Saraibas
Saraibas | |
---|---|
Orixe | San Sadurniño, Galiza |
Período | 1978–2004 |
Xénero(s) | Folk, canción de autor, tradicional |
Selo(s) discográfico(s) | Ruada |
Membros | Amparo Calvo, Xela Barro, Avelino Cinza, Miguel A. Sanjurjo, Martín Sanjurjo, Juanjo Porta, Sergio Vázquez, Francisco Rodríguez |
Antigos membros | Regina Cinza, Emma Calvo, Elisa García, Manuel Alonso "Bacalao", Mariela Soto, Óscar Sanjurjo, Rosa Ces, Vicente Bermúdez, Ánxela Loureiro, Juanjo Porta Vizoso, Carlos Beceiro, Paco Román |
Na rede | |
Saraibas é un grupo musical galego formado no ano 1978, por un grupo de amigos de San Sadurniño que levaban cantando xuntos como afeccionados dende 1969. Estiveron en activo até 2004.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O paso cara á abordaxe dunha carreira musical máis profesional veulles marcado por un premio recibido nas festas das Somozas do 1978. O primeiro nome do grupo foi Chorima, pero sería cambiado pouco antes do lanzamento do seu primeiro disco. A súa primeira formación estaba composta por: Martín Sanjurjo, Miguel Sanjurjo, Avelino Cinza, Regina Cinza, Enma Calvo e Elisa García.
Nos seus inicios as súas actuacións estaban ligadas á súa área xeográfica máis próxima, porén a partir do lanzamento do seu primeiro traballo, Unha terra, un pobo, unha fala (Ruada, 1980), a súa populariade aumentou e comezaron a actuar por toda a Galiza e participar tamén nos seus primeiros concertos no estranxeiro, tanto en Suramérica como en Europa, compartindo escenario con figuras da música galega e internacional.
Tras a incorporación de Manuel Alonso "Bacalau", o grupo saca o seu segundo traballo Xa non podemos calar (Ruada, 1981). Desde entón os cambios na formación serán constantes, destacando, entre outras, a colaboración de Carlos Beceiro (do grupo La Musgaña), a breve incorporación de Juanjo Porta Vizoso (Malincorne, Gwendal) para o disco Cancións para un ano, o paso de Óscar Fernández Sanjurjo, que despois formaría Os Cempés, e o paso de Paco Román, presente no disco Careca.
O último traballo do grupo é Cantamos para poder voar, de 1999. A súa formación actual está composta por Amparo Calvo (gaita, percusión e voz), Xela Barro (voz), Avelino Cinza (frautas, percusión e voz), Miguel A. Sanjurjo (percusión e voz), Martín Sanjurjo (guitarra, mandolina, violín e voz), Juanjo Porta (guitarras), Sergio Vázquez (baixo) e Francisco Rodríguez (percusión e acordeón).
O estilo desenvolto por Saraibas sempre estivo relacionado cunha clara vocación folk porén, o contido das súas letras e o momento político no que xurdiu póñeno tamén en relación coa canción de autor e a canción de intervención política. Ese medio camiño é similar ao que practicaron outros grupos contemporáneos como Fuxan os ventos. Conforme a situación política se asentaba, o grupo tendeu máis cara a súa raíz folk, tomando moitas das súas cancións de temas populares. A pesar disto, Saraibas sempre manifestou o seu compromiso coa lingua e a cultura galegas, dende a fidelidade á lingua até o apoio de iniciativas autóctonas. Bo exemplo disto foi o momento no que rexeitaron un contrato discográfico coa internacional Philips para fichar pola discográfica galega Ruada. O grupo tamén promoveu a iniciativa Cantareliña, un certame musical celebrado entre 1983 e 1991 na que participaban nenos de distintos centros escolares, e que tiña como obxectivo a promoción e a normalización da lingua galega e da música popular.
Discografía
[editar | editar a fonte]- Unha terra, un pobo, unha fala (1980)
- Xa non podemos calar (1981)
- Careca (1986)
- Camiño longo (1991)
- Cancións para un ano (1996)
- Cantamos para poder voar (1999)
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do grupo en falamedesansadurnino.org
- Datos do grupo en vieiros.com Arquivado 28 de xullo de 2016 en Wayback Machine.