Tesouro de Hallaton
Tesouro de Hallaton | |
---|---|
· Período ou culuta: Idade de Ferro
· Descubridor: Ken Wallace. · Lugar do achado: Hallaton, Leicestershire, Inglaterra · Data do achado: 19 de novembro de 2000. · Composición: >5.000 moedas, un casco, xoias etc. · Conservación: Museo de Harborough. |
O tesouro de Hallaton é o maior achado de moedas británicas da Idade de Ferro, descuberto en 2000 preto de Hallaton, no sueste de Leicestershire, Inglaterra, por voluntarios do Hallaton Fieldwork Group. O achado inicial realizouno Ken Wallace o 19 de novembro de 2000, cando atopou unhas 130 moedas cun detector de metais.[1]
Xunto con arqueólogos da comunidade local, os Servizos Arqueolóxicos da Universidade de Leicester (ULAS) iniciaron o que resultou ser unha das escavacións e proxectos de arqueoloxía comunitaria da Idade de Ferro máis importantes de Gran Bretaña.[2]
Contido e interpretación
[editar | editar a fonte]O tesouro incluía máis de 5.000 moedas de prata e ouro, e tamén un casco de desfile romano de prata dourada, xoias e outros obxectos. A maioría dos obxectos datan aproximadamente da época da conquista romana de Gran Bretaña no século I d.C. Das moedas deste depósito, 4.835 poden atribuírse á tribo celta local, os Coritanos. Este achado duplica amplamente a cantidade total de moedas coritanas xa rexistradas.[3] Unha moeda romana de prata do tesouro foi datada polos museos locais no ano 211 a.C., e é a moeda romana máis antiga achada en Gran Bretaña.[4][5]
No entanto, algúns arqueólogos especularon coa posibilidade de que chegase a Gran Bretaña antes da conquista romana en 43 d.C., e con que sexa unha proba de intercambio a través do comercio ou a diplomacia.[6] O sitio do tesouro resultou ser un lugar ritual de importancia internacional que se remonta xa ás xeracións anteriores e posteriores á conquista romana. Os arqueólogos cren que se trata dun tipo de santuario ao aire libre, o primeiro deste tipo descuberto no Reino Unido. Estaba situado no cumio dun outeiro do val de Welland e probablemente estivese rodeado por un foxo e un cercado.[6]
Segundo o profesor David Mattingly, arqueólogo da Universidade de Leicester:[6]
“ | Este tesouro cambiou a nosa visión do importantes que foron as Midlands Orientais neste período, e esta moeda é un bo exemplo. Indica que houbo contacto entre esta rexión e o Imperio Romano malia a distancia entre as Midlands Orientais e as partes de Gran Bretaña ás que chegaron os romanos, como Colchester e Chichester. | ” |
As moedas e o resto dos obxectos deste tesouro expóñense no Museo de Harborough. O casco romano de Hallaton someteuse a nove anos de conservación no Museo Británico e a partir de 2012 pasou a exporse tamén no Museo de Harborough.[7]
En xaneiro de 2011 anunciouse que o esqueleto dun can, que se cre que foi sacrificado nun ritual para custodiar o tesouro, tamén se exporía no Museo de Harborough.[8][9]
En 2012 achouse ademais un anel de prata coa inscrición «TOT» na zona en que se descubriu o Tesouro de Hallaton. Crese que a inscrición pode facer referencia ao deus celta Teutates, correspondente ao deus romano Marte, a quen Adam Daubney, experto neste tipo de aneis, suxire que podería térselle rendido culto en Hallaton. O Consello do Condado de Leicestershire adquiriu o anel para o expor igualmente no Museo de Harborough.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Coin hoard declared treasure". En BBC News. 8 de abril de 2003.
- ↑ "The Hallaton Treasure: evidence of a new kind of shrine?", Current Archaeology, 30 de setembro de 2009.
- ↑ "Helen and the Hallaton Treasure". Leicestershire County Council (Leicestershire.gov.uk)
- ↑ "The oldest Roman coin ever found in Britain". Thehistoryblog.com
- ↑ "Oldest Roman Coin in Britain Found in Hoard". National Heritage Memorial Fund (Heritagefund.org.uk).
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "Roman coin is the oldest found in Britain". En BBC News. 29 de xaneiro de 2010.
- ↑ "The Hallaton Treasure". HarboroughMuseum.org.uk
- ↑ Healy, T. (2011). "Loyal dog still guarding coins after 2,000 years". En Thisisleicestershire.co.uk
- ↑ "Dog(s) Guarded Treasure Hoard". Goddesschess.blogspot.com
- ↑ "Rare silver ring unearthed near site of Hallaton hoard". Thisisleicestershire.co.uk. 7 de agosto de 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Haselgrove, C. (2014). "The Iron Age open-air ritual site at Hallaton, Leicestershire : some wider implications". En Gosden, C. et al. (eds.). Celtic Art in Europe: making Connections. Oxbow Books, Oxford. Páxinas 304-340. ISBN 978-1782976554