Saltar ao contido

Simón Rodríguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaSimón Rodríguez
Biografía
Nacemento1679 Editar o valor en Wikidata
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Morte1751 Editar o valor en Wikidata (71/72 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónarquitecto Editar o valor en Wikidata

Simón Rodríguez, nado en Santiago de Compostela en 1679 e finado na mesma cidade en novembro de 1751, foi un dos máis prestixiosos arquitectos barrocos e máximo expoñente do barroco de placas. Ás veces asinou como Simón Rodríguez de Castroverde.

Fachada da Igrexa do convento de Santa Clara de Santiago de Compostela.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Nos seus inicios debeu ser carpinteiro, figurando como tal nas listaxes de artistas que traballan na construción do baldaquino no altar maior da catedral compostelá, baixo a dirección de Domingo de Andrade. Alí puido atoparse con Fernando de Casas Novoa, co que mantería unha estreita amizade, como o demostra o feito de que Simón Rodríguez asine como testemuña na voda de Casas.

O seu primeiro contrato como mestre arquitecto foi para arranxar a igrexa de San Fiz de Solovio (1703-1713), que remata cun campanario (un só corpo, pequeno baseamento e grandes placas con sensación de inestabilidade), que será posteriormente imitado en numerosos templos galegos. No intermedio dese labor, Rodríguez pasa a dirixir as obras dos Cuarteis do Barrio da Cerca, hoxe desaparecidos, cando un desgraciado accidente, que provocou un derrubamento, supuxo o seu encarceramento por case un ano. Aínda que logo saíu absolvido, o sucedido supúxolle un amargo transo.

En 1719 proxecta a igrexa de Santa María de Dodro con gran sinxeleza de formas exteriores, pero non así no retablo onde se manifesta o seu estilo inconfundible de placas e cortes fondos.

Entre 1721 e 1726 foi chamado polas monxas clarisas para facerse cargo da renovación do seu convento santiagués, iniciada no século anterior. Realiza alí a que posiblemente é a súa obra mestra, onde as súas maneiras acadan a madureza e o esplendor: a fachada da Portería, comunmente coñecida como fachada de Santa Clara ou, simplemente Santa Clara. En realidade levantou unha falsa fachada na entrada do mosteiro, pero as solucións adoptadas, especialmente os cilindros no remate, suxiren un feliz e insólito uso do principios de inestabilidade e chamada de atención tan propios do Barroco. Cun sentido escenográfico insuperable admírase nela o seu prodixio creativo tanto no estrutural como no decorativo. Os colosais cilindros levan a sensación de inestabilidade ao paroxismo.

Pola mesma década realizará algúns dos mellores retablos composteláns. En 1721 o da capela da Prima na mesma catedral, o altar da virxe de Covadonga. Mais superará o realizado ata entón co retablo do altar maior da igrexa da Compañía de Xesús (1726), actualmente igrexa da Universidade de Santiago. Vemos aquí grandes esferas, planos superpostos e unha prodixiosa sensación de desequilibrio. O audaz tipo de columna co capitel que crea, cun pequeno cilindro, faría que se chegase a designar como orde compostelá (Ramón Otero Túñez). Os dous altares laterais, o de San Francisco de Borxa e o de San Luís Gonzaga, serán executados posteriormente (1735).

Máis adiante os mercedarios encárganlle traballos no seu convento de Santa María de Conxo. Comezaría a capela do Santo Cristo no convento mercedario de Santa María de Conxo, en 1729, no arrabalde compostelán. O labor ocupouno ata 1729.

Fachada da igrexa de San Francisco, Santiago

En 1734, o arcebispo José de Yermo y Santibáñez encargoulle a Simón Rodríguez a Casa de Exercitantes (1734-1737), actual Facultade de Filosofía, pero o falecemento do prelado e as subsecuentes discrepancias sobre os pagos, levaron a que o edificio fose acabado por outro arquitecto: Pedro de Lubiate.

En 1743 trasládase á Coruña para a execución da capela da Orde Terceira, traballando tamén no convento de Santa Clara de Allariz e o retablo da capela compostelá de San Roque. Volve, enfermo, a Santiago, sendo ingresado durante algún tempo no Hospital Real (1744).

Mais desde 1743 estaba xa inmerso, na súa cidade natal, na que debería ser a súa obra cimeira. Os frades franciscanos encárgano das novas trazas e o erguemento da igrexa do Convento de San Francisco do Val de Deus. No que se coñece do proxecto, Rodríguez tiña en mente levantar unha fachada tal que podería facerlle sombra á mesma catedral, na que por eses anos Fernando de Casas Novoa estaba a levantar a nova fachada occidental, logo coñecida como o Obradoiro. Os frades beneditinos do próximo mosteiro de San Martiño Pinario, iniciaron preitos contra as obras dos franciscanos, que as paralizaban. Por último interveu a madrileña Real Academia de Belas Artes de San Fernando que acabou por modificar o proxecto impondo as directrices neoclásicas. Aínda que as modificacións parece que non foron excesivas, si foron as suficientes para suprimir a decoración e reformar o remate superior, afectando frontón e torres.

Simón Rodríguez xa non vería os resultados. Falece en novembro de 1751, na súa casa do barrio da Torre da Atalaia, preto da igrexa de San Miguel dos Agros, sendo sepultado o día 19 na igrexa de San Xoán o Evanxelista.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]