Saltar ao contido

Salmoneo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Salmoneo rompe as súas cadeas e colle unha espada e un trebello co que produce raios. Á esquerda, Iris, e á dereita, a súa esposa, asombrada (crátera de figuras vermellas, primeira metade do s. V a.C., Instituto da Arte de Chicago)

Na mitoloxía grega, Salmoneo foi fillo de Eolo e Enáreta. Aínda que era orixinario de Tesalia, emigrou e converteuse no rei da Élide, onde fundou a cidade de Salmone (ou Salmonia).

Era irmán de Atamante e de Sísifo. Casou con Alcídice e foi o pai de Tiro, pero Alcídice morreu e casou en segundas nupcias con Sidero, que foi moi cruel coa súa filla.

Sísifo pretendeu matar ó seu irmán Salmoneo e o oráculo díxolle que debía ter fillos con Tiro [1] e que eles o vingarían. Así o fixo, pero Tiro, cando soubo a razón, prefiriu matar ós seus propios fillos, aínda meniños. Sísifo sería castigado a intentar subir ata a cima dun monte unha rocha que caía unha e outra vez cando estaba a piques de alcanzar o cume [2].

O orgullo de Salmoneo levouno a querer igualarse ó mismísimo Zeus. Para demostrar ós seus conveciños que era o señor do trono construíu unha estrada con pavimento de bronce sobre a que conducía a súa cuadriga con rodas de cobre ou ferro, coa que arrastraba cadeas ou caldeiros de bronce, todo o cal provocaba un grande estrondo co que pretendía imitar o ruído dos tronos de Zeus. Simultanemanente lanzaba fachos acesos pretendendo imitar os raios [3].

Créndose un deus, obrigou ó seu pobo a adoralo a el en lugar de a Zeus e ofrecerlle a el os sacrificios. Zeus castigou a súa soberbia (Hybris [4]) e impiedade lanzando un raio contra el [5], que o destruíu, á vez que á cidade de Salmone e tódolos seus habitantes.

"Ó ter a insolencia de pretender igualarse a Zeus, foi castigado pola súa impiedade, pois aseguraba que el era Zeus e, despoxándolle dos seus sacrificios, ordenaba que se ofrecesen no seu propio honor, e arrastrando desde un carro odres secos e caldeiros de bronce, dicía que tronaba, e lanzando ó ceo fachos acesos, dicía que lostregaba. Zeus fulminouno co raio e fixo desaparecer a cidade por el fundada e a tódolos seus habitantes".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 9, 7)
"A Salmóneo vi tamén pagando cruel castigo por imitar os lumes de Xúpiter e os sons do Olimpo. Levado por catro cabalos e axitando un facho, polos pobos dos gregos e a cidade no centro da Élide marchaba triunfante e pedía para si honor de deuses. Pobre louco que as nubes e o raio inimitable simulaba con bronces e co trote dos cascos dos cabalos. Pero o pai todopoderoso blandiu o seu dardo entre o denso neboeiro, non fachos nin lumes fumegantes das teas, e afundiuno de cabeza no profundo abismo".
(Virxilio: Eneida VI, 585-594)
  1. É dicir, coa súa sobriña.
  2. O castigo debeuse máis ben a que Sísifo contara ó deus río Asopo que fora Zeus quen raptara a Exina, filla de Asopo.
  3. Estes fachos caían sobre os súbditos e as súas casas, o que explicaba que estes o odiaran.
  4. Na antiga Grecia chamaban Hybris ó orgullo, vaidade esaxerada ou prepotencia, que moitas veces implicaba un merecido castigo.
  5. Hixino concreta máis e di que o raio alcanzouno cando ía sobre a cuadriga (Hixino: Fábulas 250, 3).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]