Saltar ao contido

Ricardo Blanco-Cicerón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRicardo Blanco-Cicerón

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento27 de outubro de 1844 Editar o valor en Wikidata
Tui, España Editar o valor en Wikidata
Morte31 de xullo de 1926 Editar o valor en Wikidata (81 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónarqueólogo, banqueiro Editar o valor en Wikidata
Membro de
Familia
FillosSimeón Blanco-Cicerón García Editar o valor en Wikidata

BNE: XX4945075

Ricardo Blanco-Cicerón Núñez, nado en Tui o 27 de outubro de 1844 e finado en Santiago de Compostela o 31 de xullo de 1926, foi un avogado, arqueólogo, numismático e político galego.[1][2]

Mosaico romano de Panxón.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha importante familia tudense, que vivía na Casa Negra da rúa dos Alfolíes (actual rúa Tide), cos escudos familiares dos Cicerón e os Centeno. Logo de estudar Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, foi tenente de alcalde da súa vila natal entre 1877 e 1879. Despois regresou a Santiago para exercer de avogado.

En 1884 ingresou na Sociedade Económica de Amigos do País. Foi vicepresidente da sección arqueolóxica da Exposición Rexional de 1909 e membro non numerario da Real Academia Galega e da sociedade pro-monte de Santa Trega.

De esquerda a dereita, de pé: Mercedes, Concha, Tomás, María e Carmen Blanco-Cicerón García. Sentados: Domingo de la Riva, Herminia García de la Riva (esposa de Ricardo), Simeón Blanco-Cicerón García, Ana Núnez (nai de Ricardo) e Ricardo Blanco-Cicerón[3].

Home de fondas crenzas relixiosas, era devoto de San Telmo e contribuíu con 125 pesetas á construción no monte Aloia da Cruz Xubilar en homenaxe a Cristo Redentor, inaugurada o 27 de maio de 1901. De ideas carlistas, defendeu os dereitos dos labregos e da clase obreira, colaborando na creación da Sociedad Unión Obrera Benéfica e Instructiva Regional de Santiago. Foi membro do Banco Simeón (fundado polo seu cuñado, Simeón García) entre 1918 e 1921 e tesoureiro da xunta da Caixa de Aforros e Monte de Piedade de Santiago.

Reuniu unha gran colección de diversos obxectos artísticos e antigüidades, amais dun grande arquivo e biblioteca especializados no carlismo (con cuxa causa simpatizaba) e un notable arquivo fotográfico. A súa desmedida afección polo coleccionismo levouno a ter apuros económicos, dos que o salvou o seu cuñado.

As pezas da súa colección consérvanse en diversos museos galegos, agás o mosaico romano de Panxón que foi vendido nunha poxa pública. A colección de ourivaría, en boa parte castrexa, foi mercada por Álvaro Gil Varela e consérvase no Museo Provincial de Lugo. As pezas de mobiliario pasaron ao Museo de Belas Artes da Coruña, a colección de glíptica está no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón e o fondo numismático e medallístico (de máis de cinco mil pezas) está no Museo de Pontevedra. A colección de acibeches e outras pezas de temática xacobea está no Museo das Peregrinacións, e algunhas pezas de pedra que formaban parte da Catedral de Santiago de Compostela están no Museo Catedralicio. O arquivo documental consérvase no Museo do Pobo Galego, e a documentación referida ao carlismo está no Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela.

Foi soterrado no camposanto de Bonaval.

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Casou en Santiago de Compostela con Herminia García de la Riba e foi pai de Simeón Blanco-Cicerón García.

  1. Balseiro García, A. (2015). "Historia dunha colección: Ricardo Blanco-Cicerón, Álvaro Gil Varela e a colección de ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo Arquivado 08 de marzo de 2019 en Wayback Machine.". En ADRA. Nº 10. Páxinas 53-66.
  2. Acuña Castroviejo, F. (2013). "O coleccionismo en Galicia entre finais do século XIX e principios do XX: Ricardo Blanco-Cicerón e o seu legado. Discurso de ingreso na Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario. 30 de novembro de 2013". MPG. Santiago de Compostela.
  3. "Olladas dunha época" Arquivado 03 de febreiro de 2012 en Wayback Machine., fotografías do fondo Blanco-Cicerón no CGAI.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Fernando Acuña Castroviejo, Raquel Casal et al. (2011). "La Exposición Regional Gallega de 1909: Ricardo Blanco-Cicerón y la plástica galaico-romana". pp. 127-129. VII Reunión de Escultura Romana en Hispania: Preactas : Santiago de Compostela y Lugo, 4-6 julio 2011. USC (en castelán).

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]