Torino FC
Torino | ||||
---|---|---|---|---|
Nome | Torino Football Club SpA | |||
Alcume(s) | Il Toro; Il Granata | |||
Fundación | 1906 (AC Torino) 2005 (Torino FC) | |||
Estadio | Stadio Olimpico, Turín, Italia | |||
Inauguración | 1933 | |||
Capacidade | 28.140 | |||
Presidente | Urbano Cairo | |||
Adestrador | Siniša Mihajlović | |||
Liga | Serie A | |||
2023/24 | 9º | |||
Na rede | ||||
http://www.torinofc.it/ | ||||
| ||||
O Torino Football Club, comunmente chamado Torino ou simplemente Toro, é un club italiano de fútbol da cidade piemontesa de Turín. Foi fundado en 1906 (refundado en 2005) e compite na Serie A.
Historia
[editar | editar a fonte]Fundado en 1906 como Foot-ball Club Torino, o club naceu como resultado da fusión de varios clubs máis antigos, algúns deles fundados en 1887, o cal converte ó Torino no club de fútbol coa herdanza máis antiga de Italia.
O club acadou o seu primeiro Scudetto na tempada 1927-28, non obstante, a época de maior esplendor da entidade foron os anos 40, cando o seu rexistro de títulos e vitorias fixeron que fose considerado o mellor equipo do mundo. Daquela Il grande Torino converteuse no primeiro equipo italiano da historia que gañou 5 ligas seguidas, capitaneado e liderado por Valentino Mazzola, e con outros 9 integrantes da selección italiana. O 4 de maio de 1949, cando o equipo volvía de Lisboa tras xogar un encontro amigable co SL Benfica, o avión que levaba a tódolos xogadores de volta, esnafrouse cun muro da Basílica de Superga, situada nun outeiro próximo á cidade de Turín, morrendo os 31 pasaxeiros no accidente, entre xogadores, directivos e xornalistas.
A pesar de gañar aquela liga un mes despois, o Torino non loitou de novo por máis títulos até a década dos 70, na que o club acadou un novo título de liga e varios subcampionatos. Nos últimos tempos o club pasou por unha crise de resultados que o levou á Serie B durante anos, e sobre todo por unha crise económica que levou a unha refundación do club en agosto de 2005. Actualmente o equipo disputa a Serie B co obxectivo do ascenso.
Con 68 tempadas na Lega Calcio Serie A, constituída como tal en 1929, o Torino FC ocupa a 7ª posición na táboa histórica da liga italiana segundo o número de puntos acadados; por detrás da Juventus FC, do FC Internazionale, do AC Milan, do AS Roma, do ACF Fiorentina e do SS Lazio.
Estadio
[editar | editar a fonte]O Torino FC disputa os seus encontros como local no Stadio Olimpico, máis coñecido como Stadio Comunale, inaugurado en 1933 para acoller varios encontros do Mundial de Fútbol Italia 1934. O Torino FC e o Juventus FC compartiron este estadio durante décadas, até a inauguración do Stadio delle Alpi en 1990, construído por mor do Mundial de Fútbol Italia 1990, e ó cal marcharon os dous clubs turineses. Trala reconstrución do estadio en 2006 para acoller as cerimonias de apertura e peche dos Xogos Olímpicos de Inverno dese ano, ámbolos dous clubs volveron ó seu antigo fogar. En 2011 o Juventus FC marchou ó seu novo estadio, e o Torino FC ficou como único residente do Comunale. Actualmente o recinto conta cunha capacidade para 27.994 seareiros.
Palmarés
[editar | editar a fonte]O palmarés do club é un dos máis salientables do fútbol italiano, con 7 títulos de liga, 5 títulos de copa e 1 título da desaparecida Copa Mitropa.
Títulos nacionais
[editar | editar a fonte]- Scudettos (7) = 1927-28, 1942-43, 1945-46, 1946-47, 1947-48, 1948-49, 1975-76
- Subcampionatos (9) = 1907, 1914-15, 1928-29, 1938-39, 1941-42, 1971-72, 1976-77, 1977-78, 1984-85
- Coppa Italia (5) = 1935-36, 1942-43, 1967-68, 1970-71, 1992-93
- Subcampionatos (8) = 1937-38, 1962-63, 1963-64, 1969-70, 1979-80, 1980-81, 1981-82, 1987-88
Títulos internacionais
[editar | editar a fonte]- Copa Mitropa (1) = 1991
- Subcampión da Copa da UEFA = 1991-92
Xogadores
[editar | editar a fonte]Paolo Pulici é o xogador que máis goles anotou para o club (172 goles) e o segundo que máis encontros disputou defendendo as cores do Torino FC (437 encontros entre 1968 e 1982), só superado por Giorgio Ferrini (566 encontros entre 1959 e 1975). Valentino Mazzola (123 goles entre 1942 e 1949) era o capitán do Grande Torino. Silvio Piola, o máximo goleador histórico da liga italiana e da selección italiana, disputou unha tempada co Torino.
Outros grandes xogadores que vestiron a camisola granata do club foron Denis Law, Cesare Maldini, Álvaro Recoba, Martín Vázquez, Enzo Scifo, Hakan Şükür, Enzo Francescoli, Abedi Pele, Müller etc.
Rivalidades
[editar | editar a fonte]Os seareiros do Torino FC teñen unha boa relación cos seareiros da ACF Fiorentina, e tamén cos do CA River Plate, CA Peñarol, Liverpool FC, Celtic Glasgow, SC Corinthians e West Ham United FC. Por contra, o seu máximo rival histórico é o veciño Juventus FC, aínda que tamén mantén unha forte rivalidade co UC Sampdoria, AS Roma, Atalanta BC, Bologna FC e Hellas Verona entre outros.
Até o ano 2009 o Torino FC e o Genoa CFC mantiñan unha histórica relación de fraternidade que se rachou cun encontro ligueiro que mandou ó Torino á Serie B trala vitoria do Genoa.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Torino FC |