Sociedad Deportiva Teucro
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2017.) |
S.D. Teucro | |||
---|---|---|---|
Nome completo | Sociedad Deportiva Teucro | ||
Cidade | Pontevedra, Galicia | ||
Historia | 1945-Actualidade | ||
Fundado | 4 de maio de 1945 | ||
Pavillón | Municipal dos Deportes (4.000 espectadores) | ||
Presidente | José Ameijeiras | ||
Adestrador | Irene VIlaboa | ||
Competición | Primeira Nacional | ||
Cores | Azul e branco | ||
Na rede | |||
https://teucro.es/ | |||
Sitio web Sitio web oficial |
A Sociedad Deportiva Teucro é un equipo de balonmán de Pontevedra. Compite na Primeira Nacional, terceira categoría do balonmán español. Xoga os seus partidos como local no Pavillón Municipal dos Deportes, un pavillón con capacidade para 4 000 persoas.
Fundado en 1945, e o decano do balonmán galego e vicedecano do balonmán español por detrás do BM Granollers. Ao longo da súa historia o equipo pontevedrés xogou 18 tempadas na Liga ASOBAL, a máxima categoría do balonmán español, onde finalizou na cuarta posición na tempada 1994-95, conseguindo así unha praza na Copa EHF, daquela terceira competición europea en importancia. O Teucro, que se converteu no primeiro equipo da cidade en disputar unha competición europea, acabou caendo fronte o Elektromos Budapest polo valor dobre dos gole en campo contrario na que foi a súa única participación europea. O equipo foi tamén semifinalista da Copa do Rei nas tempadas 1992-93 e 2003-04.
Historia
[editar | editar a fonte]Fundación
[editar | editar a fonte]Vicedecano do balonmán español,[a] a Sociedad Deportiva Teucro naceu o 4 de maio de 1945. Inicialmente o club contaba con once seccións deportivas nas modalidades de ximnasia, atletismo, fútbol, baloncesto, balonmán, remo, natación, hóckey, ciclismo, xadrez e tenis de mesa,[3] mais a finais do ano incorporouse unha sección máis, elevando o número de modalidades da entidade ata as 12.[4]
Os fundadores do club foron José Covelo Neira, Robreto Rodríguez Ozores, Jesús Dapena Corbal, Joaquín González García y José Soto Martínez, este último determinante tamén no nacemento do Pontevedra Club de Fútbol catro anos antes. Rafael Díaz Ureña foi nomeado primeiro presidente do club pontevedrés, mentres que Víctor Cervera Mercadillo ocupou a vicepresidencia dunha xunta directiva que completaba José Covelo Neira como secretario, e que pretendían facer do Teucro un gran club a curto prazo.[3]
Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Con todo, a modalidade máis exitosa durante os primeiros anos do club foi o atletismo, que axiña conseguiu o campionato galego para o club coincidindo co ocaso da Sociedad Gimnástica.[4]
En 1948 organiza a Fase Final do Campionato de España de balonmán (na modalidade de a once), como premio á boa traxectoria do equipo. Na Fase Final tamén participan o FC Barcelona, a Real Sociedad de San Sebastián e o SEU de Barcelona, destacando xa a afección do Teucro como unha das mellores da península.
A principios de 1958 comeza a participación en competicións oficiais de balonmán xuvenil en modalidade a sete (se ben o equipo sénior aínda participaba a once), inscribindo dous equipos pola gran cantidade de xogadores desa categoría que se anotaron. Tanto os xuvenís como o equipo sénior acadan boas posicións nas súas competicións. Nese mesmo ano comezan as seccións de natación, montaña, pelota e actividades recreativas.
O equipo sénior gañou o campionato local en 1959, e os xuvenís obtiveron en León o primeiro posto do sector nacional, clasificándose para a fase final do Campionato de España a celebrar en Zaragoza, onde acada o terceiro posto.
Malia as diferentes seccións deportivas, xa nos anos 60 era o equipo de balonmán o que destacaba por riba dos demais. Na tempada 1960/61 o equipo de Primeira División e o de Segunda clasificáronse para as fases nacionais, celebradas respectivamente en Palencia e Alacant, igual que na tempada 1961/62, ano en que a Federación Española de Balonmán concede á SD Teucro unha placa ó mérito á entidade con maior contribución á difusión deste deporte.
En 1963 un combinado de xogadores da SD Teucro e do Vulcano, como selección de Pontevedra, clasificouse por primeira vez para as semifinais da Copa do Xeneralísimo, tras vencer á selección de Zaragoza. A Semifinal celebrouse en Pontevedra ante miles de afeccionados e coa presenza entre outras autoridades do Presidente da Federación Española de Balonmán. O partido rematou co triunfo da Selección pontevedresa ante a de Valencia.
Na tempada 1963/64 o equipo resulta campión do sector noroeste, clasificándose para a Fase de Ascenso a División de Honra, celebrada en Elx, que gañaría finalmente o Granollers. Na década dos 60 varios xogadores da canteira pontevedresa chegan á Selección Nacional.
