Segunda Cámara dos Estados Xerais (Países Baixos)
Segunda Cámara dos Estados Xerais | |
---|---|
Sala do plenario da Segunda Cámara dos Estados Xerais (A Haia) | |
Tipo | cámara baixa e Hoge Colleges van Staat |
Data de fundación | 1815 |
Presidente/a | Martin Bosma (2023-) |
Sede | Binnenhof |
País | Países Baixos |
52°04′47″N 4°18′54″L / 52.07962, 4.31508 | |
Na rede | |
https://www.tweedekamer.nl/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Segunda Cámara dos Estados Xerais ou Cámara de Representantes (en neerlandés: Tweede Kamer der Staten-Generaal) é a cámara baixa do parlamento dos Países Baixos (Staten-Generaal). Xunto co Senado, ou Primeira Cámara, exerce o poder lexislativo do sistema político neerlandés. Ten a súa sede na Haia no complexo histórico do Binnenhof que alberga ás principais institucións do país.
Funcións
[editar | editar a fonte]O capítulo 3 da Constitución dos Países Baixos (artigos do 50 ao 72) establece as atribucións da Segunda Cámara dos Estados Xerais:[1][2]
- Exercer a iniciativa lexislativa: propor leis ou debater e aprobar aquelas propostas polo goberno. A diferenza da Primeira Cámara, ou Senado, que non pode máis que aceptar ou rexeitar a totalidade do proxecto de lei, a Segunda Cámara pode introducir emendas aos proxectos.
- Aprobar ou rexeitar os orzamentos do goberno para o Estado.
- Controlar a acción do goberno: os ministros son responsables ante o parlamento e responden ante o lexislativo de diferentes xeitos. Dunha parte, os membros do parlamento poden elevar cuestións por escrito ao executivo, que deben responder en tres semanas. Ademais, os membros da Segunda Cámara poden preguntar oralmente aos ministros nunha sesión parlamentaria que con tal fin se celebra os martes e que é retransmitida por televisión. Doutra banda, un deputado poder convocar a un ministro ou secretario de Estado para debater de forma urxente sobre un tema sempre que consiga o apoio da maioría da cámara, nestes casos, o ministro ou secretario de Estado non pode eludir a convocatoria.
- Investigar: a Segunda Cámara pode constituír unha comisión composta por algúns dos seus membros para investigar cuestións específicas. Para facer as súas investigacións pode convocar a calquera cidadán, que está obrigado a comparecer baixo xuramento. As conclusións da comisión de investigación son presentadas ante o conxunto da Segunda Cámara e poden incluír recomendacións, máis non sancións. A Segunda Cámara adoita investigar para dar resposta a problemas que teñen forte impacto na opinión pública, como por exemplo para esclarecer o accidente aéreo do voo 1862 de El Al, ou as responsabilidades do exército dos Países Baixos no masacre de Srebrenica.[3]
Composición
[editar | editar a fonte]A Segunda Cámara dos Estados Xerais está conformada por 150 membros electos pola cidadanía cada 4 anos por sufraxio universal.[4] Os membros da Segunda Cámara teñen dedicación exclusiva ás súas tarefas parlamentarias.[2] O voto proporcional foi introducido o voto proporcional en 1917 canda o sufraxio universal masculino, ampliado en 1919 ás mulleres. Dende 1933 os escanos a escoller son repartidos seguindo o método d'Hondt.[5] O número de membros foi de cen entre 1830 e 1956, cando foi ampliado aos 150 actuais.[5]
A Segunda Cámara dos Estados Xerais está liderada por un presidente que é votado polos seus membros ao inicio da lexislatura, xunto co resto dos membros do presidium que organiza os traballos da asemblea.[6] Os deputados electos intégranse en grupos parlamentarios que se corresponden cos partidos polos que foron escollidos. Ademais das sesións plenarias, os deputados integran comités específicos para facer o seguimento da cada unha das políticas gobernamentais.[7] As sesións da Segunda Cámara dos Estados Xerais teñen lugar os martes, mércores e xoves.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Nederlandse grondwet/Hoofdstuk 3 - Wikisource". nl.wikisource.org (en neerlandés). Consultado o 2021-03-19.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Ramkema, H (2008). Reseña del Sistema Político Neerlandés. NIMD e Instituut voor Publiek en Politiek. ISBN 978-90-79089-03-1.
- ↑ "Holanda culpable de masacre de Srebrenica" (en inglés). 2003-01-27. Consultado o 2021-03-19.
- ↑ admin (2011-04-11). "Elections and the formation of a Cabinet". www.houseofrepresentatives.nl (en inglés). Consultado o 2021-03-19.
- ↑ 5,0 5,1 "Holanda —". aceproject.org. Consultado o 2021-03-19.
- ↑ admin (2011-04-15). "New members of the House of Representatives". www.houseofrepresentatives.nl (en inglés). Consultado o 2021-03-19.
- ↑ admin (2011-04-14). "Committees: The backbone of the work of the House of Representatives". www.houseofrepresentatives.nl (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2021. Consultado o 2021-03-19.