Shattuara II
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XIV a. C. |
Morte | século XIII a. C. |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Shattuara II foi rei de Mitanni sobre o -1280. Foi nomeado polos asirios e era fillo ou sobriño de Wasashatta.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ao comezar a reinar Salmanasar I sobre o -1275, o rei rebelouse contra Asiria con axuda hitita e coa axuda tamén dos nómades Akhlamu ou Ahlamnu. O seu exército ocupou os pasos de montaña e os pozos e declarouse en rebeldía. Cando foi enviado un exército asirio, a falta de auga fixo difícil o camiño, pero non impediu a vitoria asiria.
O rei asirio di nunha estela que matou 14.000 homes e o resto serían cegados e enviados lonxe; serían ocupados "9 templos, 180 cidades serían destruídas, e os exércitos hurritas, hititas e dos akhlamu degolados como cordeiros". As cidades de Taidu e Irridu serían ocupadas así como o monte Kashiar en Eluhat, as fortalezas de Sudu e Harranu ata Karkemish no Éufrates. Unha inscrición menciona a construción dun templo dedicado a Adad na cidade de Kahat, que sen dúbida foi tamén ocupada. Iso foi sobre o -1270 e foi o final do reino. A poboación foi en parte deportada e en parte semiescravizada; os documentos asirios mencionan os "homes desarraigados" deportados de Mitanni e que se enviaron para produciren "alimentos para o gando e para eles mesmos" (por exemplo é mencionado para repartir avea entre as persoas de Shududu ao gobernador da cidade de Nahur, chamado Meli Sah). Na zona do Balikh estableceuse unha liña de fortalezas contra os hititas. Mitanni converteuse na provincia de Khanigalbat baixo o goberno do príncipe e gran visir Ili-ippada.