Sabugueira, Santiago de Compostela
Sabugueira | |
---|---|
Igrexa San Paio de Sabugueira. | |
Concello | Santiago de Compostela[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 42°54″ N, 8°26 W |
Área | 16,09 km² |
Poboación | 969 hab. (2022) |
Densidade | 60,22 hab./km² |
Entidades de poboación | 16[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
San Paio de Sabugueira é unha parroquia que se localiza no concello de Santiago de Compostela. Segundo o IGE en 2022 tiña 969 habitantes (460 homes e 509 mulleres) distribuídos en 18 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.135 habitantes.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]San Paio, o patrón de Sabugueira, naceu en Galicia no ano 912 e morreu martirizado en Córdoba o 26 de xuño do ano 925[2]. Sabugueira, designa un lugar poboado de sabugueiros, palabra de orixe latina ''sambucus''.
Xeografía
[editar | editar a fonte]A parroquia atópase a uns 12 km ao leste de Santiago de Compostela. Limita ao norte con San Xulián de Carballal, ao noroeste coa parroquia de San Cristovo da Enfesta, polo oeste e suroeste coa de Santa Eulalia de Bando, pertencendo as tres parroquias a Santiago. Polo leste linda cos concellos do Pino ( San Miguel de Pereira e Santa María de Castrofeito) e polo sur con Boqueixón ( Santa María de Lamas, Santa Eulalia de Vigo, e San Pedro de Loureda ). Regada polo rego da Sionlla, rexistra a súa altitude máxima no aeroporto de Lavacolla con 360 m, mentres que o resto do territorio mantén unha media duns 300 m e 260 m a nivel do mar. A parroquia ten boas comunicacións xa que está atravesada por dúas estradas, a N-634 de San Sebastián a Santiago de Compostela e a autovía Lugo-Santiago A-54.[3]
Historia
[editar | editar a fonte]O Curtidoiro de Lavacolla é representativo da industria da zona. Os edificios, situados á beira do río Sionlla, conservan a súa volumetría orixinal. A porta principal do recinto, con arco de pedra, está flanqueada por dous edificios, á dereita a Casa do Balcón, onde vivían os propietarios da fábrica, e detrás a Casa do Forno. Detrás, un dos almacéns da antiga curtiduría. No centro e ao fondo, o corpo principal da fábrica, moi transformado.
En 1801, o comerciante de coiro Gregorio Ambrós construíu unha pequena fábrica de curtidos en Lavacolla. En 1811 vendeuse a fábrica a un comerciante dos Ancares, Francisco Rodríguez Abella, quen decidiu investir na fábrica e ampliala, converténdoa nunha das maiores fábricas da comarca. Exportan os seus produtos a Andalucía e Madrid. O seu valor en 1849 é de 800.000 reais, o que explica a súa produtividade.
A principios do século XX, coa crise do sector, a fábrica foi pechada en 1910. Pouco despois, o local foi utilizado como explotación gandeira e almacén de fertilizantes e maquinaria agrícola.
Ao remate da Guerra Civil, o complexo serviu para albergar a uns dous mil presos políticos que conformaron O Campo de Concentración de Lavacolla[4][5]e que traballaron desde 1940 na construción e ampliación do Aeroporto de Lavacolla, inaugurado en 1935.[3]
A Sabugueira formou parte do Concello de Enfesta, xunto con San Xoán de Fecha, Santa Cristina de Fecha, Grixoa, Verdía, Busto, Nemenzo, Marantes, Barciela, Cesar, Carballal e Enfesta, ata 1962, cando se incorporou ó Concello de Santiago.[6]
O 3 de marzo de 1978 no aeroporto de Lavacolla produciuse o accidente do Españoleto.[7]
Economía
[editar | editar a fonte]Destaca o aeroporto e os negocios relacionados con el, como o de Correos posúe na Lavacolla unha central dende o ano 1998 que recibe, clasifica e prepara para a súa distribución cartas e paquetes na que traballan unhas cento cincuenta persoas[8]. Tamén son importantes as actividades do sector servizos ligadas ao Camiño Francés que pasa pola parroquia, e que cada vez teñen máis relevancia fronte a agricultura e gandaría que hoxe xa non son a base da economía da zona. Na parroquia atópase dende o 1971 o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei[9] para rapaces e rapazas de Infantil e Primaria.
