Saltar ao contido

Tartaraña das xunqueiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Tartaraña arpella»)
Tartaraña das xunqueiras

Adulto macho (fronte), mozo (detrás) e femia adulta (fondo)
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Subclase: Neornithes
Infraclase: Neognathae
Superorde: Neoaves
Orde: Falconiformes
Familia: Accipitridae
Xénero: Circus
Especie: C. aeruginosus
Nome binomial
'Circus aeruginosus'
(Linnaeus, 1758)
Verde escuro: todo o ano Verde claro: cría Azuk: inverno
Verde escuro: todo o ano
Verde claro: cría
Azuk: inverno

Verde escuro: todo o ano
Verde claro: cría
Azuk: inverno

A tartaraña das xunqueiras[2] ou tartaraña arpella[3] (Circus aeruginosus) é unha ave de rapina da familia Accipitridae, relacionada coa tartaraña cincenta e a gatafornela.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Teñen case o tamaño dun miñato, pero son sensiblemente máis delgadas e de ás máis estreitas. Miden de 48 a 62 cm de lonxitude, cunha envergadura de ás de ata 130 cm. As femias pesan uns 740 g de media fronte ós 540 g dos machos. As femias son algo meirandes e maioritariamente castañas escuras, coa cabeza amarela clara. Os machos son de cor castaña ferruxenta coa rexión central das ás gris prateada e as puntas das ás negras: teñen a cola longa e gris e a cabeza gris clara cun debuxo de liñas escuras. A tartaraña das xunqueiras e máis forte que outras especies de tartaraña.

Os berros da tartaraña das xunqueiras escóitanse exclusivamente preto da zona de cría, en especial cando acaban de regresar da viaxe migratoria. Serven sobre todo para marca-lo territorio e para as cerimonias de cortexo.

Sistemática

[editar | editar a fonte]

Ata recentemente a tartaraña das xunqueiras incluía diversas subespecies que na actualidade son usualmente consideradas especies separadas:

  • C. spilonotus (ou tartaraña das xunqueiras do leste) cría nas zonas de praderías e húmidas do sur de Siberia, norte de Mongolia, nordeste da China, Manchuria e o Xapón, e pasa a estación fría no sueste de Asia, Filipinas e norte de Borneo. É unha especie habitual nos campos de arroz.
  • C. spilonotus spilothorax ou C. spilothorax, a tartaraña das xunqueiras de Papúa, vive en Nova Guinea e illas adxacentes.
  • C. approximans', duns 50 a 58 cm, algo meirande e, en xeral, algo máis escura que C. spilonotus e coas alas e cola menos barradas. Encóntrase en hábitats axeitados de Australasia, en especial en zonas con alto índice de precipitacións do leste, sueste e suroeste de Australia e Nova Zelandia, pero tamén no norte tropical de Australia e en Nova Caledonia, Vanuatu, Fidxi, Tonga e as illas da Sociedade. Coñecida por tartaraña das xunqueiras de Australasia ou tartaraña do Pacífico.
  • C. maillardi vive en Madagascar, Reunión e as Comores. E é por veces dividida en dúas especies: a tartaraña das xunqueiras de Madagascar (Circus macrosceles) e a tartaraña das xunqueiras da Reunión (C. maillardi).
  • C. ranivorus, é unha especie sedentaria semellante á tartaraña das xunqueiras propia do sur e leste de África, que nunca foi considerada subespecie de C. aeruginosus.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Están presentes como reprodutoras no norte de África, Europa (agás as illas Británicas), Asia (dende a Asia menor ata Sakhalin e Corea) e en Nova Guinea, Reunión, Madagascar e as Comores. Os puntos de máis concentración das súas poboacións están nas terras baixas de Rusia e norte e centro de Europa.

Pasan o inverno en África, aínda que algúns exemplares poden pasa-lo inverno en España e Francia.

Son aves propias de zonas húmidas con canavais e xuncos.

Conduta migratoria

[editar | editar a fonte]

Fan os voos migratorios de xeito individual. Os exemplares occidentais voan dende finais de agosto ata mediados de outubro sobre Francia, España, Xibraltar e ó longo da costa oeste do Atlántico ata os cuarteis de inverno. O regreso comeza entre mediados de marzo e primeiros de abril.

