Théophile Rudolphe Studer
Fotografía de Theophil Studer | |
Nome orixinal | (de) Theophil Studer |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 27 de novembro de 1845 Berna |
Morte | 12 de febreiro de 1922 Berna |
Formación profesional | Doutor en Medicina |
Educación | Universidade de Berna Universidade de Leipzig |
Actividade | |
Campo de traballo | Zooloxía |
Lugar de traballo | Illas Kerguelen Berna |
Ocupación | médico, paleontólogo, zoólogo, profesor de universidade |
Empregador | Universidade de Berna |
Lingua | alemán, francés |
Participou en | |
21 de xuño de 1874 | Gazelle expedition (en) |
Obra | |
Abreviatura do autor en zooloxía | Studer |
Familia | |
Cónxuxe | Henriette Kappeler |
Pais | Gottlieb Ludwig Studer e Charlotte Schübler |
Premios | |
Doutor Honoris Causa da Universidade de Lausana (1901) Doutor Honoris Causa da Universidade de Xenebra (1916) | |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Théophil Rudolf Studer (tamén coñecido como Théophile Studer e como Theophil Studer), nado o 27 de novembro de 1845 en Berna, e finado o 12 de febreiro de 1922 na mesma cidade, foi un médico e zoólogo suízo.[1][2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Théophil Studer era fillo dun teólogo protestante bernés, Gottlieb Ludwig Studer, e da súa segunda esposa, de solteira Charlotte Schübler. Ingresou na Facultade de Medicina da Universidade de Berna en 1865 e aprobou o seu exame de Estado en 1870. Despois estudou zooloxía na Universidade de Leipzig. Seu tío Bernhard Studer, o primeiro xeólogo especializado en xeoloxía das montañas, animou os inicios de seu sobriño.[1]
Alistouse como médico militar voluntario durante a guerra franco-prusiana de 1870 nun rexemento de granadeiros do Reino de Saxonia, e formou parte das tropas que ocuparon Francia durante o Segundo Imperio Francés. Logo regresou a Berna para completar os seus estudos, alcanzando o seu doutoramento en Medicina.[1]
Uniuse é Sociedade de Naturalistas Suízos, da que foi presidente en 1896.
En 1872 foi contratado polo Museo de Historia Natural de Berna, do que desde 1878 foi o director das súas coleccións zoolóxicas, cargo que desempeñou até a súa morte.
Entre 1874 e 1876 participou, como convidado, nunha viaxe científica ao redor do mundo a bordo da corveta da Armada Imperial alemá S.M.S. Gazelle.[2] Nesta viaxe navegou até as illas Kerguelen para estudar o tránsito de Venus, permanecendo alí durante varios meses durante os cales Studer estudou a súa fauna. Logo, o barco navegou polos mares do Sur e visitou Oceanía, pasou o cabo de Fornos e navegou polo Atlántico visitando as illas Azores, para regresar a Kiel a finais de abril de 1876.
Dous anos despois do seu regreso, foi nomeado profesor de zooloxía e anatomía comparada na Escola de Medicina Veterinaria de Berna,[2][3] que en 1900 se converteu na Facultade de Veterinaria da Universidade de Berna, na que foi profesor de Zooloxía desde 1879. Nos períodos de 1884-1885 e 1908-1909, foi elixido decano da Facultade, e en 1891-1892, reitor da Universidade.
O doutor Studer estaba particularmente interesado na paleontoloxía e na ornitoloxía; nesta última está a orixe da publicación dun catálogo das aves de Suíza.[4] Tamén fou un apaixonado da cinoloxía e grazas a esta afección, o Museo de Historia Natural de Berna conta con máis de dous mil exemplares disecados de cans.
Studer presidiu o VI Congreso Internacional de Zooloxía que se celebrou en Berna en 1904.
Casou en 1880 con Henriette Kappeler. O matrimonio non tivo descendencia, pero Srtuder encontrou na súa esposa unha colaboradora que o acompañou toda a súa vida.
Algunhas publicacións
[editar | editar a fonte]Con Victor Fatio publicou as tres primeiras achegas do Catalogue des oiseaux de la Suisse (Catálogo das aves de Suíza).[2][4]
Outras obras de Studer inclúen:
- 1882. Übersicht ūber die Ophiuriden welche während der Reise S.M.S. "Gazelle" um die Erde 1874-1876 gesammelt Wurden.
- 1882. Verzeichniss der Crustaceen welche während der Reise S.M.S. "Gazelle" an der Westküste von Afrika, Ascension und dem Cap der guten Hoffnung gesammelt wurden.
- 1884. Verzeichniss der während der Reise S.M.S. Gazelle um die Erde, 1874-1876, gesammelten Asteriden und Euryalideen.
- 1884. Isopoden, gesammelt während der Reise S.M.S. "Gazelle" um die Erde 1874-76.
- 1894. Fauna Helvetica, Schweizerische Zoologische Gesellschaft, Verlag K.J. Wyss.
- 1895. Fauna Helvetica. Oiseaux.
- 1896. Fauna helvetica. Mollusques.
- 1900. Résultats des campagnes scientifiques par Albert Ier, prince de Monaco. Fasc. XX.
- 1901. Die praehistorischen Hunde in ihrer Beziehung zu den gegenwärtig lebenden Rassen, Verlag Zürcher und Furrer, Zürich.
Abreviatura
[editar | editar a fonte]A abreviatura Studer emprégase para recoñecer a Théophile Rudolphe Studer como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Baumann & Bloesch 1922.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Théophile Rudolphe Studer (información biográfica) Arquivado 30 de outubro de 2020 en Wayback Machine. en Cotebleue.org (en francés). Consultada o 21 de agosto de 2020.
- ↑ Library of Congress Name Authority File, Authorities & Vocabularies.
- ↑ 4,0 4,1 Les oiseaux de la Suisse (Catalogue des oiseaux de la Suisse de V. Fatio et Th. Studer).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Baumann, F. & H. Bloesch (1922): Prof. Dr. Theophil Studer (1845–1922). En Verhandlungen der Schweizerischen Naturforschenden Gesellschaft, 103. Jahresversammlung vom 24. bis 27. Agosto 1922, Bern, Kommissionsverlag H. R. Sauerländer & Cie, Aarau, pp. 50–67.