Saltar ao contido

Rotacismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O rotacismo é un fenómeno fonético que consiste na realización dun fonema coma un son de consoante vibrante simple alveolar sonora /ɾ/. Constitúe un dos fenómenos característicos do galego na adaptación dos grupos consonánticos (xeralmente latinos) bl-, cl-, fl-, gl- e pl- perante vogal[1]. Nos exemplos[2] a seguir indícanse os étimos non latinos[3]:

  • /BL/: branco < (alto alemán antigo) blank; brando < blandus; obrigar < obligare; nubrar < nub(i)lare
  • /CL/: cravo < clavus; escravo < sclavus; segrar < saec(u)laris; igrexa < ecclesia
  • /FL/: frouxo < fluxus; fraco < flaccus; frauta < (prov.) flauta; frota < (fr.) flotte; chifre < (fr.) chiffler < (lat. dialectal) sif(i)lare
  • /GL/: regra < reg(u)la; singradura < (fr.) singler < (alt. ale. ant.) segelen; xograr < (prov.) joglar < (lat.) joc(u)laris
  • /PL/: praza < platea, cumprir < complere; dobre < duplu; Pobra < *pobrar < pop(u)lare

Nalgunhas zonas do interior de Galiza (triángulo entre Tabeirós, A Ulloa e a Terra de Celanova) e esporadicamente por todo o país, o fonema /s/ realízase con rotacismo perante consoante sonora (ar vacas en vez de as vacas, or días en vez de os días). Máis minoritario é o rotacismo perante fricativa xorda (ar flores, or seis, or zapatos)[4].

No latín clásico deuse na época inicial para o /s/ en posición intervocálica, convertendo fuesim en fuerim. Exemplos de rotacismo tamén se dan en certos dialectos do grego antigo e na historia do alemán.