Serránidos
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2017.) |
Os Serránidos (Serranidae) son unha familia de peixes mariños incluída na orde Perciformes. Normalmente habitan en arrecifes de augas tropicais, subtropicais e temperadas, próximos á costa, nunha distribución cosmopolita; algunhas especies viven en augas doces. Hai especies que se pescan intensamente para consumo humano e son moi apreciadas gastronomicamente pola súa extraordinaria calidade.
Características
[editar | editar a fonte]Teñen un corpo robusto, alargado e algo comprimido, e poden presentar tamaños moi diversos: desde 3 cm ata 3 m, con pesos desde os 20 g ata os 400 kg. Liña lateral ben marcada, que se estende ata a base da aleta caudal. A cabeza está ben desenvolvida, coa boca grande e lixeiramente protráctil. O preopérculo é dentado (salvo algunhas excepcións) e o opérculo ten 1-3 espiñas (neste caso, unha espina principal e outras menores por riba e por baixo).
Adoitan presentar cores brillantes, nunha coloración disruptiva que pode servir de camuflaxe (a modo das raias dos tigres).
Unha ou dúas aletas dorsais, moi xuntas e sempre cunha primeira parte espiñosa (7-12 espiñas) e unha segunda de radios brandos; esta pode pregarse nunha rañura. Na anal, tres espiñas e o resto con radios brandos. As ventrais moi próximas ás pectorais. A caudal é arredondada ou truncada (raras veces bifurcada), cun pedúnculo moi groso.
Tódolos serránidos son carnívoros e aliméntanse de peixes e crustáceos ou, algunhas especies, de plancto. Adoitan ser depredadores de emboscada, agochados entre os saíntes dos arrecifes, rochosos ou coralinos, á expectativa das posibles presas ás que capturan cun rápido movemento.
Moitas especies son hermafroditas protóxinicas [1]. As larvas son planctónicas, e permanecen a mercede das correntes oceánicas ata que se establecen nas poboacións adultas.
Alcanzan grande importancia comercial para as pesquerías industriais e artesanais, así como para a pesca deportiva. Algunhas especies de pequeno tamaño son moi cotizadas para a cría en acuarios.
Clasificación
[editar | editar a fonte]Divídese en cinco subfamilias principais, con máis de 450 especies:
- Anthiinae
- Liopropomatinae
- Grammistinae
- Serraninae
- Epinephelinae
Outros autores (Nelson, 1994) establecen só tres subfamilias: Anthiinae, Serraninae e Epinephelinae (está dividida nas tribos Epinephelini, Niphonini, Liopropomatini, Diploprioni e Grammistini).
A subfamilia Anthiinae está representada por especies pequenas e de cores vistosas, de distribución circuntropical en arrecifes coralinos, en augas profundas (60–335 m). Forman estruturas sociais complexas de miles de individuos, e aliméntanse de pequenos animais planctónicos. Son consideradas hermafroditas: nacen como femias e cambian a machos durante a última parte da súa vida.
- Xénero Anatolanthias
- Anthias
- Caesioperca
- Caprodon
- Dactylanthias
- Giganthias
- Hemanthias
- Holanthias
- Hypoplectrodes
- Lepidoperca
- Luzonichthys
- Nemanthias
- Odontanthias
- Othos
- Planctanthias
- Plectranthias
- Pronotogrammus
- Pseudanthias
- Rabaulichthys
- Sacura
- Selenanthias
- Serranocirrhitus
- Tosana
- Tosanoides
- Trachypoma
A subfamilia Liopropomatinae tamén está formada por especies pequenas e coloridas, que habitan principalmente en zonas profundas e con pouca luz, como covas e gretas.
- Xénero Bathyanthias
- Jeboehlkia
- Liopropoma
- Rainfordia
A subfamilia Grammistinae agrupa especies de tamaño mediano, asociadas a ambientes de covas e grietas. Aliméntanse de pequenos crustáceos. A maioría excreta unha toxina a través da pel cando son atacados, coa que repelen os seus depredadores.
- Xénero Belonoperca
- Rypticus
- Diploprion
- Aporops
- Pseudogramma
- Suttonia
- Grammistes
Na subfamilia Serraninae hai especies de tamaño pequeno a mediano, abundantes en arrecifes rochosos e zonas areosas costeiras. Son carnívoros solitarios que viven no fondo e aliméntanse de pequenos crustáceos e peixes. Algunhas especies son hermafroditas simultáneos, e os individuos funcionan como machos e femias ó mesmo tempo. Outras especies cambian de sexo, desde femias a machos ó longo da súa vida, e outras presentan sexos separados.
- Xénero Acanthistius
- Bullisichthys
- Centropristis
- Chelidoperca
- Cratinus
- Diplectrum
- Hypoplectrus
- Paralabrax
- Parasphyraenops
- Schultzea
- Serraniculus
- Serranus
Finalmente, a subfamilia Epinephelinae comprende as especies de maior tamaño, aínda que tamén outras pequenas. Son depredadores na cadea trófica e controlan a densidade de especies herbívoras e planctívoras nos arrecifes. A maioría son hermafroditas, cambiando o sexo de femia a macho durante a súa vida.
- Xénero Aethaloperca
- Alphestes
- Anyperodon
- Aulacocephalus
- Cephalopholis
- Cromileptes
- Dermatolepis
- Epinephelides
- Epinephelus
- Gonioplectrus
- Gracila
- Grammistops
- Mycteroperca
- Niphon
- Paranthias
- Plectropomus
- Pogonoperca
- Saloptia
- Triso
- Variola
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Comezan o seu desenvolvemento como femias e posteriormente cambian de sexo a machos
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Serránidos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Serránidos |