Teoría da carga perceptiva
A teoría da carga perceptiva é unha teoría psicolóxica da atención. Esta teoría foi presentada pola neurocientífica Nilli Lavie a mediados dos 90, como unha posible solución do debate da selección temperá-tardía.[1][2]
Este debate refírese ao "problema do cóctel": como seleccionan as persoas nun cóctel a conversa que están escoitando e ignoran as outras? Os modelos de atención propostos antes da teoría de Lavie diferían nas súas propostas para o punto do fluxo de procesamento da información onde se produce a selección da información obxectivo, o que levou a un acalorado debate[3] sobre se a selección se produce "cedo" ou "tarde". Tamén houbo discusións sobre en que grao se procesan os estímulos que distraen.
Historia
[editar | editar a fonte]A investigación moderna sobre a atención comezou cando Colin Cherry artellou o "problema do cóctel" en 1953: nun cóctel, como seleccionan as persoas a conversa que están escoitando e ignoran o resto?[4] Cherry realizou experimentos nos que os suxeitos empregaban uns auriculares para escoitar dúas correntes de palabras en diferentes oídos e atender selectivamente a unha; entón preguntaríaselles polo contido do outro fluxo. Estes experimentos demostraron que os suxeitos captan moi pouca información proporcionada no fluxo no que non se centran.[4]
Donald Broadbent empregou os resultados deste tipo de experimentos para desenvolver o seu modelo de filtro de atención, que suxire que os humanos procesan información cunha capacidade limitada e, polo tanto, a información debe ser seleccionada por un filtro sensorial pouco despois de ser recibida. Toda a información do filtro que non se atenda directamente decaerá. En contraste, J. Anthony Deutsch e Diana Deutsch argumentaron que este filtrado[5] de estímulos irrelevantes ocorre nas últimas fases do procesamento: toda a información é procesada a nivel sensorial, pero o contido semántico da mensaxe no oído desatendido non pode acceder á conciencia.
Proposta de teoría da carga perceptiva
[editar | editar a fonte]Lavie intentou resolver o debate de selección precoz/tardía argumentando que tanto a selección precoz como a tardía ocorren dependendo do estímulo presentado.[1][2] Ela introduciu o concepto de carga perceptiva, referíndose á complexidade dos estímulos físicos, particularmente os estímulos que distraen. Por exemplo, buscar un cadrado solitario nunha escena entre os círculos circundantes implica unha carga perceptiva relativamente baixa; mentres que un cadrado rodeado de moitas formas diferentes requiriría unha maior carga perceptiva para localizalo.
Suposicións clave
[editar | editar a fonte]A teoría da carga perceptiva fai tres supostos principais:
- Os recursos de atención teñen capacidade limitada.
- Os estímulos relevantes para a tarefa son procesados antes que os estímulos irrelevantes para a tarefa.
- Deben empregarse todos os recursos de atención.
Así, se o estímulo relevante para a tarefa emprega todos os recursos de atención, ningún dos estímulos irrelevantes para a tarefa (distraccións) será procesado. Nas tarefas de alta carga os recursos de atención do obxectivo esgótanse máis rápido que nunha tarefa de baixa carga. Polo tanto, o obxectivo seleccionarase antes e as distraccións filtraranse rapidamente. Nunha tarefa de baixa carga, procesaranse máis distraccións porque non se esgotaron os recursos de atención e o paso de filtrado producirase máis tarde. Nunha situación de baixa carga percibiranse gran cantidade das distraccións, podendo provocar interferencias.[6][7][8][9]
Neste modelo, a selección prodúcese tanto nas primeiras fases do procesamento (condición de alta carga) como nas últimas (condición de baixa carga).
Crítica
[editar | editar a fonte]Prominencia das distraccións
[editar | editar a fonte]Unha teoría alternativa proposta para explicar os resultados de Lavie é a prominencia da distracción.[10] Esta teoría argumenta que a importancia, ou prominencia, dunha distracción é o principal factor para causar distracción, máis que a carga global.
Foco da atención
[editar | editar a fonte]Unha segunda explicación alternativa para os resultados de Lavie é o foco da atención, que suxire que a diferenza aparente entre as condicións de carga alta e baixa non se debe á carga global, senón ao grao de localización do campo de atención do participante.[11][12][13] A teoría do foco da atención propón que os participantes poden procesar distraccións que están dentro do seu foco de atención. Cando un individuo é inducido a ter un pequeno foco de atención e as distraccións quedan fóra do foco, vese un procesamento mínimo dos distraccións e interferencias.[14] Un maior foco de atención que inclúa distraccións leva a un maior nivel de interferencia.
Localización versus eficiencia
[editar | editar a fonte]O supervisor de doutoramento de Lavie, Yehoshua Tsal, o autor principal do artigo orixinal,[1] publicou unha revisión crítica da teoría da carga perceptiva en 2013 xunto con Hanna Benoni.[15] A revisión argumenta que a teoría da carga perceptiva foi interpretada erroneamente como unha solución híbrida para o debate de selección precoz versus selección tardía, e que, en cambio, é un modelo de selección precoz: a selección ocorre porque a atención é necesaria para o procesamento semántico e a diferenza entre as condicións alta carga e baixa carga é o resultado do feito de que a selección é eficiente en condicións de alta carga pero ineficiente en condicións de baixa carga.
Benoni e Tsal argumentan que a teoría da carga perceptiva merece recoñecemento non por propoñer un modelo híbrido de atención, senón por cambiar o foco do lugar da selección á cuestión máis importante da eficiencia da selección.
Benoni e Tsal tamén argumentan que a natureza da carga perceptiva nunca foi definida con precisión, o que leva á circularidade na caracterización da carga e na análise dos resultados das diferenzas de carga.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Lavie, Nilli; Tsal, Yehoshua (1994). "Perceptual load as a major determinant of the locus of selection in visual attention" [A carga perceptiva como un determinante importante do lugar de selección na atención visual] (PDF). Perception & Psychophysics (en inglés) 56 (2): 183–197. doi:10.3758/bf03213897. Consultado o 6 de decembro de 2018.[Ligazón morta]
- ↑ 2,0 2,1 Lavie, Nilli (1995). "Perceptual load as a necessary condition for selective attention" [A carga perceptiva como condición necesaria para a atención selectiva] (PDF). Journal of Experimental Psychology (en inglés) 21 (3): 451–468. doi:10.1037/0096-1523.21.3.451. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 9 de febreiro de 2018. Consultado o 2 de xuño de 2017.
- ↑ Theeuwer, Jan; Kramer, Arthur F.; Belopolsky, Artem (2004). "Attentional set interacts with perceptual load in visual search" [O conxunto da atención interactúa coa carga perceptiva na busca visual]. Psychonomic Bulletin & Review (en inglés) 11 (4): 697–702. ISSN 1069-9384. PMID 15581120. doi:10.3758/BF03196622. Consultado o free.
- ↑ 4,0 4,1 Goldstein, E. Bruce (2008). Cognitive psychology: connecting mind, research, and everyday experience [Cognitive psychology : connecting mind, research, and everyday experience] (en inglés) (2ª ed.). Australia: Thomson Wadsworth. pp. 14. ISBN 9780495095576. OCLC 183623510.
- ↑ Deutsch, J. A.; Deutsch, D. (Xaneiro 1963). "Attention: some theoretical considerations" [Atención: algunhas consideración teóricas]. Psychological Review (en inglés) 70 (1): 80–90. PMID 14027390. doi:10.1037/h0039515.
- ↑ Cartwright-finch, Ula; Lavie, Nilli (2007). "The role of perceptual load in inattentional blindness" [O rol da carga perceptiva na cegueira por falta de atención]. Cognition (en inglés) 102 (3): 321–340. PMID 16480973. doi:10.1016/j.cognition.2006.01.002.
- ↑ Lavie, Nilli; Hirst, A.; de Fockhert, J. W.; Viding, E. (2004). "Load theory of selective attention and cognitive control" [Teoría da carga de atención selectiva e control cognitivo]. Journal of Experimental Psychology (en inglés) 133 (3): 339–354. PMID 15355143. doi:10.1037/0096-3445.133.3.339.
- ↑ Lavie, Nilli (Febreiro 2005). "Distracted and confused?: Selective attention under load" [Distraído e confundido?: Atención selectiva baixo presión]. Trends in Cognitive Sciences (en inglés) 9 (2): 75–82. PMID 15668100. doi:10.1016/j.tics.2004.12.004.
- ↑ Rees, G.; Frith, C. D.; Lavie, Nilli (Novembro 1997). "Modulating irrelevant motion perception by varying attentional load in an unrelated task" [Modular a percepción de movementos irrelevantes por variar a carga de atención nunha tarefa non relacionada]. Science (en inglés) 278 (5343): 1616–1619. PMID 9374459. doi:10.1126/science.278.5343.1616.
- ↑ Eltiti, Stacy; Wallace, Denise; Fox, Elaine (2005). "Selective target processing: Perceptual load or distractor salience?" [Procesamento selectivo de obxectivos: carga perceptiva ou prominencia das distraccións?]. Perception and Psychophysics (en inglés) 67 (5): 876–885. PMID 16334059. doi:10.3758/bf03193540. Consultado o free.
- ↑ Murray, Janice E.; Jones, Craig (2010). "Attention to local form information can prevent access to semantic information". The Quarterly Journal of Experimental Psychology (en inglés) 55 (2): 609–625. PMID 12047062. doi:10.1080/02724980143000370.
- ↑ Chen, Zhe; Cave, Kyle R. (Xuño 2013). "Perceptual load vs. dilution: the roles of attentional focus, stimulus category, and target predictability" [Carga perceptiva vs. dilución: os roles do foco de atención, categoría de estímulo e previsibilidade do obxectivo]. Frontiers in Psychology (en inglés) 4: 327. PMC 3675768. PMID 23761777. doi:10.3389/fpsyg.2013.00327.
- ↑ Chen, Zhe; Cave, Kyle R. (2016). "Identifying Visual Targets Amongst Interfering Distractors: Sorting Out the Roles of Perceptual Load, Dilution, and Attentional Zoom" [Identificación de obxectivos visuais entre as distraccións que interfiren: clasificando os papeis da carga perceptiva, a dilución e o foco de atención] (PDF). Attention, Perception, & Psychophysics (en inglés) 78 (7): 1822–38. PMID 27250363. doi:10.3758/s13414-016-1149-9.
- ↑ Eriksen, Charles W.; St James, J. D. (1986). "Visual attention within and around the field of focal attention: A zoom lens model" [Atención visual dentro e ao redor do campo de atención focal: un modelo de lente de enfoque]. Perception and Psychophysics (en inglés) 40 (4): 225–40. PMID 3786090. doi:10.3758/BF03211502. Consultado o free.
- ↑ Benoni, H.; Tsal, Y. (2013). "Conceptual and methodological concerns in the theory of perceptual load" [As preocupacións conceptuais e metodolóxicas na teoría da carga perceptual]. Frontiers in Psychology (en inglés) 4. PMC 3741554. PMID 23964262. doi:10.3389/fpsyg.2013.00522.