (Europa, Asia e África) prodúcese por difusión destes primeiros focos, aínda que nalgunhas zonas prodúcese localmente a domesticación de animais ou plantas autóctonas. De forma autónoma prodúcese a revolución neolítica en América, cos focos mesoamericano e andino. A difusión da agricultura e a gandaría por Oceanía nalgúns casos é simultánea á ocupación humana (as migracións das illas do Pacífico eran tanto dos grupos humanos como dos seus cultivos e gando) e noutros os usos do chan continuaron sendo moi arcaicos até a chegada dos europeos (aborixes australianos, na súa maioría cazadores-recolectores, cuxa ocupación do continente é moi antiga, quizais dende hai 40.000 anos).

Por que "revolución" e por que "neolítica"

[editar | editar a fonte]

O termo neolítico emprégase como denominación dun período da prehistoria definido en termos de cultura material. Escolarmente definíase como o período no que se atopan útiles de pedra pulimentada, fronte ao paleolítico, no que os útiles eran de pedra tallada. Loxicamente, a integración desta perspectiva da tecnoloxía lítica co proceso descrito por Gordon Childe, e a comparación do que a partir de entón denomínase modo de vida paleolítico (depredador) e o modo de vida neolítico (produtor) pasou ser un tópico cultural e unha das tarefas máis importantes da prehistoria e a arqueoloxía como ciencias.

O termo revolución implica unha mudanza radical, a miúdo súbita e até violenta, e é unha das categorías máis utilizadas para describir procesos importantes, e non só nas ciencias sociais. A identificación dunha revolución industrial case simultánea á revolución francesa é o precedente que permitiu ao historiador australiano espallar o uso do termo a un proceso xa non secular, senón milenario. Adóitase considerar que Revolución Neolítica e Revolución industrial foron os dous as mudanzas máis transcendentais da historia da humanidade, e malia non ser acontecementos de cambio no tempo histórico de curto prazo, merecen o uso do termo. Para evitar a palabra "revolución" e as súas implicacións, tanto no temporal como no seu carácter violento, ou mesmo para evitar comparacións co termo evolución, algúns autores prefiren empregar outros termos.[1]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

As mudanzas vencelladas á Revolución Neolítica significaron un enorme progreso no desenvolvemento da Humanidade, a cal comezou a medrar axiña ao comezar a cultivar alimentos que podían conservarse durante bastante tempo. A necesidade de conservar os alimentos xerou o desenvolvemento de novas técnicas e artesanías como a cerámica, a cestaría e moitas outras. A aparición de excedentes permitiu a especialización e división do traballo, a aparición do comercio, a acentuación das diferenzas sociais, e co tempo, a orixe da Historia. Pero iso sería un proceso posterior denominado revolución urbana, tamén segundo o termo de Gordon Childe.

Tampouco hai que esquecer, que como revolución, a difusión da agricultura supuxo consecuencias violentas, mesmo dramáticas:

  • Unha alteración radical da paisaxe (non a primeira, posto que os grupos cazadores-recolectores tamén impactaron sobre os ecosistemas de forma transcendental, rematando con moitos deles a medida que se espallaron polo planeta), que pode pasar a definirse como paisaxe humanizada de tipo agrícola, gandeira e forestal (paisaxe agraria). Esa perda de diversidade biolóxica e simplificación das cadeas tróficas, sometidas ao gusto humano, tivo á súa vez unha consecuencia moi interesante: Para cada un dos cultivos, a actividade de distintos grupos humanos ao longo de todo o mundo durante milenios permitiu unha prolongada selección artificial de especies, que deu lugar a unha enorme variabilidade xenética nas sementes que na actualidade está a perderse como consecuencia da globalización, que impón procesos agrícolas e sementes estandarizadas, reducidas en número ás máis demandadas polo mercado. O perigo de desaparición deste patrimonio da humanidade acumulado e conservado nas comunidades rurais dispersas por todo o mundo é obxecto actualmente da atención de programas internacionais de protección.[2]
  • Unha non menor alteración nos propios seres humanos, estimándose que probablemente conduciu a un empeoramento real das condicións de vida por redución da variación da dieta, a pesar de garantir unha subministración máis continua de comida. A vida faise máis segura, pero máis monótona. O sedentarismo e o aumento espectacular da densidade de poboación tamén produciu peores condicións sanitarias e endemizou as enfermidades. A presión da selección natural sobre a especie humana, dende entón e até hoxe, xa non se efectúa nas mesmas circunstancias que nos centos de miles de anos anteriores (ao posibilitarse a supervivencia e reprodución de individuos que cun modo de vida paleolítico non as acadarían). A dinámica de poboacións vólvese enteiramente distinta.

