The Postman Always Rings Twice (novela)
The Postman Always Rings Twice | |
---|---|
![]() | |
Título orixinal | The Postman Always Rings Twice |
Autor/a | James M. Cain |
Orixe | Estados Unidos |
Lingua | inglés |
Xénero(s) | Novela criminal |
Editorial | Alfred A. Knopf |
Data de pub. | 1934 |
[ editar datos en Wikidata ] |
The Postman Always Rings Twice é unha novela criminal de James M. Cain publicada en 1934.
A novela acadou grande éxito e sona desde o momento da súa publicación, e está considerada unha das novelas criminais máis importantes do século XX. De acción rápida e de curta duración (entre 100 e 150 páxinas, dependendo da edición), a súa mestura de sexualidade e violencia foi sorprendente no seu tempo, e comportou a súa prohibición en Boston[1].
Foi incluída na lista da Modern Library das 100 mellores novelas[2]. Foi levada ao cine en cinco ocasións, sendo probablemente a versión de 1946 a máis coñecida.
Trama
[editar | editar a fonte]A historia é narrada en primeira persoa por Frank Chambers, un mozo vagabundo que para nun restaurante da California rural para comer, e acaba traballando alí. A cociña é levada por Cora, unha muller nova e fermosa, e mailo seu home, Nick Papadakis, un grego máis vello ca ela.
Hai unha atracción inmediata entre Frank e Cora, e comezan unha relación apaixonada con facetas sadomasoquistas (ao se abrazaren, Cora pídelle a Frank que lle morda o beizo, e faino tan forte que lle fai sangue).
Cora, unha figura de femme fatale, está cansa da súa situación, casada cun home que non ama, e traballando nun restaurante que lle gustaría posuír e mellorar. Frank e Cora acordan asasinar o grego, coa intención de comezar unha nova vida xuntos sen que Cora perda o rastaurante.
Planean golpear a Nick na cabeza e simular que caeu e afogou no baño. Cora golpea a Nick cun golpe sólido, pero debido a que marcha a electricidade e á aparición dun axente de policía preto do restaurante, o plan non sae adiante. Nick recupérase, e por mor dunha amnesia con efectos retroactivos, non sospeita que escapou por pouco de morrer.
Aínda coa determinación de matar a Nick, Frank e Cora repiten o primeiro plano, desta volta nun coche. Nick colle unha chea con viño, e mátano e accidentan o vehículo por un barranco abaixo, resultando feridos Frank e Cora. O fiscal local sospeita o que realmente ocorreu, pero non ten probas suficientes para demostralo. Como unha táctica destinada a que Cora e Frank se acusen o un ao outro, intenta acusar só a Cora do crime. Aínda que eles se acusan o un ao outro, unha intelixente manobra do avogado de Cora impide que a súa confesión completa chegue a mans do procurador. Coa táctica de non ter posibilidade de acadar novas probas para a acusación, Cora finalmente acepta un acordo xudicial favorable ao abeiro do cal logra unha suspensión da pena e non ten que ir a prisión.
Finalmente Frank e Cora arranxan a súa difícil relación xuntos, planeando un futuro xuntos. Porén, Cora morre nun accidente de coche, pouco despois de dicirlle a Frank que está preñada del.
O libro remata cun resumo do que lle pasou despois a Frank, explicando que foi condenado polo asasinato de Cora e que o texto debe ser publicado despois da súa execución.
O título
[editar | editar a fonte]O título é unha especie de non sequitur, pois on hai ningún personaxe ou alusión na novela a un carteiro, e o seu significado foi obxecto de especulación en diversas ocasións. William Marling suxeriu que Cain puido crear o título a partir do caso sensacionalista de 1927 de Ruth Snyder. Snyder era unha muller que, como a Cora, conspiraou co seu amante para asasinar o seu marido. Aínda recoñecendo que Cain utilizara o caso de Snyder como inspiración para a novela de Double Indemnity[3], Marling dixo que o caso tamén foi modelo e mesmo fonte do título. No caso da vida real, Snyder dixo que impedira que o seu home descubrise os cambios que fixera na súa póliza de seguro de vida, dicindo ao carteiro que lle entregase as cotas de pago a ela, dicíndolle que timbrase dúas veces como sinal de que tiña un envío para ela[4].
Non obstante, no prefacio de Double Indemnity Cain deu unha explicación específica e totalmente diferente á orixe do título de The Postman Always Rings twice, escribindo que se debera a unha discusión co guionista Vincent Lawrence. Segundo Cain, Lawrence faloulle da ansiedade que sentía cando agardaba que o carteiro lle entregase un novo manuscrito. Segundo Cain, Lawrence dixo que sabía cando chegaba o carteiro porque sempre timbraba dúas veces, e daquela Cain tomou a frase como título para a súa novela. Logo de seguir discutíndoo, concordaron en que a frase era unha boa metáfora adaptada para a situación de Frank ao final da novela.
Co "carteiro" sendo Deus ou o destino, a entrega significaba para Frank a súa propia morte só como retribución por asasinar a Nick. Frank deixara pasar a primeira "chamada" co asasinato, pero o carteiro tocou de novo, e desta vez a chamada foi oída, cando Frank foi condenado inxustamente por asasinar a Cora, e, a continuación, sentenciado a morte polo crime. O tema dun destino do que non se pode escapar é subliñado na novela pola morte do grego, que malia escapar da morte na primeira tentativa de asasinato dos amantes, non o logrou tralo segundo intento.
Na biografía de Cain escrita por Roy Hooper fálase tamén da conversa entre Cain e Lawrence que deu pé ao título da novela. A versión de Hooper é semellante á de Cain, e amais dá detalles sobre os comentarios de Lawrence. Segundo Hooper, Lawrence non dixo simplemente que o carteiro sempre toca dúas veces, senón que ás veces a situación lle provocaba tal ansiedade que marchaba ao xardín tentando evitar escoitar tocar o carteiro. Porén, continúa Lawrence, esta táctica fallou porque, inevitablemente, aínda que a primeira chamada do carteiro non era percibida, sempre tocaba dúas veces, e, mesmo no xardín, era inevitable oír a segunda chamada[5].
Na adaptación cinematográfica de 1946, Frank explica explicitamente o título segundo a versión que conta Hooper na bigrafía de Cain.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The Postman Always Rings Twice", artigo en www.randomhouse.com (en inglés).
- ↑ "100 Best Novels", en www.randomhouse.com (en inglés).
- ↑ MacKellar, L.: The "Double Indemnity" Murder: Ruth Snyder, Judd Gray & New York's Crime of the Century. Syracuse, 2006. Syracuse University Press. ISBN 0-8156-0824-1 (en inglés).
- ↑ Marling, W.: "Hard-Boiled Fiction"[Ligazón morta], Case Western Reserve University. 2 de agosto de 2001 (en inglés).
- ↑ Hoopes, R.: Cain: The Biography of James M. Cain, New York: Holt, Rinehart and Winston, 1982 ISBN 0-8093-1361-8 (en inglés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "James M. Cain", ensaio de William Marling incluído en Hard Boiled Fiction (en inglés).