Sugus
Sugus é unha marca de caramelos mastigábeis da empresa Wrigley. A súa orixe hai que buscala dentro da empresa chocolateira suíza Suchard, que os creou en 1931. Son de forma cadrada, e as súas medidas son de 2 cm de lado e 7 mm de espesor, incluíndo o envoltorio. O nome vén das linguas escandinavas, suge, que significa o mesmo que zugar ou chuchar. Hainos de diversos sabores: limón, laranxa, ananás, amorodo, e máis recentemente de mazá, menta, albaricoque, tutti–frutti, uva e cereixa, indicados segundo a cor do envoltorio (amarelo, alaranxado, azul, vermello, verde claro, verde escuro, laranxa claro, rosado, violeta e granate, respectivamente), que é característico do caramelo. O envoltorio clásico (que mide 6,3 por 4,5 cm) envolve a lambetada respectando a forma paralelepípeda da mesma, amosando en cor branca os nomes sugus (minúscula de maior tamaño), e o nome do sabor (letra capital de menor tamaño), ocupando todo o envoltorio. Dentro do envoltorio achábase un pequeno e livián papel branco de 6,3 por 1,9 cm que arrodeaba o caramelo evitando que se pegase ao envoltorio exterior, por exemplo, en momentos de excesiva calor.
O nome, malia ser só unha marca, converteuse no nome xenérico deste produto, que ten aparecido no mercado con outras marcas.
A súa comercialización comeza en Galicia, cando no ano 1961 a marca chegou a España; no ano 2005, Wrigley asumiu a súa comercialización.[1]