Teoría da autodeterminación
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2020.) |
A teoría da autodeterminación (Self-Determination Theory, SDT) é unha teoría psicolóxica desenvolvida por Edward L. Deci e Richard M. Ryan, psicólogos e profesores da Universidade de Rochester. En particular, a SDT pretende dilucidar as orixes da motivación nos individuos. Por tanto, a teoría ten interesantes aplicacións en eidos como a educación, a psicoterapia, ou o mundo laboral e empresarial. As investigacións que conduciron á elaboración da SDT comezaron nos anos setenta. Con todo non foi até os anos noventa que a teoría se popularizou e adquiriu o consenso da comunidade científica.
A teoría aséntase baixo a idea de que todas as persoas deben satisfacer tres necesidades básicas: o apego, a percepción da propia destreza e a experiencia de autonomía. Estas tres necesidades persisten durante toda a vida e son universais, se ben o modo en que se expresan e vivencian pode variar dunha a outra cultura, dun momento da vida a outro.
Teoría básica
[editar | editar a fonte]A SDT entende que motivación intrínseca está presente de maneira innata nos bebés. Emporiso depende sobre todo do contexto social que se manteña no tempo. Así, considera que as persoas “poden ser proactivas e comprometidas ou, alternativamente, pasivas e alienadas, en boa medida como resultado das condicións en que se desenvolven[1]”.
A motivación pode ser extrínseca ou intrínseca. No primeiro caso, as persoas actúan movidas pola coerción externa. No segundo actúan por compromiso persoal. Segundo a SDT, os individuos que actúan por motivación intrínseca mostran máis “interese, entusiasmo e confianza en si mesmos”, que aqueles que actúan por motivación extrínseca.
A motivación intrínseca permite que as persoas despreguen “a súa tendencia inherente a procurar novidades e retos, a ampliar e exercitar as propias capacidades, a explorar e aprender”. Os autores recalcan que as persoas mostrarán motivación intrínseca unicamente cara “actividades novidosas, retadoras ou con valor estético”. Con todo, admiten que boa parte das tarefas, en especial aquelas ás que se enfrontan as persoas a medida que se fan adultas, requiren de motivación extrínseca.
A motivación extrínseca refírese a aqueles comportamentos dos que deriva un resultado separado, materializado, por exemplo, nun premio ou nun castigo. A Teoría da Integración Orgánica proba que certas condutas realizadas baixo motivación extrínseca poden ter efectos semellantes a aqueles da motivación intrínseca. Os estudos mostran que a satisfacción das necesidades básicas antes indicadas son a condición para a internalización dunha conduta.
Subteorías
[editar | editar a fonte]A SDT aséntase sobre varias subteorías, entre elas a Teoría da Avaliación Cognitiva (Cognitive Evaluation Theory, CET) e a Teoría da Integración Orgánica (Organismic Integration Theory, OIT).
Teoría da Avaliación Cognitiva (CET)
[editar | editar a fonte]A CET distingue tres necesidades psicolóxicas básicas: a competencia ou destreza (competence), a autonomía (autonomy) e o apego (relatedness). Todas as respostas que debiliten nunha persoa o sentimento de destreza farán decrecer a motivación intrínseca para a súa realización. Do mesmo xeito, as respostas que aumenten o sentimento de destreza intensificarán a motivación intrínseca sempre que vaian acompañadas dunha percepción de autonomía. É dicir, ademais de experimentaren a súa destreza, os individuos deben “vivenciar o seu comportamento como autodeterminado”. O apego –á familia, ao profesorado– favorece tamén a motivación intrínseca.
Neste sentido a CET considera que toda recompensa tanxíbel fai decrecer a motivación intrínseca. Así mesmo “as ameazas, os prazos de entrega, as ordes, as avaliacións forzosas e as metas impostas” son prexudiciais para a motivación intrínseca.
Teoría da Integración Orgánica (OIT)
[editar | editar a fonte]Segundo esa teoría os individuos carecen de motivación cando se ven incompetentes para realizar unha tarefa, non teñen interese no seu resultado ou, simplemente, non a valoran.
No chanzo inferior da motivación extrínseca están os individuos que actúan baixo regulación externa, é dicir, movidos unicamente pola influencia de castigos ou recompensas. Estas persoas en absoluto interiorizan o comportamento.
Nun grao un chisco máis alto de motivación estarían aqueles individuos que actúan baixo regulación introxectada (introjected). O individuo adquire a regulación esixida, sen aceptala plenamente como propia. Neste estadio, os individuos actúan baixo sentimentos de angustia, fachenda, orgullo propio…
Os individuos que asumen a regulación por identificación –regulación identificada– asumen o comportamento como propio en certa medida. Por último a regulación integrada sería o estadio máis alto dentro da motivación extrínseca: estes individuos interiorizan plenamente o comportamento, após atopalo de acordo ao seu sistema de valores. En realidade, o único que separa este tipo de motivación daquela intrínseca é o feito de estar orientada cara a un resultado concreto.
A internalización de condutas aumenta ao paso das capacidades cognitivas e o desenvolvemento do ego, permitindo que os individuos experimenten cada vez maior autonomía. Os efectos positivos da internalización son múltiples: maior eficiencia condutual (behavioral effectiveness), maior persistencia da vontade, aumento do benestar subxectivo ou mellor integración do individuo no seu grupo social.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ryan, Richard M.; Deci, Edward L. (Xaneiro, 2000). "Self-Determination Theory and the Facilitation of Intrinsic Motivation, Social Development, and Well-Being". American Psychologist 55 (I): 68. doi:10.1037/0003-066X.55.1.68.