Saltar ao contido

Sarcófago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sartego»)
Sarcófago exipcio de Ibi, no Museo Exipcio de Turín.
Sarcófago dos esposos, no Museo Nacional Etrusco de Vila Giulia.
Sarcófago romano, no Museo da antiga construción naval, de Maguncia.
Sarcófago medieval de madeira na Igrexa da nosa Señora da Asunción en Osorno la Mayor (Palencia, Castela e León).

Un sarcófago ou sartego é un recipiente, xeralmente tallado en pedra, destinado a conter un cadáver. No Antigo Exipto, os sarcófagos da realeza albergaban polo menos un cadaleito, xeralmente de madeira, onde se custodiaba a momia do defunto que previamente era sometido a un proceso de embalsamamento.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Do latín sarcophagus, sendo este a transcrición de σαρκοφάγος, palabra grega composta σαρκος - φαγος, que en galego se traduciría como «o que devora a carne». A palabra provén da expresión lithos sarkophagos (λιθος σαρκοφάγος). A explicación do nome xorde con Eratóstenes e recóllea Plinio o Vello. Comentan que o nome debíase a que os gregos construíanos cun tipo de pedra calcárea moi porosa procedente das canteiras de Assos, na Tróade, que en pouco tempo consumía os cadáveres.[1][2]

Moitos sarcófagos foron construídos para permanecer en mausoleos, templos ou criptas visitables, e xa que logo adoitaban estar elaborados, tallados, ou adornados esmeradamente.

No Antigo Exipto o sarcófago estaba relacionado cos rituais de embalsamamento e momificación, tendentes a conseguir a vida eterna. Os sarcófagos eran depositados en mastabas, pirámides, hipoxeos, e outros tipos de sepulturas ou edificacións funerarias. Son destacables os sarcófagos antropomorfos elaborados en pedra, ouro, prata ou madeira policromada. É soado o de Tutankhamon, faraón da dinastía XVIII, descuberto por Howard Carter no Val dos Reis, fronte a Tebas. Estaba elaborado en cuarcita e albergaba tres cadaleitos e a momia, que portaba unha máscara funeraria de ouro e pedras preciosas.[3]

En Etruria, durante os séculos III e II a.C., elaboráronse sarcófagos de terracota (como o Sarcófago dos esposos, do século VI a.C.).

Os sarcófagos, tanto de metal ou xeso así como de pedra calcaria, tamén foron utilizados polos romanos ata que apareceu o costume cristián do enterramento en sepulcros, co que caeu en desuso o sarcófago.[2]

Exemplos de sarcófagos paleocristiáns:

Coa chegada da Idade Media, o costume de elaborar sarcófagos para os dignatarios e monarcas vestidos coas súas regalias máis suntuosas, tallándoos xacendo plácidamente coma se durmisen, cada vez aumentou máis. A finais da Idade Media, e coa chegada do Renacemento, unha serie de símbolos apareceron paulatinamente, onde leóns, cans e outros animais aparecián baixo os pés do defunto tallado, reflectindo a súa supremacía. Tamén xunto aos personaxes eclesiásticos e laicos, ánxeles sostiñan un manto por encima seu, ou sinxelamente portaban o escudo de armas da familia.

Estes ricos tallados nos sarcofágos funcionan como unha valiosisima referencia para coñecer as armaduras e a vestimenta da época, definir a heráldica e simbolismo ao redor desa persoa e a súa dignidade, e inclusive, atrevidamente para definir os trazos físicos, fisonómicos do personaxe histórico.

Outros significados

[editar | editar a fonte]
  • A palabra sarcófago tamén foi utilizada para describir a grande estrutura erixida ao redor dos restos da central nuclear de Chernóbil para illala da contorna, tras o accidente de Chernóbil.
  • O nome da mosca da familia Sarcophagidae ten a mesma raíz pero distinto significado. É coñecida vulgarmente como moscarda da carne porque as súas larvas desenvólvense na prea e o esterco, así como nos tecidos vivos das persoas e outros animais.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]