Saltar ao contido

Torque (colar)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Torque (ornamento)»)
Torque de bronce do século -IV procedente de Francia.
O Gálata moribundo, unha estatua romana dun gálata con torque, nos Museos Capitolinos de Roma.

Un torque[1][2] é un colar ríxido semicircular feito de metal dunha soa peza ou de fíos retorcidos entre si. A gran maioría dos torques están abertos na parte dianteira, aínda que algúns teñen pechaduras de gancho e aneis ou teñen caixa e espiga para pechalos. Moitos parecen deseñados para un uso case permanente e debían ser difíciles de quitar.

Descubríronse torques nas culturas escita, iliria,[3] tracia e celta, así como noutras culturas da Idade de Ferro de Europa entre os séculos -VIII a III. Para os celtas da Idade de Ferro, o torque de ouro parece ser un obxecto clave. Identificaba o seu portador, ao parecer xeralmente feminino ata o século -III, e despois de sexo masculino, como unha persoa de alto rango, e moitas das mellores obras da antiga arte celta son ​​torques. Os torques celtas desapareceron no período das invasións bárbaras, mais durante a era viquinga os colares de metal estilo torque, principalmente feitos de prata, volveron estar de moda.[4] Colares semellantes tamén forman parte dos estilos de xoias doutras culturas e períodos.

Terminoloxía e definición[editar | editar a fonte]

Estilo infrecuente de torque de ouro en espiral. Torques de Stirling, en Escocia.

O termo torque provén do latín torquis (ou torques), á súa vez de torqueo, "torcer", pola forma retorcida que teñen moitos dos aneis. Normalmente, os aneis do pescozo que se abren na parte dianteira cando se usan chámanse "torques" e os que se abren na parte traseira "colares". As pulseiras e os brazaletes máis pequenos que se levan ao redor do pulso ou na parte superior do brazo ás veces comparten formas moi semellantes. Os torques facíanse a partir de varillas metálicas simples ou múltiples entrelazadas, ou "cordas" de arame retorcido. A maioría dos que se atoparon están feitos de ouro ou bronce, con menos frecuencia prata, ferro ou outros metais (o ouro, bronce e prata sobreviven mellor ca outros metais cando están enterrados durante longos períodos).

Exemplos elaborados, ás veces ocos, utilizaban unha variedade de técnicas, pero a decoración complexa adoitaba comezar coa fundición e logo traballada con outras técnicas. O tesouro de Ipswich inclúe torques sen rematar que dan unha clara evidencia das etapas do traballo.[5] Os remates dos extremos con forma plana chámanse "amortecedores", e nos tipos de "amortecedor fusionado", onde o que parecen dous remates son en realidad unha soa peza, o elemento chámase "manguito".[6][7]

Europa e Oriente da Idade de Bronce[editar | editar a fonte]

Existen varios tipos de colares e colares ríxidos de ouro, e ás veces de bronce, da Idade de Bronce europea de arredor de -1200, moitos dos cales están clasificados como "torques". Na súa maioría están retorcidos en varias conformacións, incluíndo o tipo "cinta torcida", onde unha fina tira de ouro se retorce nunha espiral. Outros exemplos torcen unha barra cunha sección cadrada ou en X, ou simplemente usan arame redondo; ambos tipos atópanse nos tres exemplares dos séculos XII ou XI a.C. atopados en Tiers Cross, Pembrokeshire, Gales.[8] O tesouro de Milton Keynes contiña dous grandes exemplos de formas redondeadas máis grosas, usadas tamén como pulseiras.[9]

Dous torques de barras retorcidas da Idade de Bronce con remates de cilindro acampanados, como se atopan a miúdo dobrados, xunto cunhas pulseiras, Inglaterra.
A estatua de Shami, que representa un nobre parto, amósao levando un torque.

Os remates non se enfatizan como nos torques típicos da Idade de Ferro, aínda que moitos poden pecharse enganchando os remates simples. Moitos destes "torques" son demasiado pequenos para ser usados ​​no pescozo dun adulto, e foron usados ​​como pulseiras ou brazaletes, ou por nenos e estatuas. Os arqueólogos consideraron difícil datar moitos torques, xa que se cre que os torques foron conservados durante períodos de séculos como herdanza, e outros cren que houbo dous períodos de produción. Diferentes proporcións de prata no ouro doutros obxectos, normalmente ata un 15% na Idade de Bronce pero ata un 20% na Idade de Ferro, poden axudar a decidir a cuestión.[10] Hai varios torques de ouro acampanados cunha sección en forma de C no enorme tesouro do norte de Mooghaun de ouro de finais da Idade de Bronce, entre o -800 e o -700, atopado no condado de Clare en Irlanda.[11]

En Oriente, os torques están presentes na arte escita da Idade de Ferro, e inclúen debuxos decorativos "clasicizadores" sobre estilos do leste. Os torques tamén se atopan na arte traco-cimeria. Atopáronse torques no enterramento de Tovsta Mohyla e na zona de Karagodeuashk kurgan (Kuban), ambos datados no século -IV. Un torque forma parte do tesoro de Pereshchepina que data do século VII. Os torques finos, a miúdo con terminais de cabeza de animais, atópanse na arte do Imperio Aqueménida persa, con algúns outros elementos derivados da arte escita.