Demografía
[editar | editar a fonte]Gráfica de evolución demográfica de San Paio de Sabugueira 1827 e 1991 |
Datos do primeiro dato proceden do Diccionario Miñano, e o segundo do diccionario Madoz. Os seguintes foron obtidos do libro Poboación e territorio. As pequenas parroquias galegas nos últimos cen anos, editado no 1995. |
Gráfica de evolución demográfica de San Paio de Sabugueira entre 1999 e 2022 |
Datos segundo o nomenclátor publicado polo IGE. |
Patrimonio
[editar | editar a fonte]Patrimonio Arqueolóxico
[editar | editar a fonte]- Mámoas da Finca das Medorras, en Neiro[10]. Hai dúas. Coordenadas da primeira: 42.8899,-8.4631 e da segunda: 42.8866,-8.4509.[3]
- Medorra da Costoia[11][12]. A existencia deste xacemento está testemuñada por veciños da zona, que informan dos restos con forma pequeno outeiro de terra, que tiña unha altura superior á dunha persoa, e que existiu até mediados do século XX. A desaparición deste, con moita probabilidade ocorreu ao alisar as máquinas o terreo para a pista de rodadura do aeroporto. A actual terminal construíuse no 1969, e ampliouse posteriormente en 1976, 1982, e 1993, ademais da construción do aparcadoiro e instalacións complementarias, de forma que a orografía do lugar foi variando de forma considerable. O xacemento dataría aproximadamente, duns 3.500 anos antes de Cristo.[13]
- Castro de Lavacolla[14][15][16]. Tamén chamado Castro de Mendes, atópase no lugar de Vilamaior e data da Idade do Ferro. O castro ten como localización un esporón de dorsal e está a unha altitude de 340 metros. Presenta unha croa que ten unhas dimensións de 80 m. no eixo SO-NL, e uns 90 m. NO-SL. Pola zona sur está defendido por un parapeto de terra que conforma uns bastións que flanquean a entrada ao castro. Cara á zona norte podemos ver dúas terrazas de forma graduada defendidas por terrapléns. A lonxitude do conxunto da zona total do castro acada uns 125 m. SO-NL e 170 m. NO-SL. Nunha foto do 1956 parece apreciarse pola zona do leste, a zona máis chan e desprotexida do terreo onde se asenta o recinto, unha dobre muralla cun foso no medio e a unha distancia de 100 metros da entrada da croa. Coordenadas: 42.8946973472,-8.44465613365[17]
Arquitectura relixiosa
[editar | editar a fonte]- Igrexa parroquial de San Paio de Sabugueira[18]. Templo neoclásico dunha soa nave, datada na fachada en 1840[19]. A Igrexa, de grandes dimensións, está construída en deseño clasicista e rectangular dunha soa nave. Aséntase nun outeiro ao que se accede por unha ampla escalinata bordeada de árbores e ten anexo un cemiterio. O interior presenta unha nave cuberta con bóveda de canón sostida por arcos transversais, que reforzan a bóveda, situada sobre pilastras acaroadas ao muro. Os muros están encalados, agás os arcos, e a cornixa moldurada e as pilastras. Sobre a entrada, hai unha gran plataforma de madeira que se apoia sobre pequenas ménsulas de granito. O segundo tramo da nave ten unha porta lateral e un altar con fornela cunha imaxe en madeira de Santa Bárbara. No seguinte apartado preséntanse retablos neoclásicos na parede. A fachada neoclásica de cachotería presenta unha porta alintelada flanqueada por dúas pilastras que sosteñen nos seus capiteis unha moldura redonda vertical. Sobre a porta, un oco semicircular con vidreiras. O frontis está rematado en triángulo, baleiro de decoración e co vértice roto para erguer o campanario de catro ocos, un tambor e unha pequena cúpula. As esquinas finais da cornixa teñen forma de fachos. Como no interior, os muros están encalados agás as pilastras, base e cornixa. [3]
