Saltar ao contido

Salpidae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os sálpidos (Salpidae), coñecidos vulgarmente como salpas, son unha familia de tunicados da clase Thaliacea, en forma de barril, de libre flotación. Desprázase por contracción, bombeando auga a través do seu xelatinoso corpo. A salpa forza a paso da auga bombeada a través dos seus filtros alimentarios internos, alimentándose do fitoplancto que filtra da auga.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Son comúns en mares ecuatoriais, tépedos e fríos, onde poden ser vistos na superficie, tanto en solitario como encadeadas en longas colonias. As maiores concentracións de sálpidos están no océano Antártico. Alí en ocasións forman enormes enxames, con frecuencia en augas profundas, sendo ás veces máis abundantes que o krill.[1] Ao longo do século XX, mentres as poboacións de krill no océano Antártico foron declinando, as poboacións de sálpidos parecían incrementarse.

Historia vital

[editar | editar a fonte]

Os sálpidos teñen un complexo ciclo vital, cunha alternancia xeracional obrigatoria. Ambas as fases do ciclo vital coexisten no mar; malia que o seu aspecto sexa moi diferente, ambas son principalmente animais transparentes, tubulares e xelatinosos, medindo tipicamente entre un e dez centímetros. A fase vital solitaria, tamén coñecida como oozoide, é un único animal con forma de barril que se reproduce asexualmente creando cadeas de decenas a centenares de individuos, que se separan do pai sendo aínda pequenos. A cadea de salpas é a fase "agregada" do ciclo vital. Os individuos agregados son tamén coñecidos como blastozoides; permanecen unidos mentres nadan e aliméntanse, e cada individuo vai crecendo en tamaño. Cada blastozoide na cadea reprodúcese sexualmente, cun oozoide embrionario crecendo unido ás paredes do corpo do pai. Os blastozoides son hermafroditas secuenciais, que maduran en primeiro lugar como femias, e logo son fertilizadas por gametos masculinos producidos por cadeas máis vellas. Os oozoides acaban separándose dos seus pais blastozoides, pasando a alimentarse e crecer na súa fase solitaria asexuada, pechando así o ciclo vital das salpas.

A alternancia xeracional permite un paso xeracional rápido, convivindo e alimentándose xuntos tanto os individuos solitarios como as cadeas agregadas. Cando o fitoplancto é abundante, esta reprodución tan rápida conduce a unha breve abundancia de salpas, que co tempo acaba filtrando a maior parte do fitoplancto. A abundancia acaba cando xa non hai suficiente comida para manter a enorme poboación de salpas.

Importancia oceanográfica

[editar | editar a fonte]

Unha das razóns do éxito das salpas é como responden a súbitas abundancias de fitoplancto. Cando hai moita comida, as salpas producen rapidamente clons, que poden crecer a un ritmo que é probablemente máis rápido que o de calquera outro animal multicelular, eliminando rapidamente o fitoplancto do mar. Pero se o fitoplancto é demasiado denso, as salpas poden atascarse e afundirse no fondo. Durantes estas abundancias, as praias poden volverse viscosas con matas de corpos de salpas, e outras especies de plancto poden experimentar fluctuaciones no seu número debido á competencia coas salpas.

O afundimento das feces e os corpos das salpas pode levar carbono ao fondo do mar. As salpas son abundantes dabondo como para ter un efecto no ciclo do carbono oceánico en caso de haber grandes cambios na súa abundancia ou distribución, isto pode desempeñar un papel no cambio climático.

  1. "Dive and Discover: Scientific Expedition 10: Antarctica". Consultado o 3 de setembro de 2008.