Saturnino Montojo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de febreiro de 1796 Ferrol |
Morte | 13 de xuño de 1856 San Fernando |
País de nacionalidade | Española |
Actividade | |
Ocupación | Mariño militar, astrónomo, matemático |
Membro de | |
Saturnino Montojo Díaz, nado en Ferrol o 6 de febreiro de 1796 e finado en San Fernando (Cádiz) o 13 de xuño de 1856, foi un mariño militar, astrónomo e matemático galego, pai do almirante Patricio Montojo Pasarón. Formou parte da comisión central de formación da Carta xeográfica de España.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ingresou na Academia de Gardas Mariñas de Ferrol o 4 de setembro de 1812 e no curso de Estudos Maiores obtivo a cualificación de sobresaliente. En 1816 trasladouse a Madrid para ampliar estudos na Academia do Palacio Real, baixo a protección do Infante don Antonio, naquelas Almirante Xeneral de España e Indias, con resultados igualmente óptimos. En 1820 ocupou a cátedra de física do recentemente creado Ateneo de Madrid e en 1821 formou parte da comisión central de formación da Carta xeográfica de España.[1]
En 1823, xa alférez de navío, ordenóuselle embarcar no navío Asia destinado ao Mar do Sur baixo o mando de Roque de Guruzeta. Dobrou o Cabo de Fornos e enfrontouse a unha división ao mando do comodoro Gais, británico que mandaba as forzas navais do Perú e Colombia, que estaba bloqueando o porto de Callao. Tras un breve combate, puxérono en fuga con graves avarías nos seus buques. Dono do territorio o xeneral Sucre, Guruzeta dividiu forzas e el ficou co navío Asia e dous bergantíns cos que puxo rumbo a Filipinas, pero ao facer augada nas Illas Marianas, a tripulación, de orixe americana, amotinouse e Montojo e os oficiais foron vencidos e desembarcados naquelas illas. Nun buque baleeiro Montojo alcanzou Manila e pasou a España en 1826.[1] Logo foi destinado de oficial de ordes no apostadeiro de Alxeciras e pouco despois no Observatorio de Mariña de San Fernando, a petición do seu director. De novo volveu a Filipinas a bordo do Santa Ana e ao seu regreso a España foi destinado definitivamente como astrónomo no Observatorio de San Fernando. Desempeñou a Xefatura de Estudos do Colexio Naval, en comisión, até que foi cuberto o posto en propiedade, sen desatender o seu destino no Observatorio. Ocupou varias veces a dirección do centro con carácter interino. O 29 de maio de 1847 foi nomeado director do Observatorio por renuncia, debida a enfermidade de Sánchez Cerquero.[2]
No mundo científico era coñecido polas súas publicacións. En 1835 outorgóuselle o título de membro honorario da Sociedade Científica de Xibraltar e en 1836 nomeóuselle correspondente da Real Academia das Ciencias de Madrid. En 1837 foi ascendido a capitán de fragata e en 1840 a capitán de navío,[3] comenzando a traballar na rectificación das posicións dun gran número das estrelas contidas no catálogo da Sociedade Astronómica de Londres, por non estar de acordo cos lugares designados a elas nas cartas astronómicas e en 1841 foi en comisión por orde do Goberno ao Reino Unido para visitar os observatorios daquel país e modernizar o de San Fernando.[4] Cos seus traballos puido establecerse o fundamento para o gran catálogo de 8377 estrelas que foi publicado en 1845 pola Asociación. Neste mesmo ano creouse o Colexio Naval de San Fernando, nomeándose prefecto de estudos sen deixar o seu posto no Observatorio. En 1847 nomeouse director en propiedade deste e en 1848 foille encargada a redacción do plan de estudos do novo Colexio Naval e publicou unha Aritmética (Cádiz, Imprenta de la Revista Médica Gaditana, 1849) e unha Álgebra (Cádiz, Imprenta de la Revista Médica Gaditana, 1850), non podendo facelo coa Trigonometría, pois ao mesmo tempo levaba entre mans a reforma do Almanaque Náutico Español. O exceso de traballo quebrantou a súa saúde e caeu enfermo. Con todo concluíu o traballo pouco antes da súa morte, e ao final puido publicarse póstumo en 1865 co título de Tratado elemental de Trigonometría.[5]
En 1851 nomeárono brigadier da Real Armada Española. Traduciu ao español o Tratado de Astronomía de John Herschel a instancias duns amigos.[6] Este traballo mereceu a aprobación e felicitación do propio autor. Seu fillo o almirante Patricio Montojo y Pasarón traduciu o complexo Dictionnaire de marine. Anglais-Français-Allemand-Espagnol-Italien do capitán H. Paasch. Saturnino foi comisionado en 1855 polo Goberno para que viaxara polos países máis importantes, cientificamente falando, para á súa vez poñer ao día o español, sendo recibido con aprecio en todos os que visitou, pero non deu terminado a súa Memoria desta viaxe, pois faleceu en San Fernando en 1856.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]No concello de Ferrol un centro de ensino secundario leva o seu nome[7].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Travieso, José Marcelino (1856). Imprenta de Tomás Fortanet, ed. La Marina: Revista científica, militar, administrativa, histórica, literaria, política y de Comercio. Tomo 2.
- ↑ Ministerio de defensa, Gobierno de España (ed.). "Orígenes del Real Instituto y Observatorio de la Armada en San Fernando".
- ↑ V.A. (1862). Imprenta de Luie Beltrán, ed. Catálogo descriptivo de los objetos que contiene el Museo Naval.
- ↑ Universidad Complutense de Madrid (ed.). "La Geofísica en el Real Instituto y Observatorio de la Armada en San Fernando, p.122" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de abril de 2010. Consultado o 1 de marzo de 2009.
- ↑ Montojo, Saturnino (1865). Imprenta y Librería Española, ed. Tratado elemental de Trigonometría.
- ↑ Montojo, Saturnino (1844). Imprenta de la Sociedad Literaria y Tipográfica, ed. Tratado de astronomía escrito en inglés por J.T.W Herschel.
- ↑ I.E.S. SATURNINO MONTOJO