Tras algúns altibaixos deportivos, na tempada 1972/73 o equipo asegura o ascenso á División de Honra a falta de dúas xornadas. Mantense aí ata a tempada 1976/77 (acadando na tempada 75-76 a súa mellor clasificación ata aquel momento, un 7º posto). Descende a Primeira Nacional, onde está ata a tempada 1983-84, na que ascende á máxima categoría, que perde ó ano seguinte. Foi precisamente en 1976 cando chegou o primeiro xogador estranxeiro ao club, o iugoslavo Božidar Vukušić Gaspar, se ben carecía de pasaporte e se fixera pasar por escocés para poder xogar en España, xa que o país non mantiña daquela relacións con Iugoslavia e el escapara do país cando militaba no RK Zagreb. Božidar viña de xogar en Portugal e chegou ao club pontevedrés da man do secretario do club, Jaime Carro, que lera sobre o xogador que daquela tiña 18 anos. Debutou o 18 de xaneiro de 1976 con 4 000 persoas ateigando o Pavillón Municipal dos Deportes nun derbi fronte o Academia Octavio. O paso do xogador iugoslavo polo club duraría tan só un ano e medio.[5]
O afianzamento definitivo na máxima categoría do balonmán español conséguese na tempada 1989/90. En 1993 a SD Teucro foi semifinalista na Copa de S.M. El Rei. Na 1995/96, despois dunha temporada anterior estupenda na que se mantivo na loita polo título ata caer en Barcelona a falta de cinco xornadas, obtén un cuarto posto de 16 equipos, clasificándose así para disputar a Copa EHF.
Debut europeo
[editar | editar a fonte]O 8 de outubro de 1995 produciuse o debut do equipo pontevedrés nunha competición europea, disputando os 1/16 de final da Copa EHF ante o Elektromos Budapest húngaro. O primeiro partido da eliminatoria a dobre volta disputose en Pontevedra, onde o equipo dirixido por Fran Teixeira se impuxo por 27-25, logo de finalizar a primeira parte con empate a 12 tantos no marcador. O partido de volta disputado en Budapest finalizou tamén cunha vantaxe de dous goles (26-24), desta volta favorable ao equipo húngaro, o que puña nun empate (51-51) a eliminatoria, con todo, o valor dobre dos goles logrados en cancha contraria deixou fora da competición ao equipo galego ante un cadro húngaro cheo de xogadores internacionais húngaros.[6][7][3] A pesar da derrota, a presenza do Teucro na Copa EHF foi un acontecemento histórico para a cidade, xa que foi a primeira vez na historia que un equipo pontevedrés disputaba nunha competición europea.[8]
Mantendo o equipo na máxima categoría (a excepción de dúas tempadas: 97/98 e 00/01) a SD Teucro continuou paseando o nome de Pontevedra polos mellores campos da xeografía nacional. Na tempada 2003-04 consegue o 8º posto na liga e chega ás semifinais da Copa de S.M. El Rei en Pamplona.
Na tempada 2004-05, malia organizar a XXX Copa do Rei de Balonmán, descendeu. Nas mesmas datas organizouse a Fase Final do Campionato Xuvenil Masculino.
Tras dúas tempadas na División de Honra B, acadando na primeira un decepcionante 8º posto, na tempada 2006-2007 acada a segunda posición, o que lle permite ascender para xogar na 2007-08 de novo na máxima categoría, a liga Asobal.
Na tempada 2007-2008, a SD Teucro parte co obxectivo da permanencia na máxima categoría, obxectivo que consegue acadando o décimo posto. Nesta tempada conseguiu algunhas vitorias importantes, como a que se produciu na casa contra o BM Valladolid. Este 10º posto permítelle continuar un ano máis na considerada mellor liga do mundo.
Na seguinte tempada (2008/09) descende á División de Honra B, que no ano 2011 muda o seu nome para pasar a denominarse "División de Honra Prata", na que compite ata a tempada 2014/15, na que acada o campionato de liga e ascende de novo á Liga Asobal, tras seis tempadas na División de Prata.
