Saltar ao contido

Rebezo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Rupicapra pyrenaica»)
Rebezo ou rebezo pirenaico
Rupicapra pirenaica

Rebezo pineraico en Aigüestortes
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Bovidae
Subfamilia: Caprinae
Xénero: Rupicapra
Especie: R. rupicapra
Nome binomial
Rupicapra rupicapra
Bonaparte, 1845
Distribución de Rupicapra en Europa durante o holoceno (gris) e na actualidade (vermello)
Distribución de Rupicapra en Europa durante o holoceno (gris) e na actualidade (vermello)

Distribución de Rupicapra en Europa durante o holoceno (gris) e na actualidade (vermello)
Distribución de Rupicapra en Galicia
Distribución de Rupicapra en Galicia

Distribución de Rupicapra en Galicia
Subespecies
Véxase o texto
Rebezo pirenaico nos Picos de Europa.

O rebezo pirenaico, chamado moitas veces simplemente rebezo,[2] Rupicapra pyrenaica, é un mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos caprinos, que está presente nalgunhas cadeas montañosas do suroeste de Europa, con tres poboacións nos Pireneos, a cordilleira Cantábrica e os Apeninos.

Certos autores clasificaron desde antigo os exemplares das montañas do sur de Europa, dos Pireneos e a cornixa Cantábrica, como unha especie á parte de Rupicapra rupicapra, na que antes estas poboacións estaban incluídas, recoñecéndoa como Rupicapra pyrenaica, o que a día de hoxe está xa aceptado pola comunidade científica internacional.[3]

Características

[editar | editar a fonte]

A lonxitude do corpo nos exemplares adultos oscila entre os 110 e os 130 cm, aos que hai que engadir os 3 ou 4 cme achegados pola curta cola. A altura na cruz é de 70–80 cm e o peso varía entre 20 e 30 Kg.

Os machos son maiores cás femias, coas cores máis escuras e marcadas e a cornamenta de maior lonxitude. Esta nace cara a arriba e cúrvase fortemente cara a atrás como un par de ganchos, tendo unha lonxitude moito menor cá doutros caprinos da súa contorna, como o íbice e a cabra montesa.

Os pezuños son fíos e altamente versátiles, capaces de facer subir ao seu dono polas rochas e o xeo sen problema ningún. Isto débese ao senlleiro deseño das almofadas que ocupan a parte central dos súas pezuños.

A cor da pelaxe varía segundo a época do ano. No verán é pardo-avermellada, co bandullo, gorxa, fociño e glúteos de cor esbrancuxada, estando a transición entre unha cor e outro pouco marcada. Obsérvase unha banda de pelaxe negra dende a boca aos ollos. Tamén é negra o lombo da cola.

No inverno, pola contra, o pelo é moito máis denso e escuro. O lombo, as patas e a parte posterior do pescozo vólvese parda escura ou agrisada. O negro, ademais de na cola e na cara (onde aumenta en extensión e os seus bordos están máis remarcados), obsérvase tamén formando unha banda moi marcada dende a parte posterior das orellas á base do pescozo, pola parte de diante. Estas bandas negras continúanse na parte alta das patas anteriores e posteriores e nos costados do corpo. O rostro, parte dianteira do pescozo, pés, ventre e glúteos son brancos.

Os rebezos son animais sociais que se moven en pequenos grupos á procura de pastos de montaña. Estes grupos están formados só por machos (que tamén poden ser solitarios) ou só por femias e as súas crías, os cales só se reúnen durante a época de celo.

Son de costumes diúrnos, aínda que a medio día adoitan decrecer na súa actividade, que é maior durante a mañá e a últimas horas da tarde. A vista, olfacto e oído son excelentes. Isto axúdalles a identificar axiña aos seus depredadores, como osos, lobos, linces e homes.