Especies vexetais

[editar | editar a fonte]

Os cerealé foron a especie vexetal decisiva para a Revolución Neolítica na maior parte do mundo, e seguen sendo a base da alimentación humana na actualidade. Centeo, trigo e cebada son orixinarios da zona do Crecente Fértil, aínda que quizais non foron as primeiras especies vexetais en pasar da recolección ao cultivo (recentemente acháronse froitos de figueira que demostran unha selección intencionada na zona de Medio Oriente hai 11.400 anos[3]). As legumes, concretamente as lentellas, tamén teñen un cultivo moi antigo, e algo menos os diferentes árbores froiteiras (cítricos -China-, maceiras, ciruelos) ou os plátanos (Sueste de Asia).[4] Na Amazonia a domesticación de especies vexetais baseouse inicialmente na mandioca amarga e comezou hai uns 5000 anos.[5]

Especies animais

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Domesticación.
Ovellas e vacas estiveron entre as especies máis precozmente domesticadas

A domesticación de animais (fóra da do can, seguramente moi anterior, propia de sociedades cazadoras) foi simultánea á das especies vexetais. As máis estendidas hoxe, ovino, bovino e caprino, proceden tamén da zona do Crecente Fértil. A seguinte, decisiva para o desenvolvemento histórico, foi a do cabalo nas estepas de Asia Central, papel que noutras zonas correspondeu aos camélidos (dromedarios, camelos, chamas e alpacas). As demais especies importantes seleccionáronse de entre todos os grupos zoológicos: mamíferos (destacadamente o porco), aves (as máis usuais denominadas de curral, como galiñas e patos, e outras como as pombas -para alimentación e uso colombofílico- e as rapaces -utilizadas en cetraría-), e mesmo insectos (abella -apicultura- e verme da seda -sericicultura[6]-). A utilización gandeira de réptiles (como iguanas e crocodilos) tivo menos extensión.

Algunhas das domesticacións máis recentes en termos históricos foron a do gato (que se debeu á mutua utilidade para felinos e humanos da súa presenza nos celeiros do Antigo Exipto, vulnerables aos roedores) e a do elefante (con fins económicos e bélicos nas súas variedades asiática e africana, aínda que o uso desta última perdeuse desde a Idade Antiga).

Especies microbianas

[editar | editar a fonte]

O aproveitamento controlado de especies de tamaño microscópico (que non poden considerarse animais nin vexetais) produciuse desde épocas moi temperás, nas que se daba unha biotecnoloxía inconsciente pero eficaz: a gandaría microbiana de fermentos, fermentos e bacterias, que existe desde que existen o pan, os produtos lácteos e as bebidas alcohólicas.

  1. Alvin Toffler emprega o termo onda como sinónimo da primeira revolución neolítica ou revolución agrícola (primeira das tres ondas que describe no seu libro de anticipación científica A terceira onda).Toffler, Alvin (1979). A Terceira Onda. Barcelona: Plaza & Janés. 
  2. A FAO e varios ONG chegaron en 2002 a un Acordo sobre a protección dos recursos xenéticos [1][Ligazón morta]. Dende unha postura reivindicativa, ecoportal define as sementes como patrimonio dos pobos [2] Arquivado 22 de abril de 2021 en Wayback Machine..
  3. A noticia recollida en Clarín Arquivado 25 de abril de 2009 en Wayback Machine., 11 de xuño de 2006
  4. "Banana" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2012. Consultado o 26 de xaneiro de 2010. 
  5. Dixon & Alexandra E. Aikhenvald (eds.), The Amazonian languages. Cambridge: Cambridge University Press, 1999, ISBN 0-521-57021-2, pp. 4-5
  6. A súa antigüidade datouse analizando o xenoma dos vermes, que presentan até 354 xenes vinculados á súa utilidade produtiva, en 5000 anos. O verme da seda revela a súa historia de máis de 5.000 anos. As características da domesticación ponse de manifesto en 40 xenomas 02/09/2009 ], O País, 2 de setembro de 2009.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Gordon Childe, V. (1978). As orixes da civilización. Madrid: F.C.E. ISBN 84-375-0015-X. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]