Swissquote
Swissquote Group Holding SA | |
---|---|
Edificio principal da compañía en Gland. | |
Tipo | Sociedade Anónima |
Fundación | 1996 como plataforma financeira. 2000 como banco. |
Localización | Gland, Suíza |
Persoas clave | Marc Bürki (CEO), Paolo Buzzi (CTO), Michael Ploog (CFO), Morgan Lavanchy (xefe do gabinete xurídoco), Gilles Chantrier (xefe da oficina de risco) |
Industria | Banca |
Número de empregados | 519 (2014) |
Na rede | |
http://www.swissquote.ch/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Swissquote Group Holding SA é unha empresa suíza con sede na cidade de Gland, creada en 1996 pola compañía Marvel Communications SA e con forma xurídica anónima, especializada no comercio financeiro en liña coa súa sede en Inglaterra. O grupo dá emprego a 519 persoas (febreiro de 2014) e ten máis de 201.000 clientes. O seu patrimonio total suma 8,6 mil millóns de francos suízos (finais de 2012) e é un banco en liña puro, líder no mercado do territorio de Suíza, aínda que tamén é contratado por cidadáns pertencentes aos países da Eurozona, mediante o respectivo formulario na súa web.[1]
A gama de servizos céntrase, principalmente, na contratación electrónica de accións, fondos mutuos, opcións, warrants e bonos, así como na xestión das contas e servizos de custodia e xestión de activos para clientes privados e corporativos. Ademais dos servizos dunha base específica da compañía, ofrece no seu portal financeiro diversas ferramentas de análise. O portal financeiro Swissquote é a plataforma financeira máis visitada en Suíza.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]En 1990, Marc Bürki e Paolo Buzzi crearon Marvel Communication SA, unha empresa especializada en aplicacións de software financeiro, que foi a precursora do que ía ser posteriormente Swissquote.[3]
A plataforma financeira Swissquote fundouse en 1996, co obxectivo de permitir aos investidores privados accederen aos prezos de todos os valores negociados na bolsa suíza de xeito gratuíto e en tempo real. O 29 de maio de 2000, as accións de Swissquote colocáronse na SIX Swiss Exchange e, ese mesmo ano, a compañía obtivo a súa licenza bancaria.
En 2010, dúas adquisicións permitiron a Swissquote consolidar a súa posición como líder no comercio en liña: en xuño, a compañía fíxose cargo da empresa con sede en Zúric Tradejet AG, unha plataforma de información en liña e corredoría, e en outubro adquiriu ACM Advanced Currency Markets AG. Esta segunda adquisición fixo que o negocio comercial da compañía pasase a incluír operacións de Forex en liña.
En setembro de 2013, Swissquote conseguiu un lugar no mercado internacional mediante a adquisición e a fusión con MIG Bank, unha empresa especializada en Forex. Esta adquisición impulsou a Swissquote, que aspiraba a se converter nun actor importante no mercado de divisas, nun dos dez principais provedores de servizos de comercio de divisas en liña.[4]
En xaneiro de 2015, tras a decisión do Banco Nacional Suízo de descontinuar o tipo de cambio mínimo de 1,20 francos suízos por euro, Swissquote destinou unha reserva de 25 millóns de francos suízos sen comprometer a rendibilidade nin a solidez do banco.[5]
Organización
[editar | editar a fonte]O grupo divídese en varias filiais:[6]
- Swissquote Bank SA. Swissquote Bank SA é titular dunha licenza bancaria e está sometida á supervisión da autoridade federal de supervisión dos mercados financeiros (FINMA). Ten ademais unha licenza de negocio de valores mobiliarios da FINMA. A sede principal do banco atópase en Gland, e ten oficinas en Zúric, Berna, Dubai e Hong Kong.
- Swissquote Financial Services Limited (Malta). Swissquote Financial Services, con base en Malta, é unha sociedade de servizos de investimento sometida á supervisión da Autoridade de Servizos Financeiros de Malta, e ten unha licenza de categoría 4a.
- Swissquote Ltd (antiga MIG Capital Limited -Europa-). Sometida á supervisión da Autoridade de Conduta Financeira, Swissquote Ltd é unha sociedade de investimentos con base en Londres.
- Swissquote Bank MEA Limited. Baixo a supervisión da Autoridade de Servizos Financeiros de Dubai, Swissquote Bank MEA Ltd ten unha licenza de categoría 4.
- Swissquote Asia Limited (antiga MIG Capital Asia Limited). Baixo a supervisión da Comisión de Valores e Futuros, Swissquote Asia Ltd ten unha licenza de tipo 3.
Patrocinio e colaboracións
[editar | editar a fonte]Swissquote é a patrocinadora oficial do club de fútbol británico Manchester United desde o 26 de xaneiro de 2015. O obxectivo deste patrocinio global é a promoción dos servizos do grupo bancario a un público máis amplo, tendo en conta que o club ten máis de 650 millóns de seareiros por todo o mundo.[7]
Dentro de Suíza, Swissquote ten unha asociación con PostFinance segundo a cal o banco pasou a ser a plataforma de comercio para os clientes de PostFinance en 2016. Tamén colabora co banco cantonal de Bâle-Campagne en todo o relativo ás hipotecas en liña.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Swissquote Group Holding Ltd". En SIX Swiss Exchange. (En francés)
- ↑ "Les nouvelles technologies financières vont révolutionner la banque de demain. Swissquote est aux avant-postes". En 24Heures.ch. 4 de marzo de 2015. (En francés)
- ↑ "Les placements de Marc Bürki : CEO de Swissquote Arquivado 05 de outubro de 2017 en Wayback Machine.". En Bilan.ch. 4 de xullo de 2011. (En francés)
- ↑ "Swissquote avale MIG Bank". En 24Heures.ch. 25 de setembro de 2013. (En francés)
- ↑ "BNS: Swissquote constitue une provision de 25 millions de francs Arquivado 05 de outubro de 2017 en Wayback Machine.". En Bilan.ch. 16 de xaneiro de 2015. (En francés)
- ↑ "Group Structure and Shareholders". Na páxina web oficial de Swissquote. (En inglés)
- ↑ Comunicado de prensa de Swissquote: anuncio do patrocinio do Manchester United. 26 de xaneiro de 2015. (En francés)
- ↑ "Misez sur des partenaires fiables". Na páxina web oficial de Swissquote. (En francés)