Roberto Naveira
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de setembro de 1970 (54 anos) A Coruña, España |
Altura | 169 cm |
Peso | 63 kg |
Actividade | |
Ocupación | judoka |
Deporte | judo |
Participou en | |
1996 | Xogos Olímpicos de 1996 |
Roberto Antonio Naveira Filgueiras, nado na Coruña o 16 de setembro de 1970, é un judoka español. Foi dúas veces campión de España (en 1993 e 1995) e competiu nos Xogos Olímpicos de 1996.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado no barrio coruñés de Monte Alto, comezou a practicar judo durante a súa infancia, no Judo Club Coruña. A mediados dos anos 80 gañou os seus primeiros títulos a nivel autonómico e en 1986 proclamouse campión de España sub-18 na categoría de menos de 50 kg.[1][2] En 1989 foi bronce no Campionato de España júnior, conseguiu a prata ao ano seguinte, e finalmente o ouro en 1992.[3] Trala retirada de Victorino González converteuse no judoka de referencia de Galicia, e asistiu aos Xogos Olímpicos de Barcelona como suplente do equipo español.[4]
En 1993 gañou en San Fernando de Henares o seu primeiro campionato de España absoluto, na categoría de menos de 60 kg, ao derrotar na final ao madrileño Luis María Fernández.[5] Ese mesmo ano rematou quinto no Campionato de Europa celebrado en Atenas, ao perder nos oitavos de final contra o británico Nigel Donohue, sendo o ouro para o acerbaixano Nazim Huseynov.[6]
En 1994 non puido revalidar o título de campión de España, ao perder na final contra o aragonés Manuel Orgaz,[7] ao que si conseguiu gañar na final de 1995, proclamándose así campión de España por segunda vez.[8] En 1996 converteuse no segundo judoka galego en competir nuns Xogos Olímpicos. Foi nos Xogos de Atlanta, nos que eliminou na primeira rolda ao taiwanés Liao Chun-chiang, caendo eliminado na segunda contra o alxeriano Amar Meridja, mentres que o ouro foi para o xaponés Tadahiro Nomura.[9]
En 1998, 1999 e 2000 foi medalla de bronce no Campionato de España.[3] Despois de deixar a competición foi seleccionador da selección galega, posto no que sucedeu a Victorino González, e mestre de judo en Cambre.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Los juveniles coruñeses solo perdieron una final en el campeonato gallego masculino". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de outubro de 1986. p. 46.
- ↑ "El coruñés Roberto Naveira, del Judo Club Coruña, sé proclamó campeón de España de promesas en la categoría de 50 kilos". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de novembro de 1986. p. 53.
- ↑ 3,0 3,1 "Historia do judo galego" (PDF). Federación Galega de Judo (en castelán). Consultado o 17 de agosto de 2021.
- ↑ "Roberto Naveira, en la senda olímpica tras la estela de Victorino". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de xuño de 1992. p. 64.
- ↑ "Roberto Naveira, campeón de España en los 60 kilos". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 5 de abril de 1993. p. 54.
- ↑ "Campionato de Europa de Judo de 1993". judoinside.com (en inglés). Consultado o 17 de agosto de 2021.
- ↑ "El coruñés Luis Ángel Otero, campeón de España". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de xaneiro de 1994. p. 21.
- ↑ "Los coruñeses Naveira y Otero, campeones de España absolutos". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de xaneiro de 1995. p. 50.
- ↑ "Judo nos Xogos Olímpicos de 1996 (-60 kg)". olympics.com (en inglés). Consultado o 17 de agosto de 2021.
- ↑ "Cambre homenaxea a Roberto Naveira". 6 de agosto de 2015. Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2021. Consultado o 17 de agosto de 2021.