Saltar ao contido

Sequeiro (construción)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sequeiros en Galiza

Un sequeiro é polo xeral calquera lugar onde se pon a secar leña, castañas, pezas de cerámica etc[1].

Na arquitectura popular, son construcións primitivas propias das serras das provincias galegas de Lugo e Ourense, co fin de almacenar e secar a castaña. Constan de dous andares, a planta terrea, onde adoita ir o lume, e o sobrado, onde fican as castañas. Ambas dependencias áchanse separadas cun forxado horizontal feito de madeira e canizo, para facilitar a ventilación ou o paso da calor e o fume. Os sequiero ás veces serven de vivenda temporal.

Os sequeiros poden atoparse no propio eido cando a casa está preto do souto (normalmente preto dos ríos, e polo xeral nos vales), ou, cando as aldeas están na montaña, áchanse illados nos soutos de xeito que os aldeáns baixan e pasan tempadas a vivir neles. Moitas veces forman agrupacións, coma se fosen mesmo aldeas.

Nalgúns casos de maior complexidade, o sequiero pode ter até un cuarto ou incluso cortes ou forno.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Manuel Caamaño explica que existen dous tipos de sequeiros, o máis sinxelo vai dentro da casa-vivenda ou acaroada a esta; e o máis complexo consiste nun edificio autónomo, que incluso pode contar con vivenda.

Normalmente, por atopárense en zonas de montaña, a construción aproveita o desnivel para deseñar a planta terrea e o sobrado. Acostuma ser de planta rectangular, con muros de feitura pouco coidada de cachotaría de xisto ou granito dun espesor de 0,60 a 0,80 cm. Só conta coma vans, cunha porta na planta terrea, outra porta no primeiro andar que dá ao terreo da parte superior do socalco, e unha xanela no sobrado ou primeiro andar. A función desta fiestra é crear unha ventilación para que sequen as castañas. Ás veces aparece unha bufarda na planta terrea co mesmo obxectivo. A cuberta é de dous ou tres vertentes, de tella (terllado) ou lousa (lousado).

A distribución interior da parte terrea consta de dous espazos, un primeiro que dá á porta de entrada, destinado ao almacenamento da leña, e onde pode haber un cortello para un ou dous porcos (azacotados coas castañas más); e un segundo cuarto, o esencial, onde vai a lareira, co teito de canizo por riba. Malia semellaren construcións pouco coidadas, os entramados de madeira do andar, dentro da súa rusticidade, posúe varias solucións construtivas enxeñosas e de curiosa feitura, como por exemplo as táboas cheas de buratos, algúns con enfeites, ou pontóns con formas triangulares, trapezoidais etc para facilitar o paso do fume.

No sobrado ou andar, ademais da almacenaxe e secado das castañas, antes de levalas, tirábaselle a casca golpeándoas nun pisouto, unha plataforma de madeira cunha grosa táboa sobre catro pés. Despois de limpas, as castañas eran levadas en carros ou cabalarías, moitas veces xunto cos porco cebados coas castañas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Caamaño Suárez, Manuel (2003). As Construccións da Arquitectura Popular. Patrimonio etnográfico de Galicia. Santiago de Compostela: Hércules de Ediciones. ISBN 84-96314-34-0. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]