Torques celtas[editar | editar a fonte]

Torques celtas en Galicia[editar | editar a fonte]

Ourivería galaica no Museo das Mariñas, colección Rafael Seoane.
  1. Torque de ouro, tipo ásturnorgalaico.
  2. Torque de ouro, tipo nordorientalgalaico.
  3. Torque de prata, Sobrado dos Monxes.
  4. Brazalete de prata, Sobrado dos Monxes.
  5. Brazalete de ouro, Astorga.
  6. Brazalete de prata, Sobrado dos Monxes.
  7. Aros de ouro, castrexos?

Na distribución dos torques de ouro na Europa atlántica, e máis en concreto na Península Ibérica, apréciase unha concentración destacadísima nas actuais Galicia e norte de Portugal. Na Galicia da Idade de Ferro foi un tradicional elemento de distinción social entre os galaicos, presentando gran similitude cos doutras áreas de Europa occidental ou central. Derivan dunha metalurxia moi antiga con importantes mostras xa na idade de Bronce (tesouro de Caldas de Reis). Factores explicativos son a abundancia de ouro e estaño nesta área, os contactos coa Europa atlántica, e a influencia meridional nos granulados e as filigranas. En concreto, nos torques galaicos aprécianse influencias da cultura de Hallstatt e La Tène -sen que isto implique migracións masivas de poboacións para explicar a súa divulgación- que amosan como na Europa atlántica existiu unha circulación artística propia envolvente.

En Galicia a tradicional interpretación do torque como ornato propio das clases dirixentes das sociedades célticas, chegou a poñerse en cuestión por algúns arqueólogos galegos da década dos 90, porén recentes estudos de carácter comparativo dos datos arqueolóxicos, epigráficos e lingüísticos parecen retomar a inicial interpretación de achegamento artístico-étnico entre as comunidades da antiga Gallaecia e da Galia ou Britania entre outras.

No territorio da antiga Gallaecia o número de torques atopados supera o centenar. Os torques galaicos e ástur-occidentais presentan peculiaridades con respecto aos do resto da Península Ibérica;[12] coinciden cos centroeuropeos e británicos nos grandes remates ou topes, así como no emprego de ouro, fronte á prata e máis o bronce común nos torques dos celtiberos, o que se ten interpretado como unha influencia centroeuropea.[13]

Exemplos de importantes torques galaicos son o torque de Burela e os de Xanceda.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para torque.
  2. "torque". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9. 
  3. The Illyrians by J. J. Wilkes, 1992, ISBN 0-631-19807-5, páxina 223, "Illyrian chiefs wore heavy bronze torques"
  4. Jim Cornish, Elementary: Viking Hoards Arquivado 2007-10-14 en Wayback Machine., on the Centre for Distance Learning & Innovation Website
  5. Brailsford, 19
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para manguito.
  7. Example in the British Museum
  8. Art Saved: Three Bronze Age Torcs, on the Art Fund Website
  9. "Treasure Annual Report 2000" (PDF). Department for Culture, Media and Sport. 2001. pp. 13–15; 133. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2012-03-01. Consultado o 2010-07-26. 
  10. Cahill, 120−121
  11. Wallace, 99; Treasures, no. 8. Nos. 4 and 6 are Bronze Age gold spiral ribbon torcs, and No. 10 is an elaborate flat collar. Taylor has full coverage of British gold Bronze Age material.
  12. Prieto Molina, Susana. "Los Torques Castreños Del Noroeste de La Península Ibérica". Consultado o 11 de xuño de 2024. 
  13. Cf. Castro Pérez 1990: 149.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brailsford, J. W., "The Sedgeford Torc", The British Museum Quarterly, Vol. 35, No. 1/4 (Spring, 1971), pp. 16–19, JSTOR
  • Cahill, Mary, "The Dooyork Hoard", Irish Arts Review (2002−), Vol. 19, No. 1 (Summer, 2002), pp. 118–121, JSTOR
  • Castro Pérez, Ladislao (1990) Os Torques Prehistóricos. Santiago de Compostela: USC. ISBN 84-7191-695-9
  • González-Ruibal, Alfredo, "Artistic Expression and Material Culture in Celtic Gallaecia", E-Keltoi, Volume 6, online Arquivado 22 de outubro de 2012 en Wayback Machine.
  • Green, Miranda, Celtic Art, Reading the Messages, 1996, The Everyman Art Library, ISBN 0297833650
  • Laing, Lloyd and Jenifer. Art of the Celts, Thames and Hudson, Londres 1992 ISBN 0-500-20256-7
  • Prieto Molina, Susana (1996). "Los torques castreños del noroeste de la península ibérica". Complutum 7: 195–223. 
  • "Treasures": Treasures of early Irish art, 1500 B.C. to 1500 A.D., an exhibition catalogue from The Metropolitan Museum of Art (fully available online as PDF), which contains material on torcs (cat. no. 4,6,8,10,14,15,21)
  • Taylor, Joan J., Bronze Age Goldwork of the British Isles, 1980, Cambridge University Press, google books
  • Wallace, Patrick F., O'Floinn, Raghnall eds. Treasures of the National Museum of Ireland: Irish Antiquities, 2002, Gill & Macmillan, Dublín, ISBN 0-7171-2829-6