No inicio da tempada 2009-10 o club alzouse co título da Copa Xunta de Galicia logo de impoñerse na final ao Academia Octavio. O equipo dirixido por Modesto Augusto derrotou ao cadro vigués, que dominou a primeira parte do encontro, grazas á súa defensa e acerto no treito final do partido.[9]
O equipo azul regresou á Liga ASOBAL na tempada 2015-16, unha tempada que estivo marcada, ademáis de polo xogo atractivo que despregaba e por ter o elenco de xogadores máis novo da competición, polos enfrontamentos entre o Teucro e a Asociación de Clubs. Inicialmente os pontevedreses, xunto co BM Cangas, non foron admitidos pola ASOBAL, coincidindo co concurso de acreedores polo que estaba a pasar o Teucro, se ben o daquela presidente do club, Carlos García Alén, insinuou que a decisión da Asociación podía estar motivada polo voto do seu club e os outros equipos galegos na Asemblea da Federación para que a xestión da competición non estivera nas mans da ASOBAL. Finalmente o Consello Superior de Deportes (CSD) permitiu a participación de ambos clubs galegos na Liga ASOBAL. Outro enfrontamento entre o club e a ASOBAL chegou logo de que o Teucro non puxera a pista azul durante un partido televisado, o que se traduciu nunha multa que o equipo pontevedrés recurriría. Finalmente en xuño, xa coa liga finalizada, o Teucro denunciou o BM Guadalajara por impago da cota de participación na liga, ao considerar que non se estaba a tratar a todos os clubs por igual, mais finalmente considerouse que se tratara dun erro administrativo.[10]
O regreso á elite foi efémero, e o 25 de maio de 2016 o Teucro certificou o seu descenso á segunda categoría do balonmán español logo de empatar no Gatañal ante o Club Balonmán Cangas (26-26). Os pontevedreses tan só puideron colleitar 5 vitorias, 6 empates e 17 derrotas para un total de 16 puntos que o levaron a finalizar a liga na última posición. Na Copa do Rei non puideron pasar da segunda rolda logo de caer fronte o Bidasoa Irún (30-29).[11][12]
A nova etapa na segunda categoría presentouse con moitas mudanzas no equipo azul, que presentou nove fichaxes novas e subiu a un xogador do filial. O Teucro aproveitou o descenso do Academia Octavio a Primeira Nacional para fichar a cinco xogadores do cadro vigués. Ademais dez dos integrantes do equipo tiñan menos de 23 anos. Se ben no inicio da tempada o equipo transmitiu algunhas subidas, 23 partidos consecutivos sen perder (21 vitorias e dous empates) levaron o equipo á cabeza da clasificación, e finalmente, once meses despois de perder a categoría, o equipo pontevedrés conseguiu regresar á Liga ASOBAL logo de empatar fronte o filial do FC Barcelona.[10][13]
Pavillón
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.
O Teucro xoga os seus partidos como local no Pavillón Municipal dos Deportes, un recinto do ano 1966 obra do arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota e con capacidade para 4 000 persoas sentadas. O pavillón está situado na rúa Xoán Manuel Pintos.[14]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- 1 Copa Xunta de Galicia: 2009
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Ao longo dos seus case 80 anos de historia o club recibiu os seguintes recoñecementos:[15]
- Premio á Mellor Afección de España en 1991.
- Premio ao Mérito Deportivo na Categoría de Clubes, outorgado pola Real Federación Española de Balonmán nas tempada 1988-89 e 1994-95.
- Premio ao Labor no Deporte Base, outorgado pola Federación Galega de Balonmán na tempada 2006-07.
- Premio Pontevedreses en 2012.
- Premio Servir Rotary Club Pontevedra en 2014.
Notas
[editar | editar a fonte]- Referencias
- ↑ "Origen del 'Balón a Mano' Granollers (1944-1955)" (en castelán). BMGranollers.cat. Consultado o 17 de setembro de 2024.
- ↑ "Los dos clubes de balonmano más antiguos, cara a cara". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de outubro de 2015. Consultado o 17 setembro de 2024.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Historia SD Teucro" (en castelán). Teucro.es. Consultado o 17 de setembo de 2024.
- ↑ 4,0 4,1 Acevedo, David (4 de maio de 2020). "75 años de historia azul". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 17 de setembro de 2024.
- ↑ Acevedo, David (13 de abril de 2024). "La leyenda ya descansa". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 26 de setembro de 2024.
- ↑ "1995/96 Men's EHF Cup - MATCH DETAILS" (en inglés). EHF. Consultado o 17 de setembro de 2024.
- ↑ Acevedo, David (8 de abril de 2020). "Añoranza de un tiempo pasado". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 17 de setembro de 2024.
- ↑ Santos, Antonio (3 de novembro de 2023). "Del "Hai que Roelo" a los campeones del mundo". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 19 de setembro de 2024.
- ↑ Méndez, Gerardo (7 de setembro de 2009). "El Teucro, nuevo campeón gallego". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 17 de setembro de 2024.
- ↑ 10,0 10,1 Agulló, Edu (26 de abril de 2017). "El regreso del 'enfant terrible' de la Liga Asobal". MARCA (en castelán). Consultado o 3 de outubro de 2024.
- ↑ Espiño, Diego; Torrado, Diego (25 de maio de 2016). "Final cruel para o Teucro, que consuma en Cangas o seu descenso (26-26)". Pontevedra Viva. Consultado o 19 de setembro de 2024.
- ↑ "Liga Bauhaus Asobal 2015/16" (en castelán). hispaligas.net. Consultado o 3 de outubro de 2024.
- ↑ "División de Honor Plata 2016/17" (en castelán). hispaligas.net. Consultado o 3 de outubro de 2024.
- ↑ "Pavillón Municipal de Deportes". Cidade de Pontevedra. Consultado o 17 de setembro de 2024.
- ↑ "Palmarés" (en castelán). Teucro.es. Consultado o 17 de setembro de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sociedad Deportiva Teucro |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Web oficial (en castelán)