Femia ou exemplar inmaturo de tartaraña das xunqueiras.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

A súa estratexia de caza consiste en aparecer por sorpresa cabo das presas despois dun voo baixo mantendo as ás en xeito de V. Adoitan capturar as presas no chan, máis raramente na auga ou no aire. Coma as outras especies de tartaraña son ladroas de niños que comen tanto os polos como os ovos. Entre o 70 e o 80% da súa dieta está composta de aves acuáticas case sempre novas, coma patos ou galiñolas, pero en caso de abundancia de ratos de campo, estes poden ser a súa fonte de alimentación principal. Capturan tamén outros mamíferos pequenos, peixes, ras, lagartos e insectos grandes.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Circus aeruginosus

A partir de marzo ou abril os machos comezan os seus espectaculares voos de exhibición, que inclúen ataques finxidos á femia, picados e desprazamentos laterais bruscos, e que teñen como obxectivo crear unha relación de parella.

Fan os niños nas xunqueiras ou no canaval mesto sobre da auga, ou entre plantas propias de zonas húmidas directamente no chan. Crían ás veces en campos de cereais e, moi raramente, en prados.

Poñen entre 3 e 7 ovos, que chocan as femias entre 31 e 36 días. Os polos pasan uns 40 días no niño. Os machos ocúpanse da alimentación da femia durante a incubación e de fornecer con comida ós polos. A entrega de comida faise en voo ou no chan. Unha parella reprodutora precisa entre 800 e 2000 hectáreas de territorio de caza.

Vista inferior dun macho de tartaraña das xunqueiras

Situación

[editar | editar a fonte]

A persecución da que foron obxecto as tartarañas das xunqueiras (coma outras rapaces) dende finais do século XIX, sumada a desaparición de boa parte das súas áreas de cría, provocaron unha redución drástica das súas poboacións. As campañas de protección e a prohibición do uso do DDT favoreceron a súa recuperación nalgunhas rexións europeas, coma Alemaña. A especie está ameazada sobre todo pola drenaxe e urbanización de zonas húmidas e polas molestias causadas as parellas reprodutoras. É unha das aves protexidas polas normativas da Unión Europea

Nomes vulgares noutras linguas

[editar | editar a fonte]
  • Alemán: Rohrweihe
  • Catalán: Arpellot de marjal
  • Danés: Rørhøg
  • Español: Aguilucho lagunero
  • Euskara: Zingira-mirotz
  • Francés: Busard des roseaux
  • Inglés: Marsh harrier
  • Italiano: Falco di palude
  • Neerlandés: Bruine kiekendief
  • Portugués: Tartaranhão-ruivo-dos-pauis, Águia-sapeira
  • Ruso: Bolotny lun’ (Болотный лунь)
  • Sueco: Brun kärrhök
  1. BirdLife International (2013). "Circus aeruginosus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Conde Teira, Miguel Ángel (1999). Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada. Chioglossa. 
  3. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar. Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Walter Bednarekt; Greifvögel - Biologie, Ökologie, Bstimmen, Schützen, Landbuch-Verlag, Hannover, 1996, ISBN 3-7842-0537-2
  • Einhard Bezzel: Vögel, BLV Verlagsgesellschaft, München, 1996, ISBN 3-405-14736-0
  • Roger Clarke (1995) The Marsh Harrier, Hamlyn, Londres.
  • James Ferguson-Lees (2001) Raptors of the World, Christopher Helm.
  • Benny Génsbol, Walther Thiede: Greifvögel - Alle europäischen Arten, Bestimmungsmerkmale, Flugbilder, Biologie, Verbreitung, Gefährdung, Bestandsentwicklung, BLV Verlag München, 1997, ISBN 3-405-14386-1
  • Theodor Mebs: Greifvögel Europas - Biologie - Bestandsverhältnisse - Bestandsgefährdung Franckh-Kosmos Verlag Stuttgart 2002, ISBN 3-440-06838-2