- Igrexa de San Roque.[20] Declarada BIC. De fináis do XVIIl, de traza barroca. Ten planta rectangular con pórtico apoiado en columnas. Espadana con listéis, un van e piñón moi adornado.[21]
- Igrexa de Santa Lucía.[3] Planta rectangular con sancristía engadida. Fachada ciasicista coroada en triángulo. Espadana no centro con dous vans sobre molduras de listéis e baquetillas e en faxas verticais. Piñón dun van. Porta alintelada, fornelo sobre peana con mensulillas, facendo de tornachuvias.[22]
- Cruceiro da Igrexa de San Paio[23][24][25][26]. Cruceiro de tipo crucifixo sen plataforma, de pedestal cuadrangular moi moldurado e cunha gran escocia (moldura cóncava, composta por dúas curvas de distinto radio, sendo normalmente o arco inferior o un de maior tamaño). O varal é circular cun capitel toscano. A súa cruz é circular cunha talla de granito de Cristo.[27] Colocado en substitución do coñecido cruceiro do Home Santo cando este último foi trasladado á entrada do mosteiro compostelán de San Domingos de Bonaval.[24]
- Cruceiros no Aeródromo militar (2), na praza (2), en Noval, A Esquipa, o Pontillón e o Pazo de Xan Xordo.[25]
Arquitectura civil e popular
[editar | editar a fonte]- Palco da música de Sabugueira.[3] Palco de planta dodecagonal que remata na súa parte dianteira de maneira redondeada a través dunhas escaleiras. Atópase na parte de inferior baixando polas escaleiras que veñen da Igrexa de San Paio de Sabugueira. O palco está aberto na súa parte dianteira. O teito segue a mesma forma da planta, sendo descuberto na parte das escaleiras. Construído no ano 1990 ten dúas placas. Nunha pódese ler:[28] [29]
O día 22 de decembro de 1990 o alcalde de Santiago de Compostela Ilmo. Sr. D. Xerardo Estévez Fdez. inaugurou o palco da música e o local social de Lavacolla
Festas
[editar | editar a fonte]Na parroquia celébranse festas pola Santa Lucía o primeiro domingo de maio, por San Paio o 26 de xuño[3], San Roque terceiro domingo de agosto e Nosa Señora do Carme[30], o terceiro domingo de outubro.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Escalinata da igrexa parroquial
-
Escaleiras á Igrexa
-
Igrexa de Santa Lucía por fóra.
-
A santa Lucía
-
Retablo no interior de Santa Lucía
-
Palco da música
-
Camiño de Santiago pasando ao lado do Aeroporto
-
Luces da pista de Aterraxe
-
Boeing 777 de American Airlines no aeroporto
-
Boeing 737 de Ryanair no aeroporto
-
Prado con piñeiro ao lado do aeroporto
-
Letreiro a Vilamaior
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Sabugueira
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Sabugueira no concello de Santiago de Compostela | |
---|---|
Albarde | Amarelle | Casais | A Castiñeira Grande | A Esquipa | A Lameira | A Lavacolla | Mourentán | Neiro | O Pontillón | A Praza | Requesende | San Paio | A Sionlla | Vilamaior | Xan Xordo |
Parroquias de Santiago de Compostela
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
- ↑ "Pelayo (Paio) de Córdoba, Santo". Catholic.net (en castelán). Consultado o 2023-08-10.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "Parroquia de Sabugueira - Parque Agrario de Santiago". www.parqueagrariodesantiago.org. 2022-07-05. Consultado o 2023-08-10.
- ↑ "Lavacolla, un aeropuerto construído con mano de obra de un campo de concentración". Kaos en la red (en castelán). 2017-08-23. Consultado o 2023-08-17.
