Saltar ao contido

Servizo de Correos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Servizo de Correos
Título orixinalPost Office
Autor/aCharles Bukowski
OrixeEstados Unidos
Linguainglés
Xénero(s)Novela, Realismo sucio
Editorial Black Sparrow Books
Galicia Hugin e Munin
Data de pub. 1971
Galicia Outubro 2011
Formatorústica con lapelas
Páxinas204
ISBNGalicia 978-84-939647-0-2
TraduciónAlejandro Tobar
editar datos en Wikidata ]

Servizo de Correos[1] (en inglés: Post Office) é unha novela en inglés escrita por Charles Bukowski e publicada en 1971 por Black Sparrow Books co título orixinal de ou Post Office. Foi traducida ao galego por Alejandro Tobar,[2] publicada en 2011 pola editorial Hugin e Munin.[1][3] Do mesmo modo que Pan con xamón está considerada unha obra autobiográfica da súa infancia, esta novela é unha autobiografía dos seus anos posteriores. Está protagonizada por Henry Chinaski, o alter ego de Bukowski.

Chinaski consegue traballo nos Ánxeles como carteiro substituto do Servizo Postal dos Estados Unidos. Na primeira etapa, repartindo sen rutas fixas, adoita tardar máis do establecido, o que lle supón rifas dos xefes. Despois consegue unha ruta fixa, pero ao pouco decide deixalo. Casa e marcha a Texas, pero regresa na procura doutros traballos. Pouco despois, divórciase e regresa ás estafetas.

Logo dun período de dous anos, convértese en fixo, e o traballo na oficina vólvese rutineiro e aburrido. Sobrelévao con borracheiras, mulleres (e cunha filla) e apostando nos hipódromos.

Anterior selo do Departamento de Correos dos Estados Unidos.

Narración

[editar | editar a fonte]

Esta é a primeira novela de Bukowski, e está "dedicada a ninguén". Nela, o autor ten unha cínica visión do mundo. Cobre o período en que traballou de carteiro, desde 1952 aproximadamente até 3 anos despois, e desde o seu regreso en 1958 até 1969.

Segundo o documental Born into This, o fundador e propietario de Black Sparrow Press, John Martin, ofreceu a Bukowski 100 $ ao mes para o resto da vida se deixaba de traballar de carteiro e se dedicaba a escribir a tempo completo. Aceptou, e escribiu esta obra en "vinte e unha noites", segundo di ao comezo de Women.

Aparecen personaxes femininos da vida de Bukowski, como Jane Cooney Baker ("Betty"), que era alcohólica e 11 anos maior, ou a súa primeira muller, Barbara Frye ("Joyce"), que aparece retratada coma unha ninfómana.

  1. 1,0 1,1 Servizo de Correos. Traducido por Alejandro Tobar (1ª ed.). Santiago de Compostela: Editorial Hugin e Munin. 2011. ISBN 978-84-939647-0-2 – vía Biblioteca da Tradución Galega. 
  2. Editorial Hugin e Munin (ed.). "Catálogo da Editorial Hugin e Munin (actualizado o 1 de xaneiro de 2019)" (PDF). p. 4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de marzo de 2019. Consultado o 26 de marzo de 2019. 
  3. "Una editorial se estrena con Bukowski y Twain en gallego", artigo de Iago Martínez en El País, 21 de decembro de 2011 (en castelán)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]