Outros perigos que axexan aos rebezos son os aludes, ata o punto de que non é raro atopar rabaños enteiros mortos pola súa causa na época do desxeo. Porén, esta especie non só non se considera ameazada senón que a súa caza está permitida en determinadas zonas.

A esperanza de vida destes animais é duns 20 anos.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Os rebezos españois entran en celo entre outubro e novembro, mentres que os centroeuropeos fano en novembro e as primeiras semanas de decembro. Durante ese tempo, os grupos de machos seguen aos de femias e únense a eles, formándose entón fortes enfrontamentos entre os machos, que loitan testa contra testa polo dereito a reproducirse.

A xestación dura ao redor de 20 semanas, ao termo das cales nace unha soa cría. Esta acada a madurez sexual entre os 2 e os 4 anos, madurando antes as femias cós machos.

Citáronse casos de híbridos entre rebezos e cabras, sempre estériles, mais a existencia destes mesmos híbridos non puido ser probada nunca de forma irrefutable.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1845 polo naturalista francés Charles Lucien Bonaparte nun traballo publicado en Cat. Meth. Mamm. Europe: 17.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Véxase a etimoloxía en Rupicapra.

Subespecies

[editar | editar a fonte]
Cría de rebezo no Parque Nacional dos Picos de Europa.
Rupuicapra r. ornata nos Abruzos.

Moitos dos autores distinguen tres subespecies:[1][4]

Porén, o MSW e outros autores só contemplan dúas:[5][6]

  • Rupicapra rupicapra pyrenaica Bonaparte, 1845
  • Rupicapra rupicapra ornata Neumann, 1899

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) vén considerando desde o ano 2008 o status desta especie como LC porque nos últimos anos está aumentando en número de individuos e incrementando a súa área de dispersión, e que non se cre que alcance os limiares de calquera dos criterios para estar na lista vermella. Por iso, a situación das subespecies R. p. pyrenaica e R. p. parva avalíase como de menor preocupación. Porén, a subespecie R. p. ornata avalíase como vulnerábel, xa que ten unha poboación moi pequena e unha área de dispersión así mesmo moi reducida. Previamente avaliouse, en 1996, como en perigo de extinción, pero debido á protección estrita e a un programa de cría en catividade e reintrodución, aumentou a súa poboación. De todos os xeitos son necesarias medidas de conservación para garantir a súa supervivencia futura.[1]

Este animal é a mascota da Selección Nacional de Rugby de Andorra, cuxos integrantes son alcumados como Els Isards (Os Rebezos).[7]

  1. 1,0 1,1 1,2 Aulagnier, S.; Giannatos, G. & Herrero, J. (2008): Rupicapra pyrenaica Bonaparte, 1845 na Lista vermella da UICN. Versión 2015.4. Consultada o 11-04-2016.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rebezo.
  3. Grubb, P. (2005): "Order Arthiodactila" en: Wilson, D. E. & Reeder, D. M. Mammal Species of the World (3rd ed.). Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. pp. 711–712. ISBN 978-0-8018-8221-0.
  4. Rupicapra pyrenaica no NCBI.
  5. Rupicapra pyrenaica Bonaparte, 1845 no MSW.
  6. Rupicapra pyrenaica Bonaparte, 1845 no ITIS.
  7. "Isards: Rugbi Andorra". Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2016. Consultado o 11 de abril de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Díaz d'a Silva. J. I. & Cartelle, Y. (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96893-20-7.
  • Groves, Colin & Peter Grubb (2011): Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
  • Pérez, T.; J. Albornoz & A. Domínguez (2002): "Phylogeography of chamois (Rupicapra spp.) inferred from microsatellites". Molecular Phylogenetics and Evolution 25 (3): 524-534.
  • Schilling, D.; D. Singer & H. Diller (1987): Guía de los mamíferos de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0784-4.
  • Van den Brink, F. H. & Barrel, P. (1971): Guía de campo de los mamíferos salvajes de Europa occidental. Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal species of the world: a taxonomic and geographic reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]