Saltar ao contido

Tesouro de Shaikhan Dehri

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tesouro de Shaikhan Dehri

Moeda ateniense (ca. 500/490-485 a.C.) parte do tesouro. É o exemplo máis antigo coñecido do seu tipo achado no leste do país.[1]
Tipo Moedas aqueménidas e gregas
Cultura Imperios aqueménida e grego
Características
Materiais Prata
Descuberta
Localización Charsadda, Paquistán
34°10′4.8″N 71°44′9.6″L / 34.168000, -71.736000
Data 2007

O tesouro de Shaikhan Dehri é un pequeno conxunto de moedas de prata e obxectos afíns descuberto en 2007 no sitio arqueolóxico da antiga cidade india de Pushkalavati, nas proximidades de Charsadda, no actual Paquistán.[2]

Contido do achado

[editar | editar a fonte]

O tesouro pesaba 14 quilogramos e contiña tanto barriñas dobradas de prata como moedas redondas "de novo tipo". O tesouro sitúase no contexto da conquista aqueménida do val do Indo, e tamén pode relacionarse con outro famoso tesouro da rexión, o tesouro de Chaman-e-Hozori, en Cabul.[2]

Entre o seu contido é de salientar un tetradracma cuñado en Atenas cara a 500/490-485 a.C., ou posiblemente xa en 520 a.C., xunto con varios tipos locais e discos de prata fundida.[2] A moeda de Atenas é o primeiro exemplo coñecido do seu tipo descuberto nunha zona tan oriental.[1] Ademais desta, hai tamén moedas redondas punzonadas, cuxas marcas consisten en motivos xeométricos formados por un círculo central e liñas arredor.[2]

Barriñas curvadas

[editar | editar a fonte]

Pola súa banda, as barras curvadas e punzonadas achadas son similares ás presentes no tesouro de Cabul, e o investigador numismático Osmund Bopearachchi atribúeas aos Paropamisadae. Son de peso estándar aqueménida, equivalentes a 1 siclo (5,5 g) ou a 2 siclos (11 g), e miden entre 25 mm e 30 mm de lonxitude. Son diferentes das barras dobradas e con marcas de punzón achadas en Taxila, estas dunha lonxitude claramente superior (35 e 55 mm).[2]

Discos sen cuñar e lingotes

[editar | editar a fonte]

Ademais das moedas e as barriñas curvadas, no tesouro había tamén discos de prata sen cuñar, así como lingotes de prata duns 400 g cada un utilizados para a fabricación de moedas, o que correspondería á produción mediante fundición de arredor de 72 siclos aqueménidas. Demostrouse que a composición destes lingotes é estritamente igual á da moeda local —e diferente da composición dos siclos reais aqueménidas estándar—, o que demostra que xa no século V a.C. se fabricaban moedas en Pushkalavati, e que as técnicas metalúrxicas de cuñaxe de moedas xa estaban dispoñibles nas satrapías indias do Imperio Aqueménida naquela época, moito antes da chegada de Alexandre o Grande.[2]

  1. 1,0 1,1 "A Truly International Currency". Classical Numismatic Group (CNGcoins.org).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Bopearachchi, O. (2017). Páxinas 17-21.
  3. "Achaemenid Period Ingot". Classical Numismatic Group (CNGcoins.org).
  4. "Central Asian. Ancient India. Lot of six (6) AR denominations". Classical Numismatic Group (CNGcoins.org).
  5. "Extremely Rare Early Silver from the Kabul Valley". Classical Numismatic Group (CNGcoins.org).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]