Saltar ao contido

Santoral católico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O día de Santiago Apóstolo é o 25 de xullo, día da Patria Galega.

O santoral é o conxunto das persoas veneradas na Igrexa Católica como santos ou beatos nunha data do calendario determinada. Actualmente, a Igrexa continúa o costume paleocristián de conmemorar o aniversario da morte dos mártires. Debido á canonización de persoas ao longo dos séculos, todos os días do ano conmemoran polo menos un santo.

Non soamente se lembra desta maneira o martirio na actualidade, senón que tamén os santos falecidos por causas naturais, antigamente chamados confesores en contraposición coas testemuñas (μάρτυρες), están incluídos no calendario. Existen tamén festividades (Pascuas, Pentecoste ou a Epifanía) relacionadas con eventos da vida de Xesús e a historia eclesiástica.

Na época medieval era frecuente indicar as datas dos eventos en relación ao calendario eclesiástico, datándoos por exemplo no "terceiro día do Advento" ou na "noite de San Xoán". Do mesmo xeito, o nome de pía dos rapaces adoitaba asignarse segundo a festividade que se celebrase no día do seu nacemento ou bautismo. Aínda que isto é menos frecuente hoxe en día, nalgúns países de tradición católica ou ortodoxa consérvase o costume de saudar e felicitar as persoas no día do seu santo.

Estímase que actualmente hai máis de 10 000 beatos e santos, segundo datos tomados de fontes históricas e do martiroloxio católico, no entanto, a Igrexa católica non fai pública ningunha cifra oficial.[1]

O reverendo Alban Butler publicou Lives of the Saints (Vidas dos Santos) en 1756, que contén 1486 santos. A obra "2,565 Saints" editada polo pai Herbert Thurston, S.J. e o autor británico Donald Attwater, contén as vidas dese número de santos.[2]

  1. Todo sobre os Santos en Catholic Online (USA) FAQs- Saints and Angels (en inglés)
  2. 2565 santos Arquivado 24 de agosto de 2013 en Wayback Machine. (en inglés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]