Sarvepalli Radhakrishnan
Sarvepalli Radhakrishnan, nado en Thiruttani o 5 de setembro de 1888 e finado en Madras o 17 de abril de 1975, foi un filósofo e político[1] indio, o primeiro vicepresidente da India (1952-1962) e o seu segundo presidente (1962-1967). Está considerado unha das máximas autoridades indias do século XX en relixión comparada e filosofía[2].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Sarvepalli naceu no seo dunha familia brahmana telegúa nunha aldea preto de Thiruttani no distrito de Chittoor da presidencia de Madrás, preto do actual límite dos estados de Andhra Pradesh e Tamil Nadu. Pasou os seus primeiros anos e estudou en Thiruttani e Tirupatim, o ensino secundario realizouno en Walajapet.[3]
Educación
[editar | editar a fonte]Radhakrishnan recibiu bolsas de estudo ao longo da súa vida académica, estudou no Voorhees College en Vellore e logo no Madras Christian College con 17 anos, graduándose en 1906 en filosofía.[4] A súa tese foi "The Ethics of the Vedanta and its Metaphysical Presuppositions"[5], e constituía unha réplica á acusación do sistema vedanta carecer de espazo para a ética[6] .
Actividade académica
[editar | editar a fonte]En abril de 1909 entrou no departamento de filosofía do Madras Presidency College, e dende 1918 foi profesor de filosofía da Universidade de Mysore, dando clases no Maharaja's College [7]. Nesa época seus artigos comezan a aparecer en reputados xornais internacionais como The Quest, Journal of Philosophy ou o International Journal of Ethics. Completou o seu primeiro libro, The Philosophy of Rabindranath Tagore, no que avogaba que a filosofía de Tagore era a verdadeira manifestación do espírito indio. O seu segundo libro, The Reign de Religion in Contemporary Philosophy publicouse en 1920.
Dende 1921 foi profesor de filosofía ocupando a cátedra rei Xurxo V de ciencias mentais e morais da Universidade de Calcuta, á que representou no Congreso das Universidades do Imperio Británico en xuño de 1926 e no Congreso Internacional de Filosofía na Universidade Harvard en setembro de 1926. Outro evento académico importante deste período foi a invitación para realizar a conferencia da Hibbert Lecture de 1929, sobre os ideais de vida, que deu no Harris Manchester College, en Oxford e que posteriormente publicou en forma de libro como An Idealist View of Live.
En 1929 asumiu o cargo que deixara vacante J. Estlin Carpenter no Harris Manchester College, logrando así a oportunidade de ensinar relixión comparada ao alumnado da Universidade de Oxford. Polos seus servizos na educación Xurxo V outorgoulle o título de cabaleiro en xuño de 1931. En abril de 1932 o gobernador xeral da India, o conde de Willingdon investiuno formalmente. Así e todo deixou de usar o título de sir despois de obter India a independencia,[8] preferindo o título académico de 'doutor'.
Foi vicechanceler da Universidade Andhra entre 1931 e 1936. En 1936 foi profesor de relixións orientais e ética na Universidade de Oxford. Ese mesmo ano, e de novo, en 1937, foi candidato ao premio Nobel de Literatura. Foi vicechanceler da universidade Banaras Hindú de 1939 ata 1948.[9]
Actividade política
[editar | editar a fonte]Radhakrishnan comezou a súa carreira política xa na madurez da súa vida, despois do éxito da súa carreira académica [10]. En 1931 formou parte do Comité de Cooperación Intelectual da Liga das Nacións[11]. Cando a India se converteu en independente, en 1947, Radhakrishnan represententou ao seu país na UNESCO (1946-52) e máis tarde foi embaixador da India na Unión Soviética (1949-1952). Tamén foi membro da Asemblea Constituínte da India. Foi o primeiro vicepresidente da India, en 1952, e o segundo presidente da India (1962-1967).
Radhakrishnan non tivo unha militancia destacada no Partido do Congreso, nin foi activo na loita contra o poder británico, mais era un símbolo da cultura hinduísta, e a defensa do hinduísmo contra a "crítica desinformada occidental"[11].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Lawhead, William F. (2009), The philosophical Journey. An Interactive Approach. Fifth Edition (PDF), McGraw-Hill, p. 382
- ↑ Sheldon Pollock (2011), Crisis in the Classics, Social Research Vol. 78 : No.1 : Spring 2011
- ↑ Sarvepalli Gopal: Radhakrishnan; a Biography (1989) p. 11
- ↑ Sarvepalli Gopal: Radhakrishnan; a Biography (1989) p.15
- ↑ Sarvepalli Gopal: Radhakrishnan; a Biography (1989) p.17
- ↑ Murty, K. Satchidananda; Vohra, Ashok (1990), Radhakrishnan: His Life and Ideas, SUNY Press, p. 112
- ↑ Kotta Satchidananda Murty; Ashok Vohra (1990). "3. Professor at Mysore". Radhakrishnan: His Life and Ideas. SUNY Press. pp. 17–26. ISBN 978-1-4384-1401-0.
- ↑ Banerji, Anjan Kumar (1991). Sarvepalli Radhakrishnan, a centenary tribute. Varanasi, India: Banaras Hindu University. p. 9. OCLC 28967355..
- ↑ Murty & Vohra 1990, p. 90.
- ↑ Brown, Donald Mackenzie (1970), The Nationalist Movement: Indian Political Thought from Ranade to Bhave, University of California Press. p. 152
- ↑ 11,0 11,1 Brown 1970, p. 153.