- ↑ "Los Campos de Concentración de Franco". loscamposdeconcentraciondefranco.es (en castelán). Consultado o 2023-08-17.
- ↑ "Parroquia de Sabugueira - Parque Agrario de Santiago". www.parqueagrariodesantiago.org. 2022-07-05. Consultado o 2023-08-10.
- ↑ https://www.facebook.com/lavozdegalicia (2018-03-02). "El breve vuelo final del Españoleto". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2023-08-17.
- ↑ Redacción. "Premio a la excelencia para el Centro Logístico de Correos". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2023-08-10.
- ↑ "Localización | CEIP Plurilingüe Mestre Rodríguez Xixirei". www.edu.xunta.gal. Consultado o 2023-08-10.
- ↑ Moure, Xabier. "O NOSO PATRIMONIO: MÁMOAS DE GALICIA (PROVINCIA DA CORUÑA)". O NOSO PATRIMONIO. Consultado o 2023-08-11.
- ↑ Neira Pereira, Henrique (2004). San Paio de Sabugueira.
- ↑ "Parroquia de Sabugueira - Parque Agrario de Santiago". www.parqueagrariodesantiago.org. 2022-07-05. Consultado o 2023-08-11.
- ↑ "Lavacolla ya estaba habitada cinco mil años antes de la nueva terminal". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2023-09-04.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de agosto de 2023. Consultado o 11 de agosto de 2023.
- ↑ García Martínez, Manuel Carlos (1971). Morfoloxía castrexa das Terras de Compostela. Compostelanum XVI.Santiago.
- ↑ Acuña Castroviejo, Fernando. 1968. Yacimientos arqueológicos prerromanos del ayuntamiento de Santiago de Compostela. Tese de licenciatura.
- ↑ "Castro de Lavacolla". Patrimonio Galego. Consultado o 2023-08-11.
- ↑ http://siotuga.xunta.gal/siotuga/documentos/urbanismo/SANTIAGODECOMPOSTELA/documents/26242ca012.pdf
- ↑ "Igrexa de San Paio de Sabugueira". Patrimonio Galego. Consultado o 2023-08-10.
- ↑ "Parroquia de Sabugueira - Parque Agrario de Santiago". www.parqueagrariodesantiago.org. 2022-07-05. Consultado o 2023-08-10.
- ↑ http://siotuga.xunta.gal/siotuga/documentos/urbanismo/SANTIAGODECOMPOSTELA/documents/26242ca012.pdf
- ↑ http://siotuga.xunta.gal/siotuga/documentos/urbanismo/SANTIAGODECOMPOSTELA/documents/26242ca012.pdf
- ↑ Cruceiro incluido en el trabajo "Cruceiros do Camiño Francés e do Camiño a Fisterra" de Juan J. Burgoa. Publicado en AULAS NO CAMIÑO (DIÁLOGOS NUN CAMIÑO DA CULTURA EUROPEA), 2007, Xosé Neira López, ed., páx. 36
- ↑ 24,0 24,1 Burgoa Fernández, Juan J. (2006/2007/2008). DE MONDOÑEDO A COMPOSTELA. CRUCEIROS E CONSTRUCCIÓNS RELIXIOSAS DA ARTE POPULAR NO CAMIÑO DO NORTE XIII. BOLETÍN DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO. p. 102.
- ↑ 25,0 25,1 "Cruceiros en Santiago de Compostela". cruceirosdegalicia.xyz. Consultado o 2023-08-10.
- ↑ Laredo Verdejo. Boreal, José M. (1993). Os nosos cruceiros. Vol. I. Xuntanza Editorial. p. 232-233.
- ↑ "Parroquia de Sabugueira - Parque Agrario de Santiago". www.parqueagrariodesantiago.org. 2022-07-05. Consultado o 2023-08-10.
- ↑ "Santiago de Compostela". Palcos da música. 2016-09-09. Consultado o 2023-08-17.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2023. Consultado o 17 de agosto de 2023.
- ↑ "Lavacolla". vivecamino.com (en castelán). Consultado o 2023-08-10.