Saltar ao contido

Rexurdimento da lingua livonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa de Letonia que mostra a distribución histórica do livonio (en laranxa claro) e a zona onde se falou ata o primeiro terzo do século XX (en laranxa escuro).

A lingua livonia, falada durante séculos en Letonia, esmoreceu gradualmente até a morte da súa derradeira falante nativa, Grizelda Kristiņa, o 2 de xuño de 2013. Mesmo así, hoxe hai varios livonios que están traballando no rexurdimento da lingua, e unhas 210 persoas teñen algún coñecemento desta lingua.

A lingua livonia é unha lingua fino-báltica, semellante ao estoniano e ao finés, que é falada en Letonia. O seu declive gradual, que xa viña ocorrendo durante séculos antes, acelerouse despois da ocupación soviética de Letonia en 1940. O Exército Soviético tomou o control da Costa de Livonia, o lugar onde aínda quedaban algúns centos de falantes de livonio, e restrinxiu o acceso á zona.[1]

A lingua livonia converteuse nunha lingua morta o 2 de xuño de 2013 cando Grizelda Kristiņa, a súa derradeira falante nativa fluída, morreu aos 103 anos.[2] Ela abandonara Letonia en 1944 debido á súa ocupación polos soviéticos e instalouse no Canadá, onde viviu ata a súa morte.[1] Ela axudou aos investigadores a preservar a lingua mentres estaban alí. Pouco antes da súa morte, no censo letón de 2011, unhas 250 persoas declararon que a súa etnia era livonia.[2]

Rexurdimento

[editar | editar a fonte]

Dende a restauración da independencia de Letonia en 1991, a lingua livonia experimentou un proceso de revitalización.[1] A partir de 1998, xa había mozos voluntarios livonios motivados coa idea de revivir a lingua. Algúns deles recibiron leccións de profesores de livonio a través dun libro de texto feito por Kersti Boiko, profesora da Universidade de Letonia, con 800 palabras deseñadas para ser ensinadas en 10 leccións. Daquela tamén fora publicada e impresa unha colección de poemas en livonio.[3] Unha década despois, o movemento aínda era popular entre a mocidade livonia, algúns dos cales se reunían regularmente en Riga, a capital de Letonia, e logo foron á aldea de Mazirbe (onde hai un centro cultural livonio) ou aos campamentos de lingua livonia.[4]

O movemento de revitalización da lingua livonia non foi apoiado nin polo goberno de Letonia nin por ningún outro (como o estoniano), polo que depende das organizacións culturais de Livonia. Algúns exemplos destes son a Asociación Livonia (Līvõd Īt), a Sociedade de Amigos de Livonia (Liivi Sõprade Selts) ou o Centro Cultural de Livonia (Līvõ Kultūr Sidām). Estes organizan eventos culturais e publican estudos sobre os livonios, incluída a súa lingua.[5]

A partir de 2011, o número de persoas que tiñan algún coñecemento da lingua nun nivel A1 ou A2 era de 210, mentres que os que tiñan un coñecemento de B1 ou superior eran 40. Algunhas delas aprenderon o que saben da lingua a través de programas da Academia de Cultura de Letonia ou das universidades de Tartu, Helsinqui ou Letonia.[6]

Un informe de Radiodifusión Pública de Letonia publicado o 18 de outubro de 2022 afirmaba que Kuldi Medne, de dous anos, era a única persoa en Letonia cuxa lingua materna era o livonio. Os seus pais son Jānis Mednis e Renāte Medne, activistas do renacemento da lingua livonia.[7]

O 25 de xaneiro de 2023 erixiuse no Municipio de Talsi (Tālsa mōgõn) un sinal de tráfico en lingua livonia, a primeira deste tipo en Letonia, para reflectir a súa herdanza cultural livonia. Está previsto que se estabelezan na comarca outros sinais deste tipo.[8]

  1. 1,0 1,1 1,2 Mawhood, Will (6 de outubro de 2020). ""We have a strange destiny": a conversation with the Livonian poet Valts Ernštreits: Part I". Global Voices. 
  2. 2,0 2,1 Charter, David (5 de xuño de 2013). "Death of a language: last ever speaker of Livonian passes away aged 103". The Times. 
  3. "Revival of Livonian language in Latvia" (PDF). Newsletter of Foundation for Endangered Languages (Ogmios) 10: 14–15. decembro de 1998. 
  4. Wolters, Christiane (17 de xuño de 2007). "Keeping Livonian – Latvia's Lesser Known Language – Alive". Deutsche Welle. 
  5. Moseley, Christopher (2014). "Livonian – the most endangered language in Europe?". Journal of Estonian and Finno-Ugric Linguistics 5 (1): 61–75. 
  6. Ernštreits, Valts (14 de decembro de 2011). "Lībiešu valodas situācija". Livones.net (en letón). Arquivado dende o orixinal o 2 de febreiro de 2014. 
  7. ""Kūldaläpš. Zeltabērns" – izdota lībiešu valodas grāmata bērniem un vecākiem" (en letón). Public Broadcasting of Latvia. 18 de outubro de 2022. 
  8. Laugen, Lauri (27 de xaneiro de 2023). "Lätis püstitati ajaloo esimene liivikeelse kirjaga liiklusmärk". Delfi (en estoniano). 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]