Shane Gould
Shane Elizabeth Gould, nada en Sydney o 23 de novembro de 1956, é unha nadadora australiana, gañadora de tres medallas de ouro, unha de prata e unha de bronce nos Xogos Olímpicos de 1972.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Gould naceu en Sydney o primeiro día de competición dos Xogos Olímpicos de 1956 de Melbourne. Mudouse a Fidxi coa súa familia aos dezaoito meses. Con seis anos xa era unha nadadora competente. Estudou a primaria no St. Peters Lutheran College de Brisbane, onde unha casa de deportes foi bautizada co seu nome, e a secundaria na Turramurra High School de Sydney, onde tamén se bautizou unha casa de deportes na súa honra e na da súa compañeira olímpica Gail Neall.
Foi adestrada polos recoñecidos Forbes e Ursula Carlile e o seu axudante Tom Green. Gañou todos os seus títulos mundiais de natación sendo unha adolescente, viaxando moito.
Carreira deportiva
[editar | editar a fonte]Nos Xogos Olímpicos de 1972 de Múnic, Gould gañou tres medallas de ouro, establecendo un récord do mundo en cada proba. Gañou tamén unha prata e un bronce.[1][2] Foi a primeira nadadora que gañou tres medallas de ouro con récord do mundo e a primeira (home ou muller) en gañar medallas olímpicas en cinco probas individuais nuns únicos xogos. Foi tamén a primeira persoa australiana que gañou tres medallas de ouro nuns únicos xogos.[3] Foi a única persoa, home ou muller, que tivo simultaneamente todos os récords do mundo de estilo libre desde os 100 aos 1500 metros e os 200 metros estilos, o que logrou entre o 12 de decembro de 1971 e o 1 de setembro de 1972.
Aos dezaseis anos retirouse da natación competitiva por mor da presión que lle provocaron o seu éxito e o seu perfil nos medios. Máis de dúas décadas despois, Gould regresou á natación na categoría Masters. Estableceu récords de Australia nas categorías de 40-44 anos (100, 200 e 400 m estilo libre, e 100 m bolboreta) e 45–49 anos (50 m bolboreta, 100 e 200 m estilo libre). En 2003, superou o récord do mundo para 45-49 anos dos 200 metros estilos individual cunha marca 2:38.13 (batendo o récord do mundo para calquera idade de 1961).[4]
Continuou a adestrar nadadores e a nadar en competicións Masters.[5]
Carreira posterior
[editar | editar a fonte]Gould volveu a estudar a finais da década de 2000. Estudou na Sydney Film School (2001) e recibiu un mestrado en xestión ambiental (2010, cunha tese sobre os usos públicos e as funcións das piscinas públicas), e un mestrado en arte contemporánea (2012). Ambos os graos foron pola Universidade de Tasmania.[6] En 2019 recibiu un doutoramento en filosofía pola Universidade de Victoria. Gould é fotógrafa e ten obra amosada en Art of the Olympians.[7]
Nos Xogos Olímpicos de 2000 en Sydney, Gould levou o facho olímpico no estadio, como un dos corredores do segmento final antes do acendemento da chama olímpica.[8]
En 1999 publicou a súa autobiografía, Tumble Turns: An Autobiography.[9]
En agosto de 2018 revelouse que Gould ía participar en Australian Survivor: Champions vs. Contenders.[10] O 9 de outubro de 2018, Gould foi coroada como gañadora de Australian Survivor: Champions vs. Contenders.[11] Con esta vitoria, Gould converteuse na persoa de máis idade en gañar unha edición de calquera serie internacional de Survivor. Posteriormente volveu a Australian Survivor: All Stars, mais foi eliminada a primeira, acabando no posto 24.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Gould pasou a maior parte dos anos despois de retirarse fóra do ollo público. Casou con Neil Innes aos dezaoito anos, fíxose cristiá e viviu nunha granxa preto de Margaret River no suroeste australiano. Traballou na granxa e deu clases de equitación e surf, facendo poucas aparicións públicas. Tivo catro fillos e tres netos.[6]
O matrimonio de Gould con Innes acabou despois de vinte e dous anos, coincidindo coa volta dela á vida pública,[12] e casou con Milton Nelms en 2007.[13][14]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Shane GOULD". Olympics.com. Consultado o 2022-01-17.
- ↑ "Australian Olympic swimmer Shane Gould | naa.gov.au". www.naa.gov.au. Consultado o 2022-01-17.
- ↑ "Shane Gould". Comité Olímpico de Australia. Consultado o 20 de abril de 2016.
- ↑ "Shane Gould - Swimming Career".
- ↑ "Swim for fun, not medals: Shane Gould". 7NEWS (en inglés). 2021-07-30. Consultado o 2022-01-17.
- ↑ 6,0 6,1 "Shane Gould - About Shane".
- ↑ "Shane Gould". artoftheolympians.org. Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2015. Consultado o 5 de outubro de 2015.
- ↑ "Olympedia – Shane Gould". www.olympedia.org. Consultado o 2022-01-17.
- ↑ "SHANE'S AUTOBIOGRAPHY - TUMBLE TURNS". Arquivado dende o orixinal o 05 de abril de 2023. Consultado o 23 de marzo de 2022.
- ↑ Anderson, Jared (25 de xuño de 2018). "Olympic Champ Shane Gould to Appear on Australian 'Survivor'". Swim Swan (Swim Swam Partners). Consultado o 10 de outubro de 2018.
- ↑ Bond, Nick; Paine, Hannah (2018-10-09). "‘Enormous mistake’ ruins runner-up". news.com.au — Australia’s leading news site. Consultado o 2022-01-17.
- ↑ "Shane Gould - Shane's Autobiography". Arquivado dende o orixinal o 05 de abril de 2023. Consultado o 23 de marzo de 2022.
- ↑ Shane Gould website Arquivado 8 de abril de 2011 en Wayback Machine.
- ↑ ABCTV Australian Story On Bicheno Beach 10/09/2012
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Xogos Olímpicos |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial
- On Bicheno Beach Documentary produced by Australian Story