Rebezo cantábrico
Rebezo cantábrico Rupicapra pyrenaica parva | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Rebezo cantábrico nos Picos de Europa | |||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Rupicapra pyrenaica Bonaparte, 1845 | |||||||||||||||||||||
Nome trinomial | |||||||||||||||||||||
Rupicapra pyrenaica parva Cabrera, 1911 [1] | |||||||||||||||||||||
Área de distribución do rebezo cantábrico
| |||||||||||||||||||||
Distribución do rebezo cantábrico en Galicia
|
O rebezo cantábrico, Rupicapra pyrenaica parva, é unha subespecie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos caprinos e tribo dos rupicaprinos.
Distribúese pola cordilleira Cantábrica, chegando a súa área de dispersión até a Galicia oriental.
En Galicia adoita chamarse simplemente rebezo, xa que é a única especie do xénero Rupricapra que forma parte da fauna do país.[2]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita en 1845 polo naturalista francés Charles Lucien Bonaparte, aínda que durante moito tempo foi cuestionada pola comunidade científica, e non foi aceptada até 1985 a súa separación de Rupicapra rupicapra.[3]
Subespecies
[editar | editar a fonte]Na especie distínguense tres subespecies:[4]
- Rupicapra pyrenaica subsp. ornata, Neuman, 1899.[5] - rebezo dos Abruzos (Apeninos)
- Rupicapra pyrenaica subsp. parva, Cabrera, 1911.[1][6][7] - rebezo cantábrico (Cordilleira Cantábrica)
- Rupicapra pyrenaica subsp. pyrenaica, Bonaparte, 1845. - rebezo dos Pireneos (Pireneos)
Descrición
[editar | editar a fonte]As principais características morfolóxicas do rebezo cantábrico son:[2][8][9][10][11]
É un bóvido de pequeno tamaño (o menor de todos os da Península Ibérica), menor e máis esvelto que a cabra montesa, Capra pyrenaica. O seu corpo é compacto, alcanzando un tamaño de entre 100 e 104 cm (incluíndo a curta cola, de 3 a 4 cm); a altura na cruz é de entre os 72 e os 74 cm. Pesa entre 25 e 30 kg. Os machos son lixeiramente máis grandes que as femias.
Ambos os sexos posúen cornos, que comenzan a medrar a partir dos 3 meses de idade, e que perduran dutante toda a vida do animal; estes cornos teñen forma de gancho, e xorden do cranio verticais, para despois curvarse cara a atrás; os dos machos son máis grosos e co gancho máis pechado que os das femias; a estrutura dos cornos é ósea, de sección ovalada, recuberta por un estoxo córneo (é dicir, queratinoso).
A cabeza é pequena, con ollos e orellas grandes (que son de cor escura pola cara dorsal e abrancazada pola ventral). A fronte, a queixada e a gorxa son de cor clara, abrancazada, cunha mancha escura que vai desde o labio superior até máis arriba dos ollos, a xeito de enteface. A cor do corpo é uniforme, semellante en ambos os sexos, parda avermellada (máis clara no verán), cunha liña escura que percorre lonxitudinalmente o dorso; o peito, o ventre e a cara anterior das patas é máis escura; o pelame invernal presenta unha maior densidade de pelos, cunha coloración máis agrisada e con contraste de cores máis marcada que na de verán.
As patas son fortes, ben adaptadas á vida entre as rochas. Os pezuños, rematados en punta, son anchos e presentan almofadiñas brandas recubertas por unha vaíña dura e, para asegurar unha maior adherencia cando camiñan no inverno sobre a neve, entre ambos os dedos anteriores hai unha membrana interdixital que fai aumentar a superficie do pezuño.[2]
Aínda que o dimorfismo sexual é pouco acentuado, podemos distinguir os sexos (e tamén entre os individuos adultos e os novos) pola forma e tamaño cos cornos, e polos aneis de crecemento.
Os machos teñen os cornos máis grandes e grosos, son de sección claramente oval e son máis ganchudos, mentres que os das femias son máis pequenos e delgados, de sección case circular e co extremo superior menos curvado, formando coa parte anterior un ángulo de case 90º.
Outros caracteres morfolóxicos distintivos son a maior corpulencia dos machos, o seu pescozo máis groso, e o pincel peneano; cando urinan, os machos fano cara a adiante, ao contrario das femias que, ademais, teñen o pesozo máis delgado e o tronco máis estilizado.
Por outra parte, cada ano de vida fórmase un segmento de corno que despraza ao anterior cara a arriba, formándose entre ambos os segmentos unha estría; o reconto das estrías permite calcular a idade do animal.
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Hábitat e distribución
[editar | editar a fonte]Hábitat
[editar | editar a fonte]Os rebezos cantábricos viven nas montañas altas e medias (entre os 400 e os 2.400 m), orixinalmente moi cinguidos aos bosques (caducifolios, de coníferas ou mixtos), especialmente en ladeiras con moita pendente e abundancia de rochas. Porén, frecuentan tamén os terreos rochosos por riba do límite das árbores. No verán, ascenden cara aos prados alpinos, a ladeiras umbrías, moitas veces desprazados até elevadas cotas pola presión humana ou polo gando.[8] [9][10]
Distribución
[editar | editar a fonte]O rebezo cantábrico distribúese unicamente pola cordilleira Cantábrica, desde Galicia, no límite oeste da Resarva dos Ancares, e máis na Enciña da Lastra, até a Reserva de caza do Saja e o alto Asón, en Cantabria.[4][8]
Comportamento
[editar | editar a fonte]Os rebezos son sobre todo diúrnos, descansando ao medio día (especialmente nos días calorosos do verán), e son raramente activos pola noite. Son áxiles trepadores, marchan regularmente ao paso e ao galope, raramente ao trote. Son capaces de nadar, aínda que no o fan máis que en caso de necesidade.[10] Poden realizar saltos de até 2 m de altura e 6 m de lonxitude.
Son animais sociais que se moven en pequenos grupos á procura de pastos de montaña. Estes grupos están formados por femias coas súas crías do ano e individuos xuvenís (ás veces, tamén acompañanos por un ou dous machos adultos) e son guiados por unha femia vella. Os machos son solitarios ou viaxan reunidos en pequenos grupos. Estes grupos só se reúnen durante a época de celo.[9][10][12]
A vista, olfacto e oído son excelentes. Isto axúdalles a identificar axiña aos seus depredadores, como osos, lobos, e homes. Outros perigos que axexan aos rebezos que viven en altas montañas son os aludes, até o punto de que non é raro atopar rabaños enteiros mortos pola súa causa na época do desxeo.
En inverno refúxianse nos bosques alimentándose de musgos, liques e poliñas.
Alimentación
[editar | editar a fonte]Comen plantas gramíneas e outras plantas herbácas, follas, agromos, musgos, liques, codias e arumes.[9][12] En inverno predomina a inxesta de plantas leñosas (breixos, uces, carrouchas).[8]
Reprodución
[editar | editar a fonte]O rebezo alcanza a madurez sexual entre os 2 e os 4 anos de idade, madurando antes as femias. A época do celo adoita comezar entre outubro e novembro. Neste tempo os grupos de machos seguen aos de femias e únense a eles. Os machos vólvense territoiriais e agresivos, producíndose entón fortes enfrontamentos entre eles, que loitan polo dereito a reproducírense; estas loitas non son sanguentas, reducíndose case sempre a ademáns intimidatorios trucando testa contra testa.[9]
Durante a época da reprodución os machos apenas comen, ocupados como están en conseguiren o maior número de femias posíbel. Os machos dominantes adoitan marcar os arbustos cunha substancia cun cheiro que atrae ás femias, esfregando a cabeza contra as plantas e o ventre contra o chan. A xestación dura uns 170 días, ao cabo dos cales as femias paren unha única cría (raras veces dúas), capaz de ver e andar e cuberta de pelo, que permanece ao lado da nai durante os dous primeiros anos de vida.[2][9]
A esperanza de vida destes animais é duns 15 a 20 anos.[9][12]
Depredadores
[editar | editar a fonte]É unha especie cinexética.[12]
As especies que predan sobre o rebezo cantábrico son, para os adultos, unicamente o lobo (Canis lupus signatus); os cabritos tamén son deprerdados pola aguia real (Aquila chrysaetos) e o raposo (Vulpes vulpes).[8] E, nos lugares onde aínda está presente, describiuse tamén depredación por parte do oso pardo (Ursus arctos).
Relacións interespecíficas
[editar | editar a fonte]Aínda que o rebezo cantábrico compite polo pasto con outras especies de ungulados salvaxes (cervo, corzo) e domésticos (cabra, ovella, vaca, cabalo), non forma grupos mixtos con ningunha das especies citadas.[9]
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]Segundo a UICN o estado de conservación desta especie, a data do ano actual (2014), é de LC (pouco preocupante).[4]
En xeral, a situación da especie Rupicapra pyrenaica mellorou considerabelmente desde 1990. Non todas as subpoboacións da subespecie cantábrica, R. p. parva foron censadas, pero a poboación total estimábase en 2002 nunhas 15.000 cabezas.[4]
En Galicia
[editar | editar a fonte]O rebezo cantábrico vive en Galicia nas serras orientais lugesas e ourensás (Ancares, Courel, Enciña da Lastra). O número de exemplares é escaso, pero na actualidae está colonizando novas zonas.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Groves, Colin & Peter Grubb (2011). p. 249.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Díaz d'a Silva et al. (2007), pp. 148-149.
- ↑ Grubb, P. (2005): "Order Artiodactyla". En Wilson, D. E. & Reeder, D. M., editors, Mammal species of the world: a taxonomic and geographic reference. Third edition. The Johns Hopkins University Press. Baltimore, Maryland, USA. ISBN 0-8018-8221-4.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Rupicapra pyrenaica na Lista vermella da UICN. Versión 2014.2
- ↑ Rupicapra pyrenaica en Mammal species of the World, 3ª ed.
- ↑ Rupicapra pyrenaica Arquivado 29 de decembro de 2005 en Wayback Machine. na Enciclopedia virtual de los vertebrados españoles. Mamíferos. Museo Nacional de CCNN (CSIC).
- ↑ Porén, a suberpecie cantábrica, R. r. parva Cabrera, é hoxe en día incluída por algúns autores na subespecie R. p. pyrenaica.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Pérez-Barbería, F. Javier & Estefanía Pérez Fernández: Identificación, biología y ecología del rebeco cantábrico (Rupicapra pyrenaica parva).
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 Pérez-Barberia, F. Javier & Borja Palacios, eds. (2009): Rebeco cantábrico Rupicapra pyrenaica parva: conservación y gestión de sus poblaciones.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 Van den Brink et al.(1971), p. 172.
- ↑ Rupicapra pyrenaica na Enciclopedia virtual de los vertebrados españoles. Museo Nacional de Ciencias Naturales. CSIC (en castelán).
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 Schillinget al.(1987), pp. 234-235.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Groves, Colin & Peter Grubb (2011): Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
- Díaz d'a Silva, J. I. & Cartelle, Y. (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96893-20-7.
- Pérez-Barberia, F. Javier & Borja Palacios, eds. (2009): Rebeco cantábrico Rupicapra pyrenaica parva: conservación y gestión de sus poblaciones. Madrid: Organismo Autómomo Parques Nacionales. Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino. ISBN 978-84-8014-760-6.
- Pérez, T.; J. Albornoz & A. Domínguez (2002): "Phylogeography of chamois (Rupicapra spp.) inferred from microsatellites". Molecular Phylogenetics and Evolution 25 (3): 524-534.
- Schilling, D.; D. Singer & H. Diller (1987): Guía de los mamíferos de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0784-4.
- Van den Brink, F. H. & Barrel, P. (1971): Guía de campo de los mamíferos salvajes de Europa occidental. Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
- Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal species of the world: a taxonomic and geographic reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Rupicapra pyrenaica parva Arquivado 26 de outubro de 2014 en Wayback Machine. en Fauna Europaea (en inglés)
- Rupicapra pyrenaica parva no Atlas de la biodiversidad del Ministerio de Medio Ambiente (MMA). (en castelán)
- Cabrera, Ángel (1914): R. pyrenaica en Fauna ibérica. Mamíferos. Madrid: Museo Nacional de Ciencias Naturales. (Facsímile electrónico) (en castelán)
- Le Chamois et l’IsardArquivado 25 de outubro de 2014 en Wayback Machine. na web da Office national de la chasse et de la faune sauvage. Francia. (en francés)
- Rupicapra pyrenaica na ADW. Abudante información (en inglés)
- O rebezo en España (en inglés)
- Pérez-Barbería, F. Javier & Estefanía Pérez Fernández: Identificación, biología y ecología del rebeco cantábrico (Rupicapra pyrenaica parva) Madrid: Organismo Autómomo Parques Nacionales. Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino.
- Pérez Barbería, Francisco J., Luis Robles & Carlos Nores (1996): "Horn growth pattern in Cantabrian chamois Rupicapra pyrenaica parva'': Influence of sex, location and phaenology" Acta Theriologica 41 (1): 83-92. (en inglés)
- Bas López, Santiago (2014): "Sociabilidade e hábitat dos rebezos (Rupicapra pyrenaica parva Cabrera, 1914) nun sector de Picos de Europa" Braña, Boletín Científico da Soc. Gal. Hist. Nat. 12: 01-17. (en galego)