Saltar ao contido

Tesouro de West Bagborough

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tesouro de West Bagborough

Tipo 681 moedas romanas
Data c. 367
Cultura Roma Antiga
Características
Materiais Prata
Descuberta
Localización West Bagborough, Somerset, Reino Unido Reino Unido
Coordenadas 51°5′24″N 3°10′48″O / 51.09000, -3.18000
Descubridor/a James Hawkesworth
Data 10 de outubro de 2001
Conservación
Localización Museo de Somerset

O tesouro de West Bagborough é un conxunto de 681 moedas romanas e 72 fragmentos do mesmo metal, de mediados do século IV d. C., achado en outubro de 2001 preto de West Bagborough, en Somerset, Inglaterra.

Este depósito foi descuberto o 10 de outubro de 2001[1] por James Hawkesworth, un policía da localidade de Bishops Lydeard afeccionado ás procuras con detector de metais.[2] Nas proximidades non se apreciaron rastros de edificios nin de ningún outro tipo de estrutura, do que se deduce que o conxunto se depositou nun lugar illado.[3][4]

O achado comunicóuselle inmediatamente ao xuíz de instrución de West Somerset, quen o puxo ao coidado do Museo do Condado de Somerset. Logo da correspondente investigación levada a cabo en Taunton, o conxunto foi declarado formalmente "tesouro" en abril de 2002,[5] consonte a Lei do Tesouro de 1996, e valorouse en 40.650 libras.[4]

O tesouro foi adquirido polos Servizos Museísticos do Condado de Somerset, co apoio financeiro do Consello do Condado de Somerset e do Heritage Lottery Fund.[4] Ademais, outras entidades e particulares fixeon as súas doazóns, entre eles o Victoria and Albert Museum, que achegou 16.400 libras, a través do seu fondo de subvencións para a adquisición de recursos.[6]

Logo da súa adquisición, o tesouro exponse no Museo de Somerset, nos terreos do castelo de Taunton.[7]

Entre as 681 moedas de prata hai dous denarios de principios do século II, e oito miliarenses e 671 siliquas, todas elas do período 337-367 d.C. Entre elas hai arredor de 50 de copias, algunhas integramente de prata de boa lei e outras dunha aliaxe de cobre recuberta por unha lámina de prata.[2][4]

Os fragmentos de prata que acompañaban as moedas deste tesouro pesan en conxunto 722 gramos.[1][8] Trátase de restos de prata fundida, vertida e cortada con cicel, logo de arrefriar.[9]

A datación das moedas indica que o tesouro foi soterrado cara a 365 d. C. A maior parte das moedas foron cuñadas nos períodos de Constancio II (337-361) e Xuliano (361-363), e proceden de diversas cecas imperiais romanas, como as de Arles e Lugdunum, en Francia, Tréveris en Alemaña, e Roma.[4]

Na seguinte táboa reflíctese a distribución por períodos das moedas do achado:[1][8]

Emperador Período Exemplares
Traxano 98-117 1
Marco Aurelio 139-161 1
Século II 2
Dinastía constantiniana 307-363 603
Dinastía valentiniana 364-392 12
(Incerto) 161